O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, apelou hoxe á confianza que os galegos depositaron nel hai un ano comprometéndose a “seguir renovándoa cada día” e ofrecéndolles a cambio “traballo sen descanso” para “responder aos compromisos dados e facer que Galicia siga crecendo”.
Fíxoo no acto organizado polos populares galegos en Santiago para celebrar o primeiro aniversario da maioría absoluta acadada o pasado 18 de febreiro. Un acto que superou todas as expectativas de afluencia –asistiron 2.500 persoas– e na que o presidente invitou a todos a involucrarse no que considera a “tarefa colectiva” de “seguir escribindo as mellores páxinas de Galicia”.
“Quero unha Galicia na que caiba todo o mundo, na que haxa igualdade de oportunidades e na que a vivenda sexa un dereito e non unha ilusión. Unha Galicia con identidade, aberta aos investimentos que crean traballo, e potente en I+D+i”, salientou como algúns dos seus obxectivos neste sentido.
Uns obxectivos que han de ser acadados “ao estilo de Galicia” e desde o inconformismo, a esixencia, a humildade e a ambición. “O noso estilo é máis de convencer que de impoñer, máis de convivir que de dividir, máis de sentidiño que de tolerías e máis de esixirnos a nós que de esixir aos demais”, explicou.
“Nós somos de cumprir a palabra dada e por iso estou orgulloso de que 2 de cada 3 medidas das que estaban no noso programa electoral xa están feitas ou en marcha para que sexan unha realidade antes do remate da lexislatura”, engadiu.
Enumerou así medidas como a gratuidade das matrículas universitarias, o reforzo da FP, as 2.000 vivendas públicas xa en marcha, as baixadas de impostos, as facilidades para as mulleres que se queiran someter a tratamentos de fertilidade, o plan de choque en dependencia, o rescate das autovías con peaxes en sombra ou a posta a disposición das empresas de solo público gratuíto durante oito anos.
“DERIBAREMOS OS OBSTÁCULOS COA FORZA DA CONSTITUCIÓN, DA RAZÓN E COA CONFIANZA DA XENTE”
“Xa sexa ‘Galicia cumpre’, ‘Galicia funciona’ ou ‘Galicia goberna’, o significado dos nosos lemas é sempre o mesmo e todo o contrario da oposición que temos”, afirmou Rueda referíndose a partidos que “fan cero autocrítica, cren que teñen a razón absoluta e están enfadados porque a xente non os vota”.
Animando aos seus a “non perder o tempo con eles”, o presidente non dubidou en subliñar: “Son os mesmos de sempre e elixidos a dedo polos de sempre: un polo dedo infalible de Pedro Sánchez e outra polo dedo infalible da UPG”.
O presidente recordou a campaña electoral á que o PSdeG se presentou “sen ter un programa electoral e coa única promesa de que a AP-9 ía ser gratuíta”, mentres que o BNG fíxoo cun “programa oculto que non lles interesaba que se soubese”. Un programa que, tal e como engadiu, supoñía un “branqueamento absoluto” do ideario nacionalista galego que “sempre defenderon e volveron defender desde o día seguinte das eleccións”.
Rueda apuntou a que a vitoria de hai un ano ten que servir para “derribar os obstáculos dun nacionalismo que levanta fronteiras utópicas e dun Pedro Sánchez que divide a sociedade en dous e non dá nada a Galicia” e facelo “coa forza da Constitución, da razón e coa confianza da xente”.
“Ao igual que o fixemos coa Lei do litoral, farémolo coa transferencia da AP-9 e co financiamento autonómico. E seguirémolo facendo cada vez que a oposición enfurruñada diga ‘non’ aos turistas, á industria, aos investimentos, e a os servizos públicos de calidade”, concluíu.
En clave nacional, o presidente do PPdeG remarcou que “a España lle iría moito mellor coa normalidade extraordinaria que temos en Galicia, coa seriedade coa que nos tomamos as cousas en Galicia, coa política útil que practicamos en Galicia e cun presidente como Alberto Núñez Feijóo”.
Rueda referiuse ao seu antecesor reafirmando o seu orgullo por suceder a quen apostou por el e a quen considera un mestre que “ten que ser presidente do Goberno de España porque el o merece e Galicia o necesita”.
Tamén reivindicou o orgullo por suceder “a quen foi o primeiro presidente elixido democraticamente en Galicia”, Xerardo Fernández Albor; e a “quen anos despois da súa partida temos que seguir reivindicando e que aínda provoca o nerviosismo dos que son incapaces de asimilar que sempre lles ganou as eleccións”, Manuel Fraga.
No acto tamén interviñeron o presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e os presidentes provinciais Diego Calvo, Elena Candia, Luis Menor e Luis López.