Santiago, 31 de xullo de 2018.- A Comisión de estudo sobre política forestal e prevención e extinción de incendios aprobou hoxe o seu ditame, co apoio dos grupos parlamentarios do PPdeG e PSdeG. Entre as recomendacións recollidas no documento figuran a necesidade dunha planificación integral do territorio e dos usos do solo rural, ao tempo que demanda dotar de novas competencias á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) para impulsar a mobilidade de terras produtivas e a creación de polígonos agrarios e distritos forestais. Tamén se solicita centralizar nun ente instrumental específico, dependente da Xunta, as funcións en materia de prevención de incendios e vixilancia de incumprimentos; así como a creación dun grupo de expertos para optimizar a eficacia do servizo de extinción de incendios.
O portavoz do Grupo Popular nesta Comisión, José González, sinalou que “estamos diante dun ditame multidisciplinar, que fala da ordenación do territorio, a multifuncionalidade do noso monte e dos seus problemas estruturais”. Neste sentido, salientou que esta Comisión “permitiu facer unha reflexión sobre a situación actual do noso monte e a política forestal, abríndose á sociedade civil para coñecer a súa opinión”.
José González puxo de manifesto os problemas existentes coa estrutura da propiedade no rural galego. “Estamos a falar de minifundismo e descoñecemento dos propietarios derivado do proceso de desagrarización vivido nas últimas décadas, fenómeno non só vivido en Galicia senón que tamén se padeceu en diversos países do noso entorno”, apuntou.
Entre as recomendacións recollidas no ditame da comisión figura realizar unha planificación integral do territorio rural e dos usos do solo rural por áreas funcionais, utilizando para isto os instrumentos actualmente existentes e regulados na Lei de Ordenación do Territorio.
COMPLEXIDADE NA ESTRUTURA DA PROPIEDADE
Así mesmo, recoñécese a complexidade da estrutura da propiedade no rural galego, un dos principais impedimentos para o desenvolvemento da actividade agraria que permita un medio rural vivo, dinámico e sustentable. Na actualidade, Galicia ten máis de 11 millóns de parcelas rústicas que pertencen a máis de 1,6 millóns de titulares catastrais, polo que os propietarios rurais galegos teñen unha media de 17.000 metros cadrados repartidos en case sete parcelas. Galicia é a Comunidade Autónoma que ten mais parcelas de rústica (o 28% de todas as de España) e ten o 20% de todos os titulares catastrais de rústica de España.
Diante desta situación, o ditame da Comisión de Estudo propón concentrar as competencias en materia de estrutura da propiedade na Agader, incluíndo o Banco de Terras e ampliando e afondando nas súas funcións para a mobilización da terra produtiva. Con estas novas funcións, a Agader converteríase nunha axencia que mesmo pode comprar terras ou intermediar entre potenciais investidores e os propietarios de solo que queiran vender as súas fincas.
Ademais, este ente actuará como organizadora dos polígonos agrarios e forestais, feitos a demanda de emprendedores do rural e coa esixencia de que se poña en produción toda a superficie afectada.
Outra das recomendacións técnicas do ditame fai referencia aos procesos de investigación para atacar o problema dos propietarios ilocalizables. Neste ámbito, proponse que a Agader xestione directamente as propiedades no rural galego que non teñan propietario logo dun procedemento de investigación, ao tempo que se solicita a revisión integral do catastro de rústica en Galicia.
En relación coa planificación e ordenación forestal, o ditame recomenda que no período 2019-2024 se desenvolvan os plans de ordenación dos recursos forestais dos distritos, así como a creación dun inventario forestal propio de Galicia, o impulso da certificación forestal como elemento demostrativo dunha xestión forestal sustentable, ou a creación dunha comisión para afondar na simplificación normativa no ámbito da actividade forestal.
Outra das recomendacións está relacionada coa prevención de incendios para que se procure centralizar nun ente instrumental específico, dependente da Xunta, unha serie de funcións en materia de prevención e vixilancia dos incumprimentos. O obxectivo é coordinar e dirixir a todas as administracións implicadas, prestando colaboración e asesoramento estable as concellos como un mecanismo que impulse o cumprimento das súas obrigas en materia de prevención.
MAGNÍFICO SERVIZO DE EXTINCIÓN
Un último apartado de recomendacións do ditame da Comisión de estudo sobre política forestal recolle diversas medidas sobre a extinción de incendios. En concreto, ademais de que o propio portavoz popular recoñeceu que “Galicia conta cun magnífico servizo de extinción de incendios, que debe manter a súa configuración actual de servizo público”, aconsella a creación dun grupo de seis expertos de recoñecida capacidade e competencia, elixidos polos grupos parlamentarios e presidido polo xefe do Servizo de Extinción de Incendios, que analice as melloras susceptibles de incorporar e que deberá presentar o seu informe de propostas antes da tempada de máximo risco de incendios de 2019.
Así mesmo, o ditame propón impulsar a multifuncionalidade do monte galego; melloras na xestión das franxas de seguridade ao redor do núcleos de poboación; potenciar o papel das comunidades veciñais de montes veciñais en man común; reforzar os espazos protexidos e as compensacións aos propietarios que sofren restricións no desenvolvemento da súa actividade agraria; impulsar a investigación dos incendios, reforzando a coordinación entre os diferentes corpos policiais; implantar medidas que permitan adaptarse ao cambio climático; potenciar a formación do persoal da loita contra os incendios; e un amplo abanico de incentivos fiscais e financeiros para a mellora do sector forestal e o medio rural no seu conxunto.