“Cinco anos despois da aprobación da LOMLOE son suficientes para comprobar que é necesario abordar unha revisión profunda da lei”, sinalou, hoxe, o portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos.
Tras apuntar que o actual modelo, imposto polo Goberno central, non funciona e está a lastrar o futuro da mocidade, avogou por un novo marco legal, asentado no diálogo coas Comunidades autónomas e coa comunidade educativa, que permita avanzar nun sistema educativo que responda aos retos e necesidades do ensino e supere “esta etapa negra, marcada por unha normativa que, en lugar de atallar os problemas, creou máis”.
Aproveitou para afear o “atropelo lexislativo” promovido polo Executivo de Pedro Sánchez de costas ás administracións responsables de xestionar o día a día das políticas educativas; e fixo fincapé nas graves consecuencias da LOMLOE, a “lei do tanto dá”, sobre a cultura do esforzo, a calidade educativa e a igualdade de oportunidades.
Para paliar esta situación, o representante popular subliñou que, durante estes cinco anos, Galicia nadou contra corrente e puxo en marcha medidas para paliar os efectos da normativa estatal e seguir mellorando o ensino. Como exemplos deste compromiso coa calidade, destacou o Acordo de Mellora do Sistema Educativo, os programas de mellora da competencia lectora e matemática integrados no Plan MEGA, e o plan específico deseñado pola Xunta para a redución da burocracia do profesorado.
DEFENSA DA SOBERANÍA E APOIO A CEUTA
Asemade, os populares galegos presentarán outra proposición non de lei no vindeiro pleno relativa á crise que se vive desde o verán na cidade ceutí, xa que, tal e como afondou Alberto Pazos, “o sucedido non pode considerarse un problema local”. “O Goberno central ten a obriga de actuar con previsión e firmeza para recuperar a normalidade e aplicar a lei, e non pode pretender trasladar as consecuencias da súa inacción ás comunidades autónomas”, dixo.
A través desta iniciativa, os populares formularán unha serie de esixencias firmes ao Goberno de España, instándoo a despregar todos os recursos necesarios para recuperar a normalidade e a reforzar de xeito permanente a seguridade fronteiriza. Así mesmo, demandarase ao Executivo central que execute os procedementos de retorno e readmisión das persoas que accederon irregularmente, asumindo de xeito pleno as súas competencias de control sen derivar responsabilidades ás comunidades autónomas. Finalmente, reclamarase a implicación directa do Ministerio de Igualdade para extremar a protección de mulleres e nenas fronte á violencia e o cumprimento estrito de Marrocos de todas as obrigas de control e cooperación bilateral.
Por outra banda, avanzou que o Grupo Popular formulará tres preguntas orais, relativas á convocatoria de folga indefinida de médicos, propiciada pola falta de diálogo do Executivo de Pedro Sánchez na elaboración do Estatuto Marco; á revisión do reparto das cotas de sardiña e bocarte e ao Plan Social polo Clima do Goberno de España. Para rematar, avanzou, tamén, a comparecencia, a petición propia, do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deporte, para abordar a situación do transporte na nosa Comunidade; e o debate á totalidade do proxecto de Lei de Educación dixital de Galicia.