“Moitos destes bens foron rescatados co diñeiro de todos os cidadáns e o lóxico é que revertan directamente no benestar social dos galegos”, sinalou hoxe o portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, ao anunciar a presentación dunha proposición non de lei no vindeiro pleno para esixirlle ao Goberno de España a cesión gratuíta e definitiva de todas as vivendas e solos da SAREB situados na comunidade autónoma.
Pazos detallou que, segundo datos oficiais, a SAREB dispón en Galicia dun patrimonio residencial inmobilizado de 1.756 vivendas e 2.654 solos, concentrados maioritariamente nas zonas onde máis se necesita ampliar o mercado –máis de 1.000 vivendas na Coruña, ao redor de 400 en Pontevedra, preto de 200 en Lugo e case unha vintena en Ourense-. “A cesión gratuíta destes activos permitiría ampliar de forma inmediata o parque público de vivenda para destinalo ao alugueiro social e a programas de acceso á vivenda protexida”, remarcou.
Neste senso, o portavoz contrapuxo o modelo do PPdeG, baseado “no servizo público e o sentido común”, co de Pedro Sánchez, que “prefire xestionar o solo desde unha lóxica de especulación financeira”: “Galicia ten proxecto, ten estratexia e sabe como poñer eses recursos a funcionar; o único que falta é a vontade política do Goberno central”.
MÁIS TRANSPARENCIA E MENOS INTERVENCIONISMO
Seguindo co bloque de vivenda, o Grupo Popular defenderá unha segunda iniciativa para esixir ao Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana “información clara, detallada e accesible” sobre o número total de inmobles postos a disposición en Galicia, a súa localización exacta, así como tamén a data real de entrega das chaves aos propietarios ou adxudicatarios. “A política de vivenda non se mide polo fume dos anuncios, senón polas vivendas construídas, entregadas e habitadas”, salientou Pazos, quen criticou a política de anuncios, titulares e propaganda do Executivo de Pedro Sánchez.
Así mesmo, os populares formularán unha pregunta oral para avaliar o impacto real dos últimos reais decretos lei estatais. Pazos cualificou estas medidas de “puramente intervencionistas” e advertiu que, lonxe de achegar solucións, “só conseguen xerar inseguridade xurídica aos propietarios, provocando que se retiren aínda máis inmobles do mercado”. Fronte a isto, o portavoz puxo en valor que a Xunta responde con feitos a través das máis de 4.000 novas vivendas de promoción pública en marcha e o despregamento de medidas pioneiras como o impulso de novo solo residencial ou a facilidade para converter baixos en vivendas: “O problema da vivenda soluciónase construíndo e dando facilidades, non con receitas intervencionistas que afogan o mercado”, subliñou.
AVAL XURÍDICO AO SECTOR EÓLICO
Así mesmo, o PPdeG preguntará sobre o impacto da recente resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) arredor do parque eólico de Bustelo: “A xustiza aplica a doutrina do Tribunal Supremo e avala, punto por punto, o rigor técnico, ambiental e xurídico co que tramita a Xunta de Galicia”. Neste punto, incidiu en que “cada parque paralizado de forma inxustificada supuxo un atranco á competitividade e puxo en risco investimentos cruciais para o emprego”.
Para rematar, o portavoz popular informou dunha iniciativa para denunciar o “abandono” por parte do Goberno central do proxecto da Biblioteca Pública do Estado en Vigo, cualificándoo como “un novo engano” cunha cidade que agarda por esta infraestrutura desde hai case dúas décadas.
Finalmente, Alberto Pazos anunciou a comparecencia do conselleiro de Sanidade, a petición propia, para informar polo miúdo do novo Plan de Reforma de Atención Primaria e Comunitaria 2026-2030.