O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, mostrou hoxe a súa aposta por “construír España desde Galicia” e da man de todos os líderes autonómicos do Partido Popular, reivindicando a nosa Comunidade como unha terra de portas abertas, con moita identidade e inconformista: “Queremos seguir mellorando e progresando, pero estando orgullosos de ser como somos. Non queremos que ninguén nos cambie nin nos fai falta buscar fose ningún outro modelo. O noso modelo é ser galegos e, estando orgullosos de ser galegos, sentirnos tamén moi españois”.
Falou neste sentido de Galicia como parte da solución que necesita España e da súa intención de selo fuxindo do conflito. Unha actitude na que, afirmou, o PPdeG “non está, nunca estivo e nunca estará” e que contrapuxo á daqueles que “buscan problemas onde hai solucións só para que nunca haxa unha solución, para facer sentir inquieta á cidadanía e para xerar un sentimento de que a política non vale nada”.
Fronte á confrontación, Rueda ofrece esixencia e lealdade á hora de facer reivindicacións xustas, pero facendo un chamamento a non caer nunca na submisión, nin no sometemento, nin na chantaxe #ante os desprezos que Galicia está a sufrir por parte do Goberno central. “Connosco que non conten para iso”, remarcou.
“Que conten connosco para traballar con argumentos e cos deberes feitos, para dar certezas e para ser a terra de entendemento que somos”, engadiu o presidente antes de comprometerse a “seguir poñendo sentidiño, tendendo pontes e ir da man co resto de España alá onde outros só propoñen barullo, muros e fronteiras artificiais”.
“POÑAMOS ENTRE TODOS O SENTIDIÑO E O SENTIDO COMÚN QUE LLE FALTAN AO GOBERNO CENTRAL”
O presidente do PPdeG aproveitou a presenza do resto de líderes autonómicos do partido para poñer en valor que, á marxe da defensa que cada un deles faga dos seus respectivos territorios, é máis o que todos teñen en común e por iso fixo un chamamento a “poñer entre todos o sentidiño e o sentido común que lle faltan ao Goberno central”.
“Sumar e Podemos só queren cargos. O nacionalismo só quere que todos sexamos nacionalistas e o PSOE só quere o que queira Sánchez, que é a si mesmo. Demostrémosles que nós o que queremos é un país”, afirmou á vez que explicaba que é posible competir “sanamente” entre comunidades “sen pisarse unhas a outras, sen excluír a ninguén e sen desexar o mal a outros”.
Apostou neste sentido por respectar “as diferenzas que enriquecen” no canto de fomentar un modelo autonómico que prima a desigualdade, fortalecendo o “proxecto común” e facendo así unha reivindicación da preservación da igualdade “por encima de todo”.
“Para defender a igualdade hai que dicir non a poxa de intereses que se está dando en España, non ás imposicións do nacionalismo e non á indecente colonización das institucións democráticas que estamos a ver todos os días. Para defender a igualdade hai que dicir si ao respecto ás nosas comunidades, si á liberdade fronte á imposición, e si á unión dos galegos co resto de españois e do conxunto dos españois entre si”, subliñou.
“GALICIA TEN QUE CONTINUAR SEGUINDO O SEU PROPIO MODELO”
Fronte a todo ese desgoberno de improvisacións, chantaxes, imposicións e desigualdades que fomenta o Goberno socialista do Estado, Alfonso Rueda erixiuse como garante da normalidade da que goza Galicia e apostou por “illala de toda esa esa inestabilidade que outros queren transmitirnos”.
“Vou loitar contra todo iso e para que non haxa nin españois de primeira e de segunda, nin galegos de primeira e de segunda”, engadiu reprochando ao multipartito da oposición galega que aplauda todo este “bochorno” cando nada ten que ver coa Galicia “real”.
Por iso expuxo as eleccións do próximo 18 de febreiro como unha oportunidade para que os galegos elixan “se queren que Galicia siga sendo como é ou se, pola contra, entre en toda esta deriva na que a esquerda estaría encantada de que entrásemos con tal de poder gobernar”.
E puxo como exemplo destas “manipulacións e falsidades” que promoven os partidos de esquerda todos os bulos que nas últimas semanas difundíronse sobre os produtos do mar galegos. Pedindo acto seguido un aplauso “para a valentía, a gallardía e a coherencia da xente do mar que está a ser atacada” e reivindicou: “Galicia sabe a mar e vai seguir sabendo a mar, a pesar de quen lle pese”.
Concluíu nesta liña que “Galicia ten que continuar seguindo a súa propio modelo afastado do nacionalismo independentista e da franquía na que Pedro Sánchez pretende converternos para buscar lexitimación ás súas tropelías” e chamou a todos os seus a traballar “con convencemento, sen dar nada por gando e sendo conscientes de todo o que está en xogo” de aquí ao 18 de febreiro.
UN ACTO AO QUE ASISTIRON MÁS DE 1.000 PERSOAS
Antes da intervención do presidente do PPdeG tiveron lugar unha serie de debates en formato mesa redonda e que estiveron moderados por Fabiola García, Julio García Comesaña e Diego Calvo.
O primeiro deles, Próximos presidentes. Aposta segura, contou coa participación de Álvaro Queipo (presidente do PP de Asturias), Javier de Andrés (presidente do PP do País Vasco) e Paco Núñez (presidente do PP de Castela-A Mancha).
A continuación, na mesa Recuperar a estabilidade que España necesita, interviñeron Marga Prohens (presidenta do Govern de Illes Balears), María Guardiola (presidenta da Junta de Extremadura), Jorge Azcón (presidente do Gobierno de Aragón) e Carlos Mazón (presidente da Generalitat Valenciana).
O último debate produciuse na mesa Centrados na xestión. O valor da experiencia, onde os máis de 1.000 asistentes ao acto puideron escoitar a Alfonso Fernández Mañueco (presidente da Junta de Castilla y León), Fernando López Miras (presidente da Región de Murcia), Isabel Díaz Ayuso (presidenta da Comunidad de Madrid) e Juan Manuel Moreno Bonilla (presidente da Junta de Andalucía).