Santiago, 18 de xuño de 2021.- Ana Isabel Peón Piñeiro, Luis de la Matta Cantó, Higinio Meijide Gómez e Alfonso Cabaleiro Durán son os candidatos que o Grupo Popular propón para o Consello de Administración da Corporación de Radio e Televisión de Galicia.
Estas catro persoas deberán comparecer ante a Comisión de control da Corporación de Radio Televisión de Galicia co fin de confirmar a súa idoneidade para o cargo para o que se propoñen, tal e como se recolle no Mandato Marco desta entidade audiovisual. Posteriormente, procederase á súa votación en sesión plenaria.
ANA ISABEL PEÓN PIÑEIRO
Licenciada en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, ao longo da súa carreira profesional, ten traballado ou colaborado nos xornais El Progreso, Diario de Galicia, El País e El Correo Gallego; así como na Axencia Galega de Noticias, en Radio Nacional de España e en Radio Obradoiro.
Así mesmo, foi conselleira técnica de Información no Ministerio da Presidencia (2001-2002) e no Ministerio de Sanidade (2002). Posteriormente, foi asesora de Comunicación da Presidencia do Senado (2002-2004), asesora do vicepresidente do Senado (2004-2005) e asesora do vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia (2005).
En novembro de 2005 foi elixida membro do Consello de Administración da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), cargo que renovou en 2009 e 2015, ata a actualidade.
No ano 1988 recibiu o Premio Galicia de Comunicación por traballos publicados en Diario de Galicia.
LUIS DE LA MATTA CANTÓ
Licenciado en Xornalismo pola Universidade Antonio Nebrija, conta co Diploma de especialización en Radio e Televisión.
Desde o ano 2003 ten traballado en xornais como ABC (2003-2004) e El Mundo-El Correo de Burgos de Castela e León (2005).
Foi redactor na editorial HRH entre 2004 e 2006 e en 2007 incorporouse ao Gabinete de Comunicación do Partido Popular de Galicia.
De xuño de 2009 a decembro de 2011 foi membro do Consello Asesor de Radio Televisión Española en Galicia e desde decembro de 2011 é membro do Consello de Administración da Compañía de Radio Televisión de Galicia.
HIGINIO MEIJIDE GÓMEZ
Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e máster universitario de Avogacía, impartido pola Universidade de Santiago e o Ilustre Colexio de Avogados de Santiago.
Foi profesor de Dereito Constitucional, Autonómico e Orzamentario (1995-2003 e 2005-2006) e xefe de Estudos da área de oposicións (2001-2003) na Academia Postal en Santiago de Compostela.
Así mesmo, foi xefe do Gabinete da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local da Xunta de Galicia (2003- 2005); e traballou como asesor xurídico para o Partido Popular de Galicia desde o ano 2006 ao 2009.
Desde xuño de 2009, é membro do Consello de Administración da Compañía da Radio Televisión de Galicia.
ALFONSO CABALEIRO DURÁN
Licenciado en Ciencias da Información pola Universidade de Navarra.
Foi delegado en Santiago dos xornais Faro de Vigo e El Ideal Gallego, así como redactor de El Correo Gallego.
Posteriormente, foi redactor e xefe de redacción de Televisión de Galicia; director de Televisión Española en Galicia; director de Informativos e director da Radio Galega; director da Cadena COPE-Galicia; primeiro director-xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia; e secretario xeral de Comunicación entre os anos 2003-2005 e 2009-2012.
Ata o día de hoxe, era director-xerente de Galicia Calidade.