27 de decembro de 2023. O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, salientou hoxe, na presentación do informe sobre a actividade parlamentaria ao longo desta XI lexislatura, que “Alfonso Rueda demostrou que é un firme valedor do cumprimento e do valor da palabra dada e que os galegos poden confiar nun Presidente que cumpre os seus compromisos”, como se puxo de manifesto entre os proxectos anunciados hai pouco máis de ano e medio no seu debate de investidura e a realidade amosada no recente Debate sobre o Estado da Autonomía.
Alberto Pazos lembrou que “foi unha lexislatura excepcional na que tivemos que afrontar, en primeiro lugar, unha crise marcada pola pandemia; unha segunda crise motivada pola guerra de Ucraína; e, no ámbito parlamentario, foi a primeira lexislatura na que tivemos que afrontar dúas investiduras”. “Fixémolo con absoluta normalidade, garantindo sempre o bo funcionamento das institucións e estando en todo momento a carón das necesidades de todos os galegos”, asegurou.
“Hoxe cómprense 593 días desde a elección neste Parlamento galego de Alfonso Rueda como Presidente da Xunta e a actividade parlamentaria viviu un pulo importante tanto a nivel de impulso como de control ao Goberno galego”, dixo o portavoz popular, quen destacou neste tempo dous debates: “o primeiro, o Debate de Investidura, no que Rueda trazou a folla de ruta do seu mandato e concretou unha serie de proxectos importantes para o conxunto dos galegos; e o segundo, o Debate sobre o Estado da Autonomía, no que, meses despois, puido dar conta do cumprimento deses compromisos”.
En concreto, referiuse aos anuncios realizados no Debate de Investidura de novas rebaixas de impostos, a ampliación do calendario vacinal ou novos beneficios fiscais para as familias, “e que hoxe xa son unha realidade da que gozamos todos os galegos”. “En definitiva, o contraste entre eses dous debates é que o Presidente Rueda é un firme valedor do cumprimento e do valor da palabra dada e que os galegos poden confiar nun Presidente que cumpre os seus compromisos”, incidiu.
PROXECTOS DE LEI SEN APOIO DE PSOE E BNG
Centrándose na actividade parlamentaria, Alberto Pazos concretou que 15 dos 27 proxectos de Lei que se aprobaron no Parlamento galego ao longo desta XI Lexislatura fixéronse con Alfonso Rueda como Presidente, destacando textos lexislativos como a lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga; a lei de áreas empresariais; a lei para impulsar a provisión de postos de difícil cobertura no Servizo Galego de Saúde; a lei para a redución da temporalidade no emprego público da Comunidade galega; a lei reguladora dos xogos; a lei do litoral; a lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia; así como os orzamentos da Xunta para 2023 e 2024”.
“Lamentablemente, todos estes proxectos saíron adiante gracias á maioría do PPdeG, xa que ningún deles contou co apoio nin de BNG nin de PSdeG, a pesar de que, co paso do tempo, estase a demostrar que eran medidas necesarias e acertadas polo ben de Galicia e dos galegos”, manifestou.
Ademais, neste tempo de mandato de Rueda tamén se aprobaron proposicións de lei como a do panteón de galegos e galegas ilustres ou, unha vez máis, a solicitude solicitando a transferencia a Galicia da AP-9.
En total, o Parlamento galego aprobou nesta lexislatura 38 novas leis, das que 27 foron a proposta do Goberno galego e as outras 11 eran proposicións de lei (10 realizadas polos grupos parlamantarios e 1 de iniciativa popular).
Dentro da actividade desenvolvida en pleno, Alberto Pazos informou que se realizaron 1.516 iniciativas, das que 945 (o 62,3 por cento) foron de control ao Goberno galego; e as outras 571 de impulso. Neste punto, destacou que “o 76,2 por cento das iniciativas en sesión plenaria, o que supón máis de 3 de cada 4, foron propostas polos grupos da oposición, o que bota abaixo o seu incansable cacarexo de que o rolo do PPdeG impide que se aborden os asuntos que eles queiran nas sesións plenarias”.
“Pero, dentro do apartado de proposicións non de lei, tamén hai outro dato que bota abaixo a perorata dos grupos da oposición sobre a maioría do PPdeG: practicamente a metade das PNL aprobadas en Pleno foron por unanimidade, unha cifra que en Comisións achégase ao 70 por cento, é dicir, máis de dúas de cada tres PNL aprobadas nas Comisións foron por unanimidade”