O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou hoxe que a “a xente moza ten moito que dicir na Galicia do futuro” e animou a toda a mocidade galega a seguir reivindicando, máis que nunca, a igualdade e a liberdade desde “o inconformismo e a non resignación”.
No marco do XI Congreso Autonómico de Novas Xeracións de Galicia, celebrado na Cidade da Cultura e no que Nicole Grueira foi elixida presidenta tras obter un 91,5% de apoios, o líder dos populares galegos puxo en valor o inconformismo da mocidade, a súa valentía e a súa capacidade para “non renderse e aceptar que teñen moito que dicir”.
Criticou neste sentido “esas visións interesadas que pretenden que toda a mocidade pense dunha determinada maneira” e afirmou que “a ideoloxía non ten idade nunca”, poñendo como exemplo a gran cantidade de xente nova que acudiu ás concentracións pola igualdade dos españois celebradas o pasado domingo nas catro provincias galegas. “Toda esa mocidade era xente que non ten nada que perder nin que gañar, pero que sinte neste momento hai que ser máis libres e máis iguais que nunca”, asegurou.
“Este é o momento de reivindicar que todos somos iguais, que non queremos discriminacións, que ninguén ten que sentirse superior a ninguén e que en ningún caso poden sentirnos facer inferiores”, engadiu o presidente antes de destacar que o valor real desta mensaxe é que procede dunha “mocidade orgullosamente galega e española que nin se conforma nin se resigna”.
Reivindicou así mesmo “a cultura do esforzo, a valentía e de construír o país desde todas as idades” que caracteriza a Novas Xeracións de Galicia ao PPdeG fronte aos que menosprezan “a capacidade de intentar ser un pouco mellores cada día e pretenden facernos a todos iguais pero por abaixo”. E asegurou que esta é precisamente a razón pola que cada vez máis mozos e mozas se senten identificados co proxecto dos populares e polo que “Novas Xeracións é a organización que máis se parece á mocidade galega”.
O líder dos populares galegos remarcou que “hai cousas polas que en ningún caso, de ningunha maneira e baixo ningún concepto se poden aceptar” e fixo un chamamento a “reivindicar a dignidade de Galicia con forza e convicción” porque a Comunidade estase xogando “ser ou non ser”.
“Somos unha comunidade reivindicativa do noso, que non quere quitarlle nada a ninguén pero que tampouco vai permitir que nos quiten nada a nós. Cremos neste país, no conxunto que formamos todas as comunidades autónomas e queremos ser protagonistas”, engadiu comprometéndose a facer todo o que estea da súa man para seguir ofrecendo aos galegos “un Goberno que fai de Galicia unha illa de estabilidade”.
Algo para o que, engadiu, é necesario contar cunha organización “forte, unida e que teña as cousas claras” como é Novas Xeracións de Galicia: “Todo isto sería imposible de conseguir se non contásemos co respaldo de tanta xente moza”.
“ESTE É O FINAL DUN CAMIÑO E O INICIO DOUTRO PARA NOVAS XERACIÓNS, PERO SEGUINDO IGUAL DE FORTES”
Alfonso Rueda quixo agradecer ao xa expresidente de Novas Xeracións, Adrián Pardo, o seu traballo á fronte da organización durante estes anos e o feito de que “non tivese medo a ningún reto e atrevérase a facer cousas que requiren de moita experiencia”. E, recoñecendo que “nunca é fácil ser a cara visible, o mascarón de proa e representar á organización político-xuvenil máis grande de Galicia”, desexoulle a máxima das sortes en todo o percorrido que lle queda por diante.
Da nova presidenta, Nicole Grueira, destacou a responsabilidade, valentía, o atrevemento e a falta de medo que demostrou para, con tan só 22 anos, alcanzar a “máxima representación da xente nova do partido máis importante de Galicia”.
Recordando que nas pasadas eleccións municipais xa fora a candidata máis nova de Galicia, Rueda amosouse convencido de que o feito de que Grueira veña dun concello do rural lucense como Pol é a demostración de que “as cousas tamén se poden facer desde abaixo” e que “desde o pequeno tamén se poden facer políticas moi grandes”.
“Á política hai que vir aprendido e Nicole sabe desenvolverse mellor que ninguén”, destacou o presidente do PPdeG ao tempo que afirmaba sentirse representado nela e poñía en valor o proceso de “renovación tranquila, intelixente e desde a unidade” que fixo Novas Xeracións de Galicia. “Este é o final dun camiño e o inicio doutro, pero seguindo igual de fortes”, concluíu.
NICOLE GRUEIRA: “ESTAMOS CHAMADOS A LIDERAR O FUTURO E SOMOS OS ENCARGADOS DE DAR FORMA AO PRESENTE”
Na súa primeira intervención como nova presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira agradeceu aos seus compañeiros a “oportunidade de representar ao conxunto da mocidade galega” e puxo a súa disposición toda a súa ilusión, compromiso e ganas de traballar polo futuro.
“Hoxe volvemos demostrar a forza de Novas Xeracións e que a mocidade vén pisando forte, decidida a formar parte da nosa historia común porque non só estamos chamados a liderar o futuro, senón que somos os encargados de dar forma ao presente”, afirmou.
Avogou así por unha mocidade “que aposte por unha política transformadora, que impulse á nosa sociedade cara o mellor destino, na que todas as voces sexan escoitadas e na que todos os dereitos sexan respectados”.
Grueira comprometeuse a que a organización sexa clave na primeira maioría absoluta de Alfonso Rueda, destacando do presidente o seu traballo pola mocidade galega e as medidas que está a poñer en marcha desde o Goberno galego pensando no futuro. E, facendo seu o lema do PPdeG, remarcou: “A mocidade galega non para!”
“Que sorte temos os mozos e mozas galegas de vivir nunha Galicia que medra a pasos axigantados, de ter á nosa disposición un lugar onde quedar e prosperar, e de contar cun guía como Alfonso Rueda no que confiar e co que nunca nos perderemos”, engadía.
Unha situación que contrapuxo co pouco ou nada que Pedro Sánchez ofrece á mocidade, cuxo futuro condena “polas súas ambicións persoais”. Unha idea que desenvolveu así: “Sánchez trata de vendernos progreso, liberdade e igualdade pactando cos partidos que odian e rompen España; pero non imos permitir que nos condene a todos á ruína duns poucos só para manterse no poder”.
“A xuventude galega non vai calar nin se vai resignar ante isto. Non imos permitir que os intereses duns poucos se convertan nos intereses de todos. Porque a liberdade duns remata onde comeza a liberdade doutros, remarcou.
ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO: “O COMPROMISO DE NOVAS XERACIÓNS É HOXE MÁIS IMPORTANTE QUE NUNCA”
No acto celebrado nos túnel subterráneo da Cidade de Cultura de Santiago de Compostela estiveron presentes tamén a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, a presidenta nacional de Nuevas Generaciones, Beatriz Fanjul, e os catro presidentes provinciais do PPdeG.
O presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, que non puido asistir presencialmente, enviou unha mensaxe en vídeo na que daba as grazas a Adrián Pardo polo seu “esforzo, lealdade e compromiso co PP en Galicia e en España”.
Desexándolle moita sorte a Nicole Grueira no seu novo cargo, deulle como consello que “traballe moito” e animouna asegurando que “poucas cousas hai máis gratificantes que ter a oportunidade de servir aos galegos e galegas”.
“Grazas a todos os mozos e mozas de Novas Xeracións por non quedarvos calados, por dar un paso ao fronte e involucrarvos na construción dunha Galicia e unha España mellores. O voso compromiso é hoxe máis importante que nunca”, engadiu.