O PPdeG destacou hoxe o “éxito rotundo” e a “acollida espectacular” da convocatoria deste ano do programa Renova o teu vehículo, tras pechar cun total de 1.631 solicitudes para a compra de automóbiles eficientes.
Durante unha visita ao concesionario Rofer en Vigo, os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Felisa Rodríguez e Miguel Fidalgo, salientaron que “esta alta demanda provocou que as axudas solicitadas superasen os 3,7 M€, desbordando o orzamento inicial de 3,5 M€ previsto para este ano”. Para os populares, este interese demostra “a utilidade real” das políticas do Goberno galego á hora de facilitar “unha transición enerxética xusta, idónea e adaptada ás necesidades do peto dos galegos”.
Respecto ao perfil dos solicitantes, do total das 1.631 peticións presentadas, 1.535 corresponden a particulares e 96 a empresas. Os datos reflicten que os galegos apostan maioritariamente pola hibridación e polas tecnoloxías limpas: 880 solicitudes de modelos híbridos de gasolina, 374 para os de gases licuados de petróleo (GLP), 135 para os eléctricos puros e 99 para os híbridos enchufables.
UN BALÓN DE OSÍXENO PARA AS FAMILIAS
Neste sentido, os deputados remarcaron que estas subvencións –que chegan ata os 4.000 euros e ata os 4.600 euros no caso de familias numerosas- constitúen un verdadeiro “balón de osíxeno” para a economía doméstica. “O plan non só rexuvenece o parque automobilístico, senón que tamén favorece a mobilización directa de 37 M€ na economía e un aforro enerxético anual equivalente a uns 350.000 litros de gasóleo”, subliñou Miguel Fidalgo.
A iniciativa financia a adquisición de automóbiles novos, turismos ou furgonetas, que, ademais de cumprir cunhas determinadas características de emisións, teñan un custo inferior ou igual a 42.000 euros. Unha cifra, tal e como explicaron, que se amplía ata os 47.000 euros no caso dos eléctricos con autonomía maior a 30 km en modo eléctrico, e en 6.000 euros adicionais cando se trate dun vehículo adaptado para a utilización de persoas con discapacidade ou se dispón de oito ou nove prazas.
COMPROMISO CO TECIDO INDUSTRIAL
Máis alá do impulso directo aos usuarios, os parlamentarios populares puxeron en valor o compromiso integral do Goberno galego co tecido produtivo a través da publicación, este pasado mes de xullo, dunha nova convocatoria extraordinaria de axudas para empresas do sector galego da automoción.
Esta liña, dotada con 45 M€ e aberta para solicitudes ata o 30 de setembro, estrutúrase en tres grandes eixes de 15 M€ cada un: o primeiro, destinado a proxectos de desenvolvemento experimental e innovación en organización; o segundo, centrado na protección ambiental e na descarbonización; e o terceiro, dirixido especificamente ás pemes para facilitar a súa adaptación á mobilidade verde, descarbonizada e conectada.
“Esta nova inxección económica enmárcase na estratexia que o Goberno galego vén desenvolvendo para consolidar a Galicia como un dos principais polos da automoción en Europa”, explicou Felisa Rodríguez. Neste contexto global, lembrou que a previsión do Executivo autonómico é chegar a mobilizar máis de 230 M€ mediante o Plan director da automoción de Galicia 2025-2027 (dotado con 134,1 M€) e do Programa extraordinario de apoio á descarbonización iniciado en 2024.