Santiago, 8 de xaneiro de 2018.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, fixou hoxe como principais obxectivos neste ano 2018 a creación de emprego, o impulso da recuperación económica e a mellora do Estado do Benestar.
Así mesmo, demandou á oposición “deixar á marxe ás súas posicións ideolóxicas e traballar todos xuntos para sacar o máximo proveito aos 65 comparecentes e á extensa documentación solicitada” na Comisión de Estudo sobre política forestal e loita contra os incendios forestais.
Paula Prado indicou que o Grupo Popular “procederá nestes días á actualización das nosas iniciativas de impulso e control ao Goberno galego, coa vista posta en tres obxectivos para os que vimos traballando nesta lexislatura”.
En primeiro lugar, Prado lembrou que “o obxectivo do PPdeG para a presente lexislatura é a creación de entre 80.000 e 100.000 postos de traballo, situando a taxa de paro por baixo do 10 por cento”. “Son uns obxectivos ambiciosos, pero que cada vez vemos máis cerca logo de que durante o 2017 o desemprego en Galicia baixara en case 21.000 persoas, o que supón a maior caída interanual, en termos relativos, desde hai 20 anos”, apuntou.
“Porén, debemos seguir traballando para que as 185.000 persoas que aínda se atopan sen emprego en Galicia poidan acceder a un posto de traballo no menor prazo de tempo posible”, dixo.
TRASLADO DA RECUPERACIÓN ÁS FAMILIAS
Ligado á creación de emprego, a viceportavoz popular situou como obxectivo continuar co proceso de recuperación da economía galega. Neste sentido, explicou que o PIB galego acumula xa dous anos con taxas de crecemento iguais ou superiores ao 3 por cento, “o que nos fai ser optimistas de cara a que no presente ano se cumpran os prognósticos do Goberno galego de conseguir un crecemento do 2,5 por cento, por enriba do estimado para España e Europa”.
Neste sentido, destacou que “este impulso económico que estamos a vivir estase a trasladar pouco a pouco ás familias galegas”, tal e como o puxo de manifesto a última Enquisa Estrutural de Fogares publicada polo Instituto Galego de Estatística (IGE), onde se sinala que o ingreso medio dos fogares galegos aumentou en 2016 un 4%, ata superar os 2.000 euros por primeira vez desde 2009. Esta enquisa tamén mostra unha redución do 3,2 por cento dos fogares que chegan con dificultade económica a fin de mes.
O Grupo Popular tamén porá especial énfase nas súas iniciativas na mellora do Estado do Benestar: a sanidade, a educación e a prestación dos servizos sociais. Así, lembrou que “a situación de recuperación económica permitiu ao Goberno galego incrementar este ano 380 millóns de euros o gasto social, superando os 7.100 millóns de euros”, ao tempo que subliñou que “imos traballar para chegar ás 60.000 persoas en situación de dependencia atendidas, mellorando o apoio ás familias e á infancia; e á integración das persoas en risco social”.
ESFORZO E DEDICACIÓN Á COMISIÓN FORESTAL
Paula Prado referiuse, por último, á Comisión de estudo sobre a política forestal e a loita contra os incendios forestais, sobre a que afirmou que se trata “dunha das cuestións que maior esforzo e dedicación vai ter por parte dos deputados do Grupo Popular, co obxectivo de sacar adiante unhas conclusións co maior respaldo posible dos grupos políticos”.
“Para elo, mantemos a nosa man tendida para avanzar e sacar o máximo proveito tanto á extensa documentación que se ten solicitado como aos 65 comparecentes que pasarán por esta Comisión de Estudo, de xeito que entre todos sexamos capaces de concretar medidas e novas políticas que garantan o futuro dun monte galego multifuncional, vivo e dinámico, sustentable e rendible economicamente”, manifestou.