O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España, unha vez constituída a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) na súa sede de A Coruña, que conte coa participación de Galicia e do resto de comunidades autónomas nos seus órganos de goberno. Así mesmo, pídese á Xunta que proceda a reformular a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030, previsto para o ano 2025, e os programas sectoriais e proxectos de IA en Galicia, de forma que nos permita aproveitar a oportunidade da localización da AESIA en A Coruña para consolidar un ecosistema que facilite a implantación de empresas tecnolóxicas e retención e atracción de talento na Comunidade galega.
O viceportavoz do Grupo Popular, Julio García Comesaña, lamentou o atraso co que o Goberno de Pedro Sánchez está a proceder para a implantación da AESIA en A Coruña, xa que o decreto que aprobaba o estatuto desta axencia publicado o pasado mes de setembro se establecía que a constitución do seu Consello Reitor tería lugar no prazo de tres meses. “Curiosamente, a semana pasada, coincidindo co anuncio de debate desta proposición non de lei, o ministro para a Transformación Dixital visitou A Coruña para anunciar as funcións, o logo e o inicio da confección da plantilla de persoal da AESIA, un anuncio realizado sen ningún tipo de representación da Xunta, a pesar de que leva meses reiterando o seu ofrecemento de colaboración e amosando a súa posición a favor de que as diferentes comunidades participen de forma activa ou directa na xestión da axencia”, sinalou.
García Comesaña lembrou que a Xunta, a través da Amtega, xa expresara no mes de marzo de 2023 a súa firme convicción de que as comunidades autónomas formaran parte dos órganos de goberno da futura AESIA. “Consideraba, e segue a considerar, que a participación das comunidades autónomas é crucial, dadas as súas competencias en áreas fundamentais como a saúde, educación, emprego ou política social, entre outras”, dixo.
A maiores, o conselleiro de Facenda do Goberno galego tamén defendeu o pasado 14 de xuño na Conferencia Sectorial sobre transformación dixital que as comunidades autónomas teñan unha participación directa e activa na cogobernanza da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial de A Coruña, do mesmo xeito que acontece na Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Axencia Española do Medicamento, a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición ou na Axencia Española de Protección de Datos, entre outras. Nesta mesma reunión, a maior parte dos representantes autonómicos trasladaron ao ministro o seu malestar polo feito de que as comunidades autónomas non foran consultadas para a elaboración da nova Estratexia de Intelixencia Artificial do Estado.
O viceportavoz popular salientou o compromiso da Xunta coa regulación responsable da intelixencia artificial e mostra disto é a elaboración dunha lexislación propia sobre o uso da intelixencia artificial no sector público autonómico, co obxectivo de garantir un uso ético e seguro da IA en todas as esferas da administración autonómica.