O PPdeG organizará o próximo domingo na explanada de Palexco da cidade da Coruña o acto Queremos construír España desde as Comunidades Autónomas, que estará presidido polo presidente Alfonso Rueda e contará coa presenza de todos os presidentes autonómicos do Partido Popular.
Así o anunciou esta mañá a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, en declaracións aos medios na cidade herculina acompañada polo presidente provincial do PP, Diego Calvo, e o líder local do partido, Miguel Lorenzo.
“Mentres outros non son capaces de convocar unha Conferencia de Presidentes, desde o PP queremos demostrar que si é posible reunir aos presidentes autonómicos para que aporten as solucións que necesita España desde a unidade, a lealdade e, sobre todo, desde a igualdade”, explicou a número dous dos populares galegos.
Paula Prado insistiu en que “non é necesario romper a igualdade entre españois para gobernar España”, como está facendo o Goberno de Pedro Sánchez con decisións como a de condonar a débeda a Cataluña e que irían precisamente na liña de fomentar a desigualdade entre comunidades.
“Queremos que Galicia sexa protagonista deste acto porque somos unha illa de estabilidade fronte ao barullo e a falta de solucións dos partidos independentistas, porque somos un exemplo na adopción de medidas sociais, porque somos unha referencia de diversidade, unidade e estabilidade; e porque somos unha terra que xera confianza”, engadiu.
“OS PARTIDOS DO MULTIPARTITO DA OPOSICIÓN SÓ ESTÁN PREOCUPADOS DE GARDAR A SÚA CADEIRA EN MADRID”
Para a secretaria xeral do PPdeG, o acto do domingo demostrará non só a “unidade da gran familia que é o Partido Popular”, senón tamén “o compromiso do presidente Alfonso Rueda por Galicia e do resto dos presidentes autonómicos polas súas respectivas comunidades”. Algo do que, apuntou, “deberían tomar nota os partidos do multipartito da oposición”.
Paula Prado puxo o foco no feito de que estes partidos o que están facendo é, tal e como se comprobou nestes días, “gardar a súa cadeira en Madrid e poñer os seus intereses persoais por riba dos intereses de Galicia”. Referíndose así ao anuncio da candidata de Sumar e do candidato do PSOE de non deixar o seu escano no Congreso á espera do que suceda nas autonómicas.
“Ao señor Gómez Besteiro estáselle a poñer cara de Gómez-Reino, que ao día seguinte das pasadas eleccións autonómicas volveu ao seu escano en Madrid e esqueceuse totalmente de Galicia”, afirmou ao tempo que incidía nunha diferencia entre ambos. “Mentres que Gómez-Reino apartouse a un lado cando se iniciou o proceso de sucesión no seu partido, o candidato socialista xa está colocando á alcaldesa de Lugo na rampla de saída”.
Todo isto respondería, segundo a número dous dos populares galegos, a que estes partidos “prevén uns moi malos resultados electorais e a súa falta de opcións de formar goberno”. Polo que concluíu: “O que os galegos e galegas nos xogamos o 18 de febreiro é seguir desfrutando da estabilidade que ofrece un goberno unido como o de Alfonso Rueda ou un multipartito que só pensa en gardar as súas cadeiras porque perderon a esperanza de permanecer, ou incluso entrar, no Parlamento”.
DIEGO CALVO: “AS MEDIDAS DO PP SON AS QUE PRECISAN OS GALEGOS”
Na comparecencia desta mañá ante os medios, o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, agradeceu de antemán a asistencia esta fin de semana de todos os presidentes de comunidades autónomas gobernadas polo PP á cidade “nunha reunión de traballo que reforza ao noso presidente e candidato, Alfonso Rueda, nun momento importante no que toda España está a sufrir unhas desigualdades que ata o de agora eran impensables, que provocan que en función onde vivas teñas uns dereitos ou outros”.
Así, indicou Calvo, “en Galicia teremos que pagar 400 euros por persoa para condonar unha débeda que acumularon os gobernos cataláns ou estamos a ver como a nosa normativa é recorrida ante o Tribunal Constitucional polo Goberno central mentres a outras comunidades se lles autoriza”.
Para o presidente dos populares coruñeses é importante chamar a atención sobre a situación que está a vivir en España e esta visita “servirá para coordinarnos, establecer estratexias políticas e coller impulso ante unhas eleccións autonómicas ás que nos presentamos cun gran presidente e candidato e un proxecto de futuro”.
Así, sinalou, as medidas do PPdeG “son as que precisan os galegos e galegas, e permítanme que incida nunha que entrou onte en vigor, como é o Bono Deporte e do que xa se rexistraron 70.000 descargas”.
Finalizou dicindo Diego Calvo que “nós seguimos o camiño e a liña de colaboración con outras comunidades e traballaremos nunha campaña en positivo que comezamos con moita ilusión e nada mellor que a reunión desta fin de semana para saír con moita forza nesta provincia”.
MIGUEL LORENZO: “SE ALGUÉN SABE DOS PROBLEMAS DOS MULTIPARTITOS É A CIDADE DA CORUÑA”
Pola súa banda o presidente do PP local, Miguel Lorenzo, sinalou que “se alguén é consciente dos problemas dos multipartitos é precisamente a cidade de A Coruña e os coruñeses, con gobernos populistas apoiados por socialistas ou destes con nacionalistas que o único que fixeron foi enfrontarse e opoñerse aos grandes temas da cidade e para os que sempre ten que saír o PP a apoiar e salvar, como no caso da Intermodal ou o CHUAC”.
Lorenzo manifestou que Galicia precisa da seguridade, certezas e estabilidade que proporciona Alfonso Rueda e que “precisamos esa maioría que reforce a aposta da Xunta por esta cidade, con grandes investimentos e o desenvolvemento da fachada marítima ou o centro de saúde de Santa Lucía, ao respecto do cal aínda estamos esperando a resposta do Concello”.