O PPdeG reivindicou “o compromiso firme e con feitos” do Goberno galego co sector agrogandeiro fronte ao incremento dos custos de produción, principalmente, no referido ao gasóleo agrícola e aos fertilizantes.
Durante unha visita recente ao Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde, en Xinzo de Limia, os deputados do Grupo Parlamentario Popular Cristina Campero e Miguel Viso puideron coñecer de primeira man o traballo que desde estas instalacións se fai a prol do sector. E aproveitaron para enxalzar a nova orde de axudas, de máis de 3,6 M€ –dos cales 1,6 M€ proceden dunha achega procedente da Comisión Europea e 2 M€ son adicionais da Xunta-, que o Goberno galego lanzará para paliar o encarecemento do gasóleo agrícola e dos fertilizantes, e que ten como obxectivo apoiar de forma directa aos profesionais que apostan pola viabilidade do campo, as explotacións profesionais e o desenvolvemento do rural.
Neste senso, explicaron que estes apoios contarán cunha tramitación simplificada e aboaranse antes de que remate o ano para dar liquidez directa aos agricultores e gandeiros autónomos cuxos ingresos dependan polo menos nun 25 % da actividade agraria.
Para a deputada popular Cristina Campero, estas axudas son “unha mostra do compromiso real e con feitos” da Xunta cos profesionais do campo nun momento de dificultade, correspondendo ao esforzo da xente que o fai ben. Porque, segundo dixo, garantir a estabilidade e a rendibilidade resulta fundamental para asegurar a remuda xeracional no rural e permitir que a mocidade aposte por este sector.
Pola súa banda, o deputado Miguel Viso remarcou que “a verdadeira defensa do rural faise con política útiles”, a través de recursos que chegan directamente ao sector produtor e que poñen en valor o liderado lácteo de Galicia, que concentra máis da metade das explotacións de España e produce o 42 % do leite do Estado.
Os deputados populares concluíron reiterando que o futuro do rural pasa por apoiar aos gandeiros que apostan pola calidade, pola sustentabilidade e pola protección da biodiversidade. Así, incidiron no compromiso da Xunta para continuar sendo un aliado do sector primario, impulsando medidas que reforcen a súa competitividade e contribúan a fixar poboación no territorio.
INICIATIVA NO PARLAMENTO PARA UN REPARTO MÁIS XUSTO
Ao fío disto, os deputados lembraron que o Grupo Popular rexistrou unha iniciativa no Parlamento para solicitar ao Goberno central a revisión dos criterios das axudas estatais para fertilizantes, esixindo cambios normativos para un reparto “máis xusto e acorde coa realidade produtiva de Galicia”.
Dende o PPdeG denunciaron o “desequilibrio territorial” dun modelo de Pedro Sánchez que deixa á comunidade con só o 0,6 % destes fondos, prexudicando gravemente a un sector clave economicamente onde a superficie agraria está moi vinculada á produción de forraxes e á alimentación do gando. Con esta iniciativa, os populares avogan por que os apoios estatais “se aproximen o máximo posible aos custos que realmente soportan os profesionais”, sumándose así á reclamación que a propia Xunta xa trasladou formalmente a Madrid.
CENTRO DE DESENVOLVEMENTO AGROGANDEIRO
A elección do Centro Agrogandeiro responde precisamente ao seu coñecemento directo desta materia. As súas instalacións funcionan como laboratorio e punto de apoio técnico para agricultores e produtores da provincia, aos que presta servizos de análise de solos e asesoramento posterior, incluídas recomendacións específicas de fertilización.
Servando Álvarez, director técnico do centro e cunha longa traxectoria no asesoramento aos produtores da Limia, ten desenvolvido ademais traballo específico arredor da racionalización da fertilización dos cultivos e da xestión de fertilizantes