A presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, presidiu unha reunión de traballo cos representantes das Novas Xeracións provinciais, na que planificaron o calendario de accións dos próximos meses e abordaron as principais preocupacións dos mozos e mozas galegas, “o verdadeiro motor do futuro de Galicia”, dixo Grueira. Así, puxeron en valor as medidas que impulsa o Goberno galego que lidera Alfonso Rueda fronte aos problemas fundamentais da xuventude, sendo o “número un” a vivenda, pero tamén o emprego ou os estudos.
Grueira mantivo un encontro co secretario de NNXX da Coruña, Yannick Juncal, e cos presidentes provincias de NNXX de Lugo, Miguel Gallego; de Ourense, Martín Gil, e de Pontevedra, Raúl Santamaría. “A mocidade temos un papel fundamental: somos motor dese futuro da Galicia que queremos, dunha Galicia de oportunidades, dunha Galicia na que estudar, traballar e desenvolver o noso proxecto de vida. Por iso, queremos que a xuventude se impliquen na vida dos seus concellos, que defendan as preocupacións de rapaces e rapazas coma nós para construír xuntos esa Galicia de futuro”, apuntou Grueira.
O GOBERNO GALEGO POSIBILITA A EMANCIPACIÓN
Ao abordar esas preocupacións principais da mocidade galega, os participantes puxeron énfase no problema da vivenda, a súa preocupación “número un”. “A vivenda é unha prioridade para facilitar a emancipación dos mozos coma nós. E, en Galicia, contamos con políticas desenvolvidas polo Goberno do presidente Alfonso Rueda que nos ofrecen a oportunidade de superar esa gran barreira”, explicou a presidenta das Novas Xeracións galegas.
Entre as políticas desenvolvidas polo Goberno galego, salientaron a construción de máis vivenda publica, con reserva especial para os menores de 36 anos; o Bono emancípate ou as medidas de acceso e rehabilitación da vivenda, que permiten ofrecer novas oportunidades aos mozos e, ao mesmo tempo, contribuír á recuperación e dinamización dos concellos rurais.
Neste punto, lembraron que o Goberno galego puxo en marcha en 2026 unha nova liña de axudas para a rehabilitación de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes, cun investimento inicial de 5 millóns de euros de fondos propios ou as axudas para adquirir vivenda en concellos de ata 10.000 habitantes. “Estas medidas son unha oportunidade para facilitar o acceso á vivenda á xuventude, pero tamén para contribuír a fixar e atraer poboación ao rural”, engadiu Grueira.
No relativo ao emprego, outra das preocupacións dos mozos, sinalaron a importancia de programas do Goberno galego como Rural Activo, orientado ao fomento do emprego no medio rural; Bono Remuda, que facilita o relevo de negocios e a continuidade da actividade económica; colivings, como nova fórmula para favorecer o asentamento de poboación e ofrecer alternativas residenciais no rural e as axudas á incorporación de mozos ao medio rural, que na convocatoria de 2026 contan cunha dotación de 53 millóns de euros, dos que 23 millóns se destinan á incorporación da mocidade e 30 millóns aos plans de mellora asociados.
Tamén falaron de educación, poñendo en valor a aposta do Goberno galego por políticas pioneiras neste ámbito, lembrando que en Galicia é posible estudar gratis dende a escola infantil ata a universidade. “Isto contribúe a reducir o esforzo económico das familias e facilita que os mozos e mozas poidan acceder e continuar os seus estudos universitarios”, salientaron na reunión de traballo.
UN ENCONTRO FRUTÍFERO PARA O INICIO DE CURSO
Os participantes nesta reunión de traballo valoraron o encontro como “moi frutífero” para arrancar o inicio de curso político, despois dunha primeira toma de contacto hai unhas semanas na Escola de Verán “Gerardo Fernández Albor”, en Lalín, onde xa “quentaron motores” con faladoiros sobre a Galicia do futuro, os retos do municipalismo ou o papel dos mozos na política.