Santiago, 23 de novembro de 2017.- A Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento galego aprobou esta mañá o ditame do proxecto de Lei de portos de Galicia, unha norma “de vital importancia para o futuro do mar, da pesca, da náutica, das vilas mariñeiras e, en definitiva, para o futuro de Galicia e do seus 1.700 quilómetros de costa”, manifestou a deputada do Grupo Popular Teresa Egerique.
O novo texto lexislativo queda agora pendente do seu debate en sesión plenaria para a súa aprobación definitiva.
Teresa Egerique concretou que esta nova lei busca axilizar o funcionamento da administración portuaria; facilitar os trámites aos empresarios nas concesións para darlle maiores garantías e outorgar un papel decisivo á participación empresarial na actividade portuaria; mellorar as condicións das dársenas e das instalacións portuarias; fomentar maior competitividade na prestación dos servizos portuarios; establecer a compatibilidade de usos e mellorar a relación porto- cidade e porto- vila; e asegurar o normal funcionamento dos traballos dos usuarios dos portos, a través do reforzo da figura de gardapeiraos e da axilización de trámites como a retirada de buques abandonados.
“En definitiva, a nova Lei de portos vai permitir adaptar a Lei estatal ás particularidades dos portos galegos, reforzando o autogoberno, aumentando a competitividade, con maior seguridade, aproveitando a franxa portuaria, adaptándose ao marco europeo, incrementando a sustentabilidade ambiental e mellorando o día a día nos portos galegos”, sinalou a deputada popular.
SERVIZO PÚBLICO E ACTIVIDADE ECONÓMICA
Egerique considerou un “argumento totalmente infundado que se pretenda un efecto privatizador, porque o que se pretende é todo o contrario: acentuar a función reguladora da autoridade pública de xestión cunha moderada evolución cada un modelo de xestión portuaria na que os portos se consideren como servizo público e como ferramenta da actividade económica”.
“O proxecto mantén intactas as potestades públicas de posibilitar, autorizar e controlar todas as actividades marítimas e terrestres relacionadas co tráfico portuario, as de fomento das actividades comerciais, industriais e de servizos”, polo que “non hai ningunha privatización ou postergamento do servizo público”, asegurou.
Así mesmo, Teresa Egerique explicou que o incremento do prazo de concesión de 30 a 50 anos “é unha medida destinada a fomentar a actividade económica dos portos, permitindo a determinación de prazos en relación a cada concesión concreta, de xeito que se permita a amortización dos investimentos comprometidos nesas concesións”.
A deputada popular salientou que “o consenso social e institucional é o principal aval deste texto lexislativo” e, referíndose en concreto ao papel dos concellos, lembrou que a lei “redactouse da man da Fegamp nesa vontade de coordinación e colaboración coas administracións locais”.