O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, urxiu hoxe ao Goberno central a que dea conta, con transparencia e de forma detallada, do número total de inmobles que puxo a disposición en Galicia, a súa localización exacta, así como tamén a data real de entrega das chaves aos propietarios ou adxudicatarios.
Neste punto, recordou os máis de 276.000 inmobles comprometidos sen que a día de hoxe, tal e como apuntou, coñezamos se algún corresponde a Galicia e onde se atopan. “A pesar da insistencia do Goberno galego e dalgúns medios de comunicación, o Goberno de España négase a facilitar os datos de seguimento das súas promesas”, afeou o portavoz popular. Así, o representante popular contrapuxo a solución para o problema da vivenda formulada polo Goberno galego fronte ao do Executivo central: “Para a Xunta a clave está en construír máis vivenda e para o Goberno de España a clave está en prometer máis”.
Segundo Pazos, o que mellor define a presidencia de Pedro Sánchez é a súa incapacidade para manter un só dos compromisos que adquiriu ao chegar ao goberno. Así, incidiu nas nefastas consecuencias que tiveron as súas promesas neste eido: prometeu medidas para facilitar a compra de vivenda e o prezo aumentou un 74%; prometeu abaratar o prezo do alugueiro e este incrementouse nun 45%; prometeu rematar co uso especulativo da vivenda e, pola contra, invitou a investir en España aos fondos voitre; e prometeu rematar cos desafiuzamentos e, en oito anos, acumúlanse preto de 272.000.
O ACCESO A UNHA VIVENDA, O PRIMEIRO PROBLEMA DOS ESPAÑOIS
O voceiro popular esixiu respecto ao sistema democrático, á separación de poderes e ao autogoberno, así como tamén lealdade institucional. Neste senso, fixo fincapé en que aprobar dous decretos rexeitados polo pleno do Congreso dos Deputados nun órgano que non reflicte a maioría decidida nas urnas é dubidosamente legal e indubidablemente ilexítimo. “Lexislar sobre unha competencia autonómica sen nin sequera negociar previamente coas Comunidades autónomas –continuou- é un ataque directo ao noso autogoberno, e impoñerlle obrigas económicas sen transferir o orzamento necesario para atendelas é inxusto, gravoso e profundamente desleal”.
Durante a súa intervención, aproveitou, tamén, para recordar que no momento da chegada de Sánchez á Moncloa a vivenda ocupaba o posto décimo sexto nos problemas dos españois: “Tras nove anos de políticas progresistas, o acceso á vivenda xa se converteu no primeiro problema”.
Para rematar, criticou que a solución de Sánchez a todos os problemas sexa sempre a mesma: “Botarlle a culpa ao outro”. Así, sinalou que ante a folga de médicos, a invasión de Ceuta, os malos resultados do informe PISA, o gran apagamento de 2025, a imputación de Begoña Gómez, a condena do seu irmán e os casos de corrupción do PSdeG Pedro Sánchez sacudiuse toda responsabilidade.