A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegurou no primeiro día da campaña electoral do 29N que Alberto Núñez Feijóo será “un presidente para todos”, tanto para os que o voten como para os que elixan outras opcións, e “devolverá a confianza á xente nas institucións” se acada a maioría suficiente nas urnas, fronte “o odio, as mentiras e o medo” que propugnan o PSOE de Pedro Sánchez e os seus socios, como o BNG.
Así o asegurou durante unha visita á Praza de Lugo da Coruña, xunto ao alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, e o presidente do PP da Coruña e candidato á Alcaldía, Miguel Lorenzo. Prado afirmou que os populares farán unha campaña “en positivo”, escoitando primeiro as “necesidades” da cidadanía e dos traballadores -como os que esta mañá estaban no mercado-, para despois traballar por “poñerlle solución a eses problemas e necesidades”. Unha campaña á altura do que merece o país, na que se porán en valor as “propostas” do programa electoral do Partido Popular.
Do líder do PP subliñou que é “unha persoa responsable” e “con palabra”, Feijóo, avalado por 13 anos de xestión á fronte do Goberno galego e que se presenta ás Eleccións Xerais convencido de que pode levar a cabo unha “reconstrución nacional”, mediante a rexeneración democrática, reconciliando a cidadanía coa política, saneando o país para facer real a baixada de impostos, o mantemento das pensións, as facilidades no acceso á vivenda e medidas para a mocidade. En definitiva, dando a España un “futuro próspero”, en lugar de mirar “cara atrás”, como fan “outros partidos”.
Prado insistiu en que a papeleta do Partido Popular representa “a única alternativa”, é o voto útil para o cambio necesario, porque calquera outra papeleta só servirá para darlle opcións a Sánchez de seguir na Moncloa. Incluída a do BNG, o que acusou de vender a Galicia “a cambio de absolutamente nada”, ao “poñer os intereses” propios “e os intereses de Sánchez por riba dos intereses dos galegos”. Para concluír, mostrouse “convencida” de que Feijóo “será o próximo presidente do Goberno de España”.
Pola súa banda, José Luis Martínez-Almeida, quen percorrerá hoxe varias localidades de Galicia para rematar participando na Estrada nun mitin encabezado por Alfonso Rueda, lembrou que lle gusta definirse como “madrigalego” e celebrou estar en Galicia no “primeiro día de campaña electoral”, que asegurou que será “apaixonante”. “Imos conseguir ese cambio necesario”, vaticinou, “da man do único candidato que de verdade ten unha idea do que necesita España e a capacidade para levalo a cabo, que é Alberto Núñez Feijóo”.
MIGUEL LORENZO: “FEIJÓO XA DEMOSTROU QUE SABE XESTIONAR BEN”
O presidente do PP local da Coruña e candidato á Alcaldía, Miguel Lorenzo, destacou que é necesario baixar impostos, como xa “fixo” Alfonso Rueda en Galicia, “fará” Alberto Núñez Feijóo en España e “eu, por suposto, cando sexa alcalde desta cidade” en 2027.
Lorenzo censurou que o goberno local, en contra da demanda dos populares, prometera conxelar os impostos municipais, cando tería que baixalos. Nesta liña, destacou a José Luis Martínez-Almeida, alcalde de Madrid, como referente, con rebaixas fiscais para axudar ás familias, que “non poden máis” por culpa das políticas dos “falsos gobernos progresistas”, en alusión aos de Sánchez e Inés Rey.