Substituirán aos sete conselleiros que xa formalizaron a súa renuncia ao escano a pasada semana
Adrián Pardo López, Begoña Freire Vázquez, Rosalía López Sánchez e Jesús Miguel Prado Patiño, pola provincia de A Coruña; Moisés Rodríguez Pérez e Belén Cachafeiro Anta, por Pontevedra; e Carlos Gómez Salgado, por Ourense, serán os novos deputados do Grupo Popular en substitución dos sete conselleiros que renunciaron á súa acta no Parlamento galego. Respecto do proxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, o portavoz popular, Pedro Puy, asegurou esta nova norma “establecerá o mecanismo polo que a Xunta vai seguir apoiando aos concellos que voluntariamente se integren neste novo sistema de xestión” e asegurou que suporá “unha redistribución dos tributos que non implicará un encarecemento da auga”.
Pedro Puy comezou a súa comparecencia felicitando aos novos presidentes provinciais do Partido Popular en Pontevedra e Lugo, Alfonso Rueda e Elena Candia, respectivamente, que foron elixidos esta fin de semana. Puy afirmou que estes congresos provinciais “deron unha imaxe da unión que existe no PPdeG e de que o partido está preparado para levar adiante aquelas iniciativas que nos permitan avanzar na recuperación económica e social”. “Este dato contribúe a confirmar que o PPdeG é garantía de estabilidade política e de que, nun momento difícil como o actual, hai un partido que traballa unido para afrontar os problemas da sociedade galega e non está distraído con cuestións orgánicas internas”.
POTENCIAR O GOBERNO GALEGO E O GRUPO PARLAMENTARIO
Por outra banda, o portavoz popular informou da incorporación de sete novos deputados ao grupo parlamentario e agradeceu “o traballo e a participación dos sete conselleiros que renunciaron á súa acta no Grupo Popular, colaboración que van seguir tendo co grupo”. “Esta decisión non só vai potenciar ao Goberno galego, senón tamén ao propio grupo parlamentario, dado que se incorporan sete persoas con experiencia política tanto a nivel local como autonómico”, engadiu.
En concreto, os escanos dos conselleiros Ánxeles Vázquez, Ethel Vázquez, Fabiola García e Rosa Quintana serán ocupados por Adrián Pardo, Begoña Freire, Rosalía López e Jesús Miguel Prado. Así mesmo, Román Rodríguez e Valeriano Martínez serán substituídos por Moisés Rodríguez e Belén Cachafeiro; mentres que Carlos Gómez ocupará o lugar de José González.
Cuestionado sobre o anteproxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, Pedro Puy considerou “necesario dar un paso adiante” neste campo no que a competencia é municipal. Neste sentido, afirmou que “segue habendo moitos núcleos de poboación que aínda non teñen subministro de auga potable nin sistemas de saneamento”, un problema que “conforme avanza o tempo non é só de benestar das familias, senón que tamén ten incidencia no territorio, no medioambiente e na economía, ademais de na saúde de todos”.
DIALOGO COA NOVA LEI DE XESTIÓN DA AUGA
A través desta nova Lei establecerase o mecanismo polo que a Xunta seguirá apoiando aos concellos que voluntariamente se integren nese novo sistema de xestión, realizando unha reorganización dos tributos sen que implique un encarecemento da auga para os cidadáns.
O portavoz popular lembrou que esta nova lei atópase en fase de anteproxecto, polo que esta situación “vai permitir que haxa diálogo” na súa tramitación “pensando no ben común e na incidencia social e territorial que ten unha boa xestión do ciclo da auga”.
OBXECTIVIDADE E NON DISCRECIONALIDADE
Así mesmo, sobre o reparto dos fondos europeos, Puy considerou “unha mágoa que non se distribuísen cun criterio que, polo menos, gozase da presunción da obxectividade, non da discrecionalidade” como optou o Goberno central. “O PSOE perdeu unha gran oportunidade de prestixiar a Unión Europea e de que o país actuase de forma conxunta e sen presuncións de discrecionalidade”, manifestou.
Pedro Puy indicou que a Xunta “fixo un gran esforzo tanto por presentar distintos proxectos como por auspiciar que o sector privado tamén presentara candidaturas, a pesar do marco de incerteza” que existe arredor dos fondos europeos. Porén, sinalou que logo da entrevista da ministra de Economía co Presidente da Xunta o pasado venres “agora hai certas indicacións de que se faga unha priorización”, pero lamentou que “o PSOE de Galicia non está a ter ningunha palabra de apoio e seguen nesta versión crítica cunha Xunta que está intentando conseguir que Galicia teña un trato xusto e obxectivo” por parte do Goberno central