O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, advertiu hoxe que a reforma da Lei de dependencia, aprobada o pasado martes polo Goberno central, “derivará inevitablemente nun incremento considerable e preocupante da débeda de máis de 2.500 millóns de euros que na actualidade xa ten con Galicia” pola atención aos dependentes, polo que demandou que o Goberno de Pedro Sánchez “adapte a súa aportación aos novos servizos que esta modificación obriga a prestar tanto a comunidades autónomas como a concellos”.
Alberto Pazos lembrou que na sesión plenaria celebrada esta semana aprobouse unha proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados socialistas, a través da que se reitera ao Goberno central a solicitude para que cumpra o recollido na Lei de dependencia e abone a Galicia os máis de 2.500 millóns de euros que lle debe por non sufragar o 50 por cento do custo da atención aos dependentes que lle corresponde.
MÁIS SERVIZOS SEN FINANCIAMENTO
“Cantas horas do servizo de axuda no fogar poderíamos financiar nos concellos con estes cartos?, cantas prazas de centros de día e novas casas do maior poderíamos poñer en marcha por toda a xeografía galega? ou canto poderíamos mellorar e axilizar a atención aos nosos dependentes se o Goberno central saldara a súa débeda de 2.500 millóns de euros con Galicia?”, cuestionouse Alberto Pazos.
O portavoz popular lamentou que “o Goberno de Pedro Sánchez, para tapar a súa incompetencia no cumprimento das súas obrigas en materia de dependencia, ponse de perfil e deu un paso máis o pasado martes aprobando unha reforma desta Lei de Dependencia, que obriga a comunidades autónomas e concellos a prestar máis servizos aos maiores e dependentes, pero sen poñer enriba da mesa o financiamento necesario para sufragar estes servizos nin ter feito consulta algunha previamente cos responsables autonómicos para a adopción destas novas medidas”.
“Saudamos a incorporación dalgunhas destas medidas ou os cambios introducidos na Lei de dependencia, máxime tendo en conta que a gran maioría foron propostos pola propia conselleira ao ministro o pasado mes de decembro e unha boa parte delas xa se están aplicando en Galicia desde tempo”, indicou o portavoz popular.
Porén, criticou que, “unha vez máis, o Goberno de Pedro Sánchez obrigue a comunidades e concellos a prestar novos servizos en materia de dependencia sen o correspondente respaldo financeiro, o que inevitablemente vai derivar nun incremento considerable e preocupante da débeda que na actualidade xa ten con Galicia de 2.500 millóns de euros”. Ademais, apuntou que esta ampliación de actividades do servizo de axuda no fogar fora do domicilio “se faga sen ter en conta a opinión dos concellos e se dispoñen do persoal suficiente para prestar estes servizos, cando xa é patente, a día de hoxe, a manifesta falta de persoal que teñen os concellos para atender o actual servizo de axuda no fogar”.
Alberto Pazos demandou aos socialistas galegos que “deixen de poñerse de perfil ante este grave problema financeiro que ten a Comunidade galega polo desprezo que amosa o Goberno de Pedro Sánchez para atender as necesidades dos maiores e dependentes e amosen a valentía e decisión que se lles está pedindo, non só desde o Goberno galego, senón desde os propios concellos de Galicia, que, da boca do presidente socialista da Fegamp, xa amosaron a súa preocupación pola falta de financiamento dos servizos que se presta aos dependentes”.
BOICOT AO GALEGO
Por outra banda, o portavoz popular cualificou de “penoso espectáculo o BNG está protagonizando coa súa moi particular defensa da nosa lingua”. Así, indicou que “primeiro foi a súa rotunda negativa a participar no proceso aberto pola Xunta de Galicia para renovar o Plan Xeral de normalización lingüística, do que os nacionalistas galegos se botaron fora voluntariamente polo simple feito de que non se ía facer o que eles queren facer”.
“E non lles chegou con illarse voluntariamente deste proceso de renovación e impulso da nosa lingua senón que intentaron boicotear a celebración desta primeira reunión, incitando a todos os asistentes a abandonar o encontro”, sinalou Pazos, quen apuntou que “felizmente os dous individuos que o BNG mobilizou para incendiar esta reunión quedáronse totalmente sos e foron os únicos que se marcharon da reunión, quedando os máis de cen convocados traballando con normalidade e poñendo o seu grao de area para garantir o futuro e a promoción do galego a través do consenso, o diálogo e a vontade de escoita”.
Alberto Pazos criticou que “a loita do BNG e das súas organizacións satélites por apropiarse de todo o que teña que ver coa nosa lingua tamén a tivemos que sufrir na sesión plenaria desta semana, cando un grupo de exaltados, convidados todos polo BNG e entre os que figuraba mesmamente a súa coordinadora de Organización e moitos concelleiros e liberados sindicais da CIG, intentaron rebentar o Pleno no momento en que o conselleiro de Cultura estaba respondendo a dúas interpelacións da oposición sobre a situación do galego”.
ACCIÓNS PLANIFICADAS E PREMEDITADAS
“Estamos a falar de dúas accións totalmente planificadas e premeditadas, que forman parte da liña de acción coordinada entre o BNG, a Mesa pola Normalización Lingüística e Queremos Galego para apropiarse de todo o que teña que ver coa nosa lingua e someter aos cidadáns para que acaten a súa ideoloxía, porque son incapaces de entender e respectar que o galego é propiedade de todos e que será entre todos como debemos chegar a un pacto social e político para o impulso do galego”, incidiu.
Pazos afirmou que “o que pon de manifesto esta situación é que no BNG e, por suposto, no propio Grupo Parlamentario, xa hai quen manda máis e da ordes por enriba da propia Ana Pontón, atendendo expresamente os desexos sobre o futuro da lingua galega expresados pola propia UPG, disposta a abordar a situación da lingua desde ‘o activismo social e cultural de maneira permanente’, coa convicción de que ‘a plena normalización da nosa lingua precisa dun Estado propio soberano’, defendendo que ‘o galego ten que ser a lingua vehicular no ensino e o idioma normal e xeral de uso na administración e servizos públicos e no conxunto da sociedade’, renunciando expresamente a calquera uso tolerante das dúas linguas oficiais de Galicia”.