O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe que a política que leva a cabo o seu partido alá onde goberna é a política dos principios, da estabilidade, do rigor e da convivencia e que isto se demostra con feitos tanto nas actuacións do Goberno galego como na xestión de Nidia Arévalo á fronte do Concello de Mos.
Xusto o contrario, engadiu, ao que acontece con aqueles partidos que exercen a política desde a chantaxe, as promesas incumpridas, os pactos escuros e os enredos imposibles de siglas. O cal exemplificou nun Pedro Sánchez e nun PSOE que prometían que non ían aprobar indultos, que afirmaban non estar a favor da amnistía e que se negaban a condonar unha débeda a Cataluña que agora vai custar 400 euros a cada galego.
Unha situación que Rueda cualificou de disparate e ante a que Galicia non pode permanecer impasible. Por iso fixo un chamamento a todos os presentes a defender a dignidade, a estabilidade, o progreso e a cohesión da nosa Comunidade.
En clave local, recordou algúns dos feitos que demostran o compromiso do Goberno galego con Mos: o centro pioneiro de coidados intermedios no Rebullón, a nova vivenda protexida que se vai construír en San Eleuterio ou os investimentos no Hurbe co fin de seguir facendo das cidades lugares máis amables.
LUIS LÓPEZ: “GALICIA, PONTEVEDRA E MOS MERECEN E NECESITAN UN PRESIDENTE COMO ALFONSO RUEDA”
Pola súa banda, o presidente provincial indicou que Mos leva 16 anos cun liderado forte, cunha alcaldesa magnífica, membro da dirección provincial do partido e agora no Senado. “Nidia vai facer un gran traballo levando, pedindo e insistindo nas necesidades de Mos e de Pontevedra en Madrid”, indicou.
“Quero felicitarvos a todos vós, porque o pasado mes de maio afrontamos unhas eleccións municipais e traballastes arreo para que Nidia e o PP de Mos revalidaran, de xeito rotundo, a maioría absoluta, e así poidades beneficiarvos de ata 20 anos dun gran goberno local”, destacou Luis López
O presidente provincial pediu á militancia do PP de Mos que siga traballando arreo. “Mos precisa alguén como Nidia e a Xunta precisa alguén como Alfonso. Temos que traballar dende xa mesmo como nas municipais, porque Alfonso Rueda merece ser novamente o presidente de Galicia, e ademais Galicia, Pontevedra e Mos merecen e necesitan un presidente como Alfonso” finalizou.
NIDIA ARÉVALO: “SEGUIREMOS TRANSFORMANDO O NOSO CONCELLO CO APOIO DO PRESIDENTE ALFONSO RUEDA”
Na súa intervención, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, quixo dar as grazas ao equipo que fixo posible acadar o pasado mes de maio a súa cuarta maioría absoluta: “Grazas ao gran grupo humano que conforma o equipo do PP de Mos e que representa a todas as nosas parroquias e barrios. E grazas a todas as persoas que me apoiaron, por ter renovado a confianza en min”.
Así mesmo asegurou que “seguiremos a construír todos xuntos o Mos que queremos e que estamos conseguindo grazas ao apoio do presidente Alfonso Rueda e da Xunta de Galicia, que nos permitiu transformar o noso concello”. Por iso “é o momento de que lle devolvamos ao presidente Rueda todo ese apoio a Mos, co noso apoio rotundo e contundente nas vindeiras eleccións autonómicas”.
Tamén tivo Nidia Arévalo palabras de agradecemento para Alberto Núñez Feijóo “como gran valedor e defensor de Mos”, por darlle a oportunidade de formar parte do proxecto de futuro que ten para mellorar España como fixo con Galicia e por depositar a súa confianza nela como portavoz adxunta no Senado.
A alcaldesa mosense rematou: “Para min a maior das honras é poder servir a Mos como alcaldesa e agora tamén como senadora e portavoz adxunta. Por iso non deixarei nin un segundo da miña vida de traballar para poñer a Mos por riba de todo sempre”.