O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe que se o partido que lidera é o que máis se parece a Galicia, por iso é tamén o que ten máis alcaldesas na nosa Comunidade: “Galicia é unha terra de mulleres fortes e líderes e así o demostran as nosas alcaldesas”. Enxalzando acto seguido ás 28 rexedoras populares como referentes en igualdade e compromiso cos seus veciños.
No marco do Foro de Alcaldesas do PPdeG que se celebrou hoxe en Boborás e no que participaron tamén a secretaria xeral Paula Prado e o líder do PP da provincia de Ourense, Luis Menor; o presidente dos populares galegos apostou por poñer en valor a estas mulleres “incorporadas á política pola súa valía”.
Unha valía da que, explicou, os seus veciños e veciñas son coñecedores: “Por iso as elixiron para dirixir os seus concello outorgándolles maiorías absolutas e incluso apoios superiores ao 80%”.
“Estas mulleres son referentes da igualdade real que non é aparencia, senón que se demostra día a día tendo capacidade e poder executivo, empregando as ferramentas que teñen á súa disposición para cambiar as cousas e transformar os seus concellos tal e como están facendo”, explicou.
GALICIA NON PARA E NON QUERE PARAR
Tomando como exemplo aos concellos gobernados polos alcaldes e alcaldesas do PPdeG e ao propio Goberno galego, Alfonso Rueda asegurou que “Galicia non para e nós non queremos parar”. Algo que puxo en valor fronte á parálise que vive España “cun Congreso sen funcionar e un Goberno en funcións desde hai moito tempo”.
“Nós queremos seguir traballando e por iso quero reivindicar todas as medidas que ten proxectadas o Goberno galego e que se reflicten nos Orzamentos do próximo ano”, asegurou Rueda incidindo en que moitas destas medidas afectarán positivamente aos concellos galegos. “Necesitamos aos concellos para poder aplicalas e que cheguen a todos os veciños”, engadiu.
O presidente fixo fincapé en que os Orzamentos de 2024 volveron ser aprobados “en tempo e forma” e que recollen medidas pensadas para apoiar aos colectivos que máis o precisan, especialmente aos maiores e ás familias, nun momentos de dificultade e de incremento dos gasto nos fogares.
Nesa liña destacou as novas baixadas de impostos, que cualificou como un aceno de identidade do PPdeG: “Nós non só baixamos os impostos, senón que non os subimos en ningún caso e ademais de manter as rebaixas existentes introducimos novas rebaixas”.
Citou tamén as medidas de apoio aos autónomos e a quen queira crear unha empresa por primeira vez, así como a blindaxe dos servizos sociais e a sanidade pública galega. Citando especificamente unha medida pioneira anunciada onte como a realización dun mapa xenómico a todos os galegos entre 35 e 65 anos para “avanzar nunha medicina cada vez máis personalizada e previr e tratar máis enfermidades”.
E, por suposto, tamén medidas para seguir reforzando a igualdade con políticas directas: “A igualdade é moito máis que recursos orzamentarios, pero tamén hai que dedicarllos e nós facémolo con medidas de conciliación e de loita contra a violencia machista”. A este respecto concluíu: “A nós impórtanos todo o que teña que ver coa igualdade real, como real é a igualdade que queremos implantar na sociedade galega desde a Xunta e desde os concellos”.
Alfonso Rueda finalizou a súa intervención apelando á Galicia real, a que a xente demanda e que “é máis fácil de acadar con referentes como as 28 mulleres alcaldesas que dirixen os concellos co orgullo de pertencer ao PPdeG”.
O PARTIDO CON MÁIS ALCALDESAS DE GALICIA
O lugar elixido para celebrar esta segunda xuntanza do Foro de Alcaldesas do PPdeG, no que se se puxeron en común propostas para o futuro de Galicia, foi Boborás. Neste concello ourensán, a súa súa alcaldesa, Patricia Torres, revalidou o seu cargo e foi a máis votada o pasado 28 de maio cunha porcentaxe de voto de case o 87%.
Xunto a ela, están as rexedoras de Boimorto, Teo, Trazo, Cervo, Folgoso do Courel, Guntín, Rábade, Triacastela, Bande, Boborás, A Bola, Cenlle, Gomesende, Larouco, Lobios, Oímbra, Porqueira, Riós, San Cibrao das Viñas, Vilariño de Conso, Marín, Mos, Oia e Ponteareas.
Con todas elas, o PPdeG segue sendo o partido con máis alcaldesas de Galicia e incluso incrementou o seu número nun 12% despois das últimas eleccións municipais ata chegar ás 28.
En total, todas elas suman máis de 200 anos de experiencia de goberno e teñen un alto nivel de apoio entre a súa veciñanza; xa que máis do 90% delas gobernan con maioría absoluta e a metade delas obtivo unha porcentaxe de voto moi superior ao 60% o pasado 28 de maio.