O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, contrapuxo hoxe na Coruña os dous modelos radicalmente opostos que existen en Galicia para facer fronte ao grave problema da vivenda: o da Xunta de Galicia, baseado en “construír vivenda e aportar solucións, fronte ao modelo que escenifican as alcaldesas da Coruña e de Santiago de “construír escusas e relato” para xustificar o seu fracaso.
Pazos, que estivo acompañado do portavoz municipal do PP, Miguel Lorenzo, afeou o encontro mantido hoxe por las alcaldesas da Coruña e Santiago, ao que tachou de ser un “cumio” cuxo único obxectivo é o de buscar escusas e botar culpas: “Son dúas alcaldesas que coinciden en sinalar un culpable externo ao fracaso das súas políticas de vivenda”. “Oxalá –engadiu- remate a política de escusas e se sumen á das solucións e investimentos pola que aposta o PPdeG”.
A este respecto, o representante popular referiuse á declaración de zonas tensionadas, a cal considerou un exemplo da desastrosa xestión neste ámbito de ambas as dúas rexedoras. Neste punto, fixo fincapé nos resultados que tivo nas cidades. Así, incidiu nos resultados desta política: aumento dos prezos do aluguer e redución da oferta en máis dun 50% no último ano, tal e como aconteceu na cidade coruñesa. E sinalou que a solución pasa por “políticas máis serias e compromisos orzamentarios”.
“SOLUCIÓN MOI ESCASA” FRONTE AOS FEITOS DA XUNTA
Asemade, Alberto Pazos cualificou de “solución moi escasa” a medida do Goberno central de destinar 5,11 millóns de euros vinculados a estas zonas na Coruña e Santiago, unha contía, tal e como explicou Pazos, coa que só se poderían financiar menos de 30 vivendas públicas, entre Santiago e A Coruña: “O lóxico sería recapacitar e tomar medidas alternativas, pero, lonxe diso, o que se pretende é crear polémicas absurdas e estériles arredor dunha suposta aportación do Estado, da que a Xunta aínda non recibiu nin un só euro”.
Fronte a isto, Alberto Pazos puxo en valor a política de feitos do Goberno galego, recordando que ten en marcha na Coruña máis de 1.000 VPP cun investimento de 200 millóns, converténdoa na urbe galega con máis vivenda pública en marcha.
INICIATIVA NO PARLAMENTO PARA ESIXIR RECURSOS REAIS
Pazos anunciou que o Grupo Popular vai presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia. O obxectivo será instar á Xunta a reclamar ao Goberno central un incremento substancial e xusto dos recursos públicos, demandar lealdade institucional ao Ministerio evitando polémicas artificiais e blindar por lei a avaliación con datos oficiais dos efectos destas zonas tensionadas para evitar que sigan asfixiando o mercado.
O portavoz popular concluíu lembrando que o modelo do PPdeG na Xunta é cuantificable e con feitos, destinando en 2026 un total de 350 millóns de euros ás políticas de vivenda (un 63% máis para construción) e coa meta clara de duplicar o parque público ata acadar as 8.000 vivendas en 2028 e as 10.000 en 2030.
UNHA MEDIDA INEFICAZ
Pola súa banda, o portavoz municipal do PP da Coruña sumouse ás críticas cara á xestión local e cuestionou as demandas da alcaldesa coruñesa. Afeoulle que, en materia de vivenda, non fixera nada nos últimos sete anos e que, o pouco feito, tan só serviu para agravar o problema, aprobando medidas populistas que son un fracaso coma a zona tensionada ou acumulando atraso tras atraso en todas as actuacións municipais.
Para o representante local, o único que fixo a alcaldesa foi empeorar o mercado de aluguer coa zona tensionada, que retirou inmobles do mercado, aumentou a demanda e subiu os prezos. Ao seu xuízo, o problema da vivenda solucionarase derrogando a lei estatal de vivenda e a zona tensionada na cidade, ao que se comprometeu cando sexa o seu próximo Alcalde, construíndo máis vivendas públicas, seguindo o modelo que está a liderar a Xunta, axilizando as licenzas municipais dende o Concello para reactivar o sector e convocando axudas directas para a rehabilitación de inmobles e a instalación de ascensores.