O PPdeG asegura que o emprego ben pagado é necesario en Galicia e por iso, fronte a un independentismo galego “enrocado no ‘non’ a calquera proxecto industrial”, reitera o seu apoio a todas aquelas iniciativas que cumprindo a normativa poidan achegar riqueza e crear oportunidades no territorio.
Así o manifestou esta maña a secretaria xeral do partido, Paula Prado, nunha rolda de prensa na que apuntou a que o próximo 18 de febreiro “vaise cumprir un ano do cambio de opinión do BNG respecto ao proxecto de Altri e, polo tanto, un ano do inicio da súa vinganza política”.
Só desde a “vinganza” e o “resentimento” pola súa derrota electoral, segundo a número dous dos populares galegos, se pode entender o rexeitamento dos independentistas galegos e os seus satélites a un proxecto que “está sendo analizado minuciosamente polos técnicos da Xunta e en ningún momento sairá adiante se non cumpre coa normativa medioambiental”.
“Non lles preocupan nin os galegos nin o emprego, só as súas ideoloxías”, concluíu citando a carta de tres alcaldes –os de Melide, Arzúa e Santiso– que “non queren un futuro mellor para os seus veciños” e “incitan á prevaricación” ao pedir que os trámites para a instalación “non sigan adiante e nin sequera se analicen”.
Unha actitude que Prado afeou asegurando que ela “nunca lle pediría a un alcalde do PP que prevaricase nin solicitaría unha reunión co presidente da Xunta para falar unicamente de conxecturas”. En cambio, si lle pediría aos seus alcaldes “que sexan sensatos, acheguen riqueza aos seus municipios e non perdan oportunidades”.
A POLÍTICA QUE SERVE FRONTE Á QUE OBSTACULIZA
A secretaria xeral do PPdeG afirmou que “España debería parecerse máis a Galicia e ao seu modelo de política útil e centrada nos problemas reais da xente”. Unha “política que serve”, explicou e que se reflexa na Declaración de Asturias asinada polos presidentes autonómicos do PP a pasada fin de semana.
“Mentres o Goberno central segue impulsando un recorte democrático e pensando unicamente en salvarse da súa maraña de corrupción, no PP falamos do que lle importa á xente: de vivenda, de menos burocracia, de financiamento autonómico e de gañar competitividade para gañar en crecemento e en salarios”.
Unha política que contrasta coa “política que obstaculiza” dun Goberno central “centrado unicamente en salvarse da súa maraña de corrupción” e dun socialismo galego “enfrontado en combates e en debates sobre o liderado dun Gómez Besteiro que segue sen estar moi cómodo en Galicia e marcou todos os récord negativos no que se refire a resultados electorais”.
Segundo a número dous dos populares galegos, esta confrontación faise extensiva tamén aos alcaldes das cidades máis poboadas no que se refire á AP-9: “Se Abel Caballero fai unha fronte con Pontevedra para pedir a gratuidade que el mesmo sabe que é ficticia no que se refire á vontade de Pedro Sánchez, a súa homóloga Inés Rey directamente di que non quere saber nada de frontes comúns”.
Mentres tanto, concluíu, os únicos prexudicados son os galegos e as galegas, que “seguen pagando as peaxes máis caras do Estado e agardando pola gratuidade que o PSOE prometeu durante a campaña electoral”. Por iso o PPdeG seguirá insistindo tanto na transferencia como na gratuidade dunha autoestrada vital para Galicia.
FALECEMENTO DE XESÚS PÉREZ VARELA
Paula Prado tamén quixo trasladar o pésame en nome do seu partido á familia e seres queridos de Xesús Pérez Varela, quen fora conselleiro de Cultura durante unha década do mandato de Manuel Fraga e que faleceu esta mañá.
“Lembrámolo como unha persoa clave para Galicia nun momento clave de apertura ao mundo da nosa Comunidade a través do Xacobeo, a Cidade da Cultura ou a Corporación Radio e Televisión de Galicia”, explicou ao tempo que poñía en valor o legado do finado.