O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, afirmou hoxe que o Debate sobre o Estado da Autonomía que se celebrará a vindeira semana servirá para “volver demostrar que o Presidente Rueda goberna desde as persoas e para as persoas”, con novas medidas “para que Galicia mellore aínda máis a súa posición a nivel nacional na atención ás familias e na prestación de servizos sociais a todos os galegos, tanto no ámbito educativo, como no sanitario e na atención a maiores, dependentes e xuventude”.
Respecto da situación política a nivel nacional, criticou que os independentistas cataláns xa comezaras a poñer prezo para que Pedro Sánchez se manteña na Presidencia do Goberno de España, como a amnistía, a celebración dun referendo ou o pago dunha suposta débeda de 450.000 millóns de euros, “deixando a Galicia sen proxectos fundamentais en materia de infraestruturas ou servizos sociais”.
Alberto Pazos comezou a súa intervención ante os medios de comunicación trasladando o pésame ás familias dos 13 falecidos no dramático incendio acontecido nunha discoteca de Murcia e solidarizándose con todos os murcianos nestes momentos tan emotivos.
Así mesmo, felicitou á directora Jaione Camborda e a todo o equipo da película O Corno, que resultou gañadora da Cuncha de Ouro no Festival de cine de Donostia. “Un dobre mérito ao ser a primeira muller en conseguir este galardón e ser a primeira película en lingua galega que acada este premio”, subliñou.
O portavoz popular referiuse ao Debate sobre o Estado da Autonomía que se celebrará a vindeira semana na que o Presidente Rueda fará un balance da xestión realizada pola Xunta de Galicia nos últimos anos, centrándose especialmente no labor realizado no último ano, desde o seu nomeamento como Presidente da Xunta. “Galicia é unha terra forte e con futuro, e vén de demostralo coa superación a nivel económico e social da crise provocada pola Covid-19, recuperando a fortaleza económica prepandemia seis meses antes que o conxunto de España”, indicou.
NOVO IMPULSO
Alberto Pazos reiterou que “o Partido Popular goberna desde as persoas e para as persoas, e así o seguirá facendo con medidas que o Presidente Rueda porá enriba da mesa no Debate sobre o Estado da Autonomía”. Neste sentido, lembrou que “Galicia iniciou hai pouco máis de un ano unha nova etapa da súa historia coa chegada á Presidencia da Xunta de Alfonso Rueda e nestes meses a actividade do Goberno galego viviu un novo impulso coa posta en marcha de iniciativas importantes dirixidas á mellora da vida das familias galegas e de defensa do autogoberno de Galicia”.
En concreto, o portavoz popular destacou a aprobación da Lei do litoral, para xestionar toda a costa galega e que está a atopar coa oposición do Goberno de Pedro Sánchez; a equiparación das familias con dous fillos ás familias numerosas a efectos das desgravacións do IRPF e a ampliación do calendario vacinal galego; o impulso de cerca de 1.900 vivendas públicas de alugueiro e outras 3.000 da man de promotores privados; situar a Galicia como unha das comunidades autónomas con menos impostos para as rendas medias e baixas; e a decidida aposta de Galicia polo uso das enerxías renovables.
Porén, Pazos lamentou que “este esforzo que se está a facer desde o Goberno galego non se está a ver acompañado polo Goberno de Pedro Sánchez, máis preocupado por atender as demandas dos independentistas cataláns para conseguir manterse na Presidencia de España”. “Pedro Sánchez aínda non é candidato, pero os independentistas cataláns xa comezaron a poxa e a poñer prezo para que poida manterse no Goberno de España: amnistía e referendo, unha chantaxe inadmisible que non se debe aceptar ningún goberno, e menos aínda un que xa se posicionou en contra da amnistía por considerar que era inconstitucional”, sinalou.
“E todo iso, acompañado da solicitude de pago dunha suposta débeda do Estado con Cataluña de 450.000 millóns de euros, que Pedro Sánchez se encargará de quitarllos a outras Comunidades autónomas, deixando a Galicia sen proxectos fundamentais en materia de infraestruturas viarias e ferroviarias, o pago da débeda pola atención á dependencia, o incremento das prazas MIR en sanidade ou a rebaixa do IVE na carne, o peixe e as conservas, fundamental tanto para a cesta da compra dos galegos como para o futuro deses sectores”, engadiu.
OUTRA FORMA DE FACER POLÍTICA
Con respecto á sesión de investidura de Alberto Núñez Feijóo como Presidente do Goberno, celebrada a pasada semana no Congreso, Alberto Pazos asegurou que “serviu para clarexar e demostrar que hai outra forma de facer política defendendo a liberdade e a igualdade dos españois, respectando as institucións e pensando, sobre todo, no interese xeral”.
Deste xeito, salientou que “vimos a un líder valente, que falou aos españoles con claridade, transparencia e honestidade, fronte a un Pedro Sánchez que escondeu a súa covardía e falta de respecto institucional, converténdose no primeiro presidente en funcións da democracia que delegou nun secundario, ou máis ben un terciario, a resposta ao candidato”.
“Desde o PPdeG estamos seguros que Feijóo non conseguiu a maioría dos votos necesaria para gobernar, pero se gañou o respecto de millóns de españois que, como fixeron os galegos durante moitos anos, viron a un político de fiar e íntegro, que non está disposto a gobernar a toda costa e que antepón o interese xeral sobre calquera ambición persoal”, manifestou o portavoz popular, que augurou que “estes elementos nos levan a confiar que, máis ben pronto que tarde, Alberto Núñez Feijóo será o Presidente do Goberno de España”.