O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, esixiu hoxe ao Goberno central que atenda as demandas feitas polo Goberno galego para abordar os danos causados polos incendios forestais deste verán “cumprindo o que se comprometeu: a creación dunha liña de axudas para os afectados polos incendios e o envío a Galicia de persoal do Exército e maquinaria para axudar na restauración das infraestruturas afectadas polo lume e evitar os efectos por arrastre que as choivas poidan ocasionar”.
Alberto Pazos referiuse á comparecencia do Presidente da Xunta no Pleno desta semana na que deu conta do que o Goberno galego fixo, está a facer e fará ante a vaga de lumes que Galicia sufriu este verán, “unha situación nunca antes vivida na nosa Comunidade á que o dispositivo de extinción tivo que facer fronte, arriscando en moitas ocasións as súas vidas ao facer fronte a lumes de sexta xeración, moi difíciles de apagar e ante os que primou a protección das vidas humanas e, en todo o que se puido, as vivendas e as propiedades dos galegos”.
MEDIDAS ANUNCIADAS
Sobre esta comparecencia, o portavoz popular lembrou as medidas anunciadas polo Presidente Rueda, desde o completo paquete de axudas postas a disposición dos afectados ata os traballos que a Xunta xa está a realizar para evitar o arrastre das cinzas que quedaron nos montes coa chegada das chuvias. Neste sentido, salientou as novas accións de prevención dos lumes que se porán en marcha, entre as que figuran a mellora da limpeza das franxas secundarias ou a posta en marcha dun plan director da industria forestal, para optimizar o aproveitamento dos nosos bosques.
Tamén se procederá á mellora dos traballos de extinción coa solicitude para a creación dunha base permanente da Unidade Militar de Emerxencias no concello ourensán de Toén, que estaría acompañada neste mesmo concello ourensán por unha nova Brigada de Reforzo en Incendios Forestais, ademais de reforzar os medios aéreos de extinción.
“O Goberno galego é consciente de que todo o que se faga para evitar que Galicia volva sufrir unha nova vaga de lumes é pouco, polo que é necesario que todas as administracións traballen da man para conseguir que tanto o número de incendios forestais como as súas consecuencias se reduzan ao mínimo”, indicou o portavoz popular.
NULO INTERESE DO GOBERNO CENTRAL
Deste xeito, e á marxe de agradecer os medios físicos e materiais que desprazou a Galicia para loitar contra os incendios forestais deste verán, cualificou de “incomprensible o nulo interese e atención que o Goberno de Pedro Sánchez está a ter coas solicitudes de actuación e de colaboración que se lle fan desde o Goberno galego”. “É indignante que, a día de hoxe, o Goberno central aínda non dera resposta á solicitude feita polo Goberno galego para que colaborara nos traballos que se están a facer para corrarrestar os posibles efectos dos arrastres por choivas ou a recuperación de infraestruturas necesarias para a poboación”, concretou.
“Pasaron xa 18 días desde que o conselleiro de Presidencia se dirixira á ministra de Defensa pedíndolle a colaboración do exército para a realización destes traballos, pero seguimos á espera dunha resposta a esta demanda, a pesar de que a ministra amosara no seu momento a súa plena disposición a colaborar”. lamentou.
Alberto Pazos criticou que o Goberno central faga “oídos xordos á solicitude de colaboración con efectivos do exército e maquinaria para repoñer as infraestruturas afectadas polos incendios e para evitar os danos que as choivas poidan ocasionar nos nosos ríos e captacións de auga co arrastre da cinza deixada polo lume, sen esquecernos de que tampouco sabemos nada das axudas anunciadas polo Presidente Sánchez para os afectados polos incendios, e que serían un bo complemento ás que a Xunta xa puxo á súa disposición”.
TRENS DE CERCANÍAS E SANCIÓNS POR INTERRUPCIÓN DO SERVIZO
Por outra banda, o portavoz popular referiuse a dúas cuestións relacionadas co ministro de Transportes, Óscar Puente. A primeira delas é o anuncio do estudo para crear un servizo de cercanías ferroviarias en Galicia, “algo que saudamos pero que, visto anteriores experiencias vividas con anuncios feitos por este ministro, fáisenos difícil de crer que este proxecto sexa unha realidade”. “Antes de poñer en marcha novos proxectos ferroviarios, sería interesante que se repuxeran todos os servizos de AVE que eliminou en Galicia con motivo da pandemia e vele pola mellora deste servizo, que día tras día acumula retrasos e incidencias para sufrimento dos usuarios”, indicou.
En segundo lugar, Alberto Pazos cuestionou se o ministro “falará en serio cando anuncia que vai denunciar a Galicia pola interrupción do servizo ferroviario a consecuencia dos incendios forestais?”, porque “que multa ou sanción máis grave teremos que poñer ao Ministerio despois de que un tren causara un incendio forestal en Ourense?, sen esquecer que non foi quen de dar unha solución aos viaxeiros ante a interrupción do servizo ferroviario, deixándoos tirados nas estacións sen facilitarlles información”.
“Céntrese no que lle piden todos os galegos: un mellor servizo ferroviario para conectarnos con Madrid, con máis frecuencias e menos incidencias; e, como non, aproveite a ocasión que lle brinda a Comisión Europea e proceda ao rescate e liberación de peaxes na AP-9, acompañado, por suposto, da súa cesión á Comunidade galega”.