Feijóo: “Contra os vetos, eu pido os votos”

Di que “cada voto moderado que se queda en casa pode volver a colapsar o país” 
 
Feijóo: “Contra os vetos, eu pido os votos” 
 
Dixo presentarse á reelección como presidente da Xunta para que en Galicia non pase o que pasou en España e para que os galegos sigan a ter un executivo responsable
 
A Rúa, 10 de xuño de 2016-. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe o voto para Mariano Rajoy para non perder máis tempo. “Levábamos uns anos de recuperación e agora levamos seis meses de parálise”, destacou. 
 
En A Rúa, no primeiro mitin de campaña, Feijóo puxo de relevo que, aínda que estas eleccións eran evitables, “agora é imprescindible votar” ante o risco de “inestabilidade e ruptura”.
 
Feijóo salientou que o 26-X o voto decídese entre dúas opcións: “construír ou destruír, ir en contra ou a favor, ter un goberno ou que non haxa goberno”. Por iso apelou ao voto dos indecisos xa que “se de cada tres que non decidiron, dous votan ao PP, haberá unha maioría clara para gobernar España”. No caso contrario “xa sabemos o resultado dos empates”, lembrou.
 
Para ilustrar a importancia de ter un goberno en marcha, Feijóo comparou os últimos seis meses da política nacional co mesmo período na política galega: “durante os seis meses que España se parou, en Galicia seguimos gobernando”, destacando resultados como a aprobación dos orzamentos, a baixada do IRPF, a eliminación do imposto de sucesións e doazóns, a eliminación dos impostos autonómicos sobre as transmisións de fincas rústicas ou a creación de novas oportunidades de emprego en sectores como o da automoción, o naval ou o sector aeronáutico.
 
En consecuencia, Feijóo afirmou que “a diferenza entre un país que ten goberno e un país que se para é substancial” e, ante iso, animou ao voto pois “non é verdade que da igual o que fagamos”. “Se hoxe estamos aquí con menos parados e máis afiliacións á Seguridade Social é porque os votos son imprescindibles”, zanxou.
 
De feito, o dirixente popular dixo presentarse á reelección como presidente da Xunta para que en Galicia non pase o que pasou en España e para que os galegos sigan a ter un Goberno responsable. “Eu non quero que Galicia se pareza a España, quero que España se pareza a Galicia”. 
 
O presidente do PPdeG cargou a responsabilidade desta situación pois, afirmou, “cando o goberno depende deles hai desgoberno, hai parálise e hai que repetir as eleccións”. “Dicían que tiñan unha alternativa mellor pero cando tiveron a oportunidade non se puxeron de acordo entre eles”. Lembrou que o resultado dunhas eleccións sen maioría absoluta para o partido gañador non é novo en España pero “o que é novo é o nivel de irresponsabilidade das Mareas de Podemos, Ciudadanos, os socialistas e os nacionalistas”.
 
Ante iso, Feijóo dixo que “agora máis que nunca necesitamos que o pobo español estea á altura para mandar un correctivo duro” xa que “non podemos darlles a oportunidade de que volvan a confundir a política cun plató de televisión”.
 
“Nas eleccións hai que votar, non hai que vetar”, reflexionou Feijóo. “Contra os vetos, eu pido os votos”.
 
En consecuencia, Feijóo reivindicou o voto para “un goberno que conseguiu que pasáramos de seis millóns de parados a catro” e que “atopou a economía en caída libre e logrou que agora estamos crecendo”. Tamén salientou a figura de Mariano Rajoy, un presidente “que non nos mentiu nin cando dixo que estábamos ao borde do rescate nin cando dixo que non tiña apoios para gobernar”. “Non nos fixo perder un minuto”, destacou Feijóo.
 
Con esta actitude construtiva, o presidente do PP de Galicia pediu o voto para Mariano Rajoy para construír “un goberno que non vai contra ninguén nin ten o obxectivo fundamental de afundir a outro proxecto político”. “O goberno consiste en gobernar, non en estar de tertulia”, recalcou Feijóo para concluír que “ninguén vai atopar traballo insultando ao que pensa distinto”.
 
Por iso considerou que fronte ás actitudes de bloqueo, Rajoy é o único que “presenta o que fixo e un programa de goberno”  e é un candidato preparado fronte a Pedro Sánchez, Pablo Iglesias e Albert Rivera que, lembrou o presidente do PP galego, “gobernaron nunca nin sequera no seu concello”.
 
O voto para Rajoy, insistiu Feijóo, é o único voto para que siga crecendo a economía, sigan a crearse oportunidades de traballo, as familias paguen menos impostos e se mellore a conciliación familiar. Os votos a outras forzas son votos que “restan pero non suman”, explicou Feijóo, poñendo de relevo que “os votos para Ciudadanos non conseguen escanos para eles e si para Podemos”.
 
En consecuencia, chamou a aglutinar o voto moderado no PP, concluíndo que “cada voto moderado que se quede na casa pode volver a colapsar o país” e “España non pode seguir bloqueada catro anos máis. “Merecemos un goberno”, subliñou o presidente do PPdeG
 
[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/_1av6B7slY8″ frameborder=”0″ allowfullscreen ]

O Parlamento aproba solicitar a elaboración dun estudo sobre incidencia da taxa rosa

Logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Mixto

O PARLAMENTO APROBA SOLICITAR AO INSTITUTO DA MULLER A ELABORACIÓN DUN ESTUDO SOBRE A INCIDENCIA DA TAXA ROSA

·    Esta taxa consiste en aplicar un sobreprezo a produtos dirixidos ás consumidoras femininas só por unha diferenza fundamental de estética

Santiago, 10 de xuño de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Mixto, solicitar ao Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades, adscrito ao Ministerio de Sanidade, Servicios Sociais e Consumo, a elaboración dun estudo que avalíe a incidencia da coñecida como taxa rosa, consistente en aplicar un sobreprezo a produtos dirixidos ás consumidoras femininas só por unha diferenza fundamentalmente estética.

A deputada do Grupo Popular Jackeline Fernández explicou que “estamos a falar dun sobreprezo ou sobrecusto de determinados produtos e servizos destinados ao  público feminino”. Porén, sinalou que, a pesar de que se trata “dunha práctica inxusta e coa que as mulleres do PP non estamos de acordo, non é unha práctica ilegal, senón sinxelamente consecuencia das leis da oferta e da demanda”.


IGUAIS PRODUTOS, IGUAIS PREZOS

“Consideramos necesario e importante a realización dun estudo que avalíe a incidencia, o alcance e os factores reais que inciden neste sobreprezo ou sobrecusto, xa que debemos esixir que a iguais produtos iguais prezos, ao tempo que a consumidora final teña a información necesaria para poder ter a liberdade de escoller e coñecer se só existen estas diferenzas por cuestión de xénero”, indicou.

Fernández engadiu que este estudo sobre a incidencia da taxa rosa debe ter un ámbito nacional, aínda que recolla datos desagregados por comunidades autónomas. “Non parece eficiente que cada autonomía destine recursos públicos a elaborar un estudo que corresponde a un fenómeno global, no que o proceso de toma de decisión excede do ámbito autonómico e, polo tanto, as conclusións do mesmo non serían reais nin factibles”, sinalou.

Feijóo: “Seguiremos contribuíndo a que o rural transmita estabilidade e confianza”

Lugo, 10 de xuño de 2016.– O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que os populares “seguiremos contribuíndo a que o rural galego transmita estabilidade e confianza, xa que ese é o segredo para captar investimentos”.
Así se expresaba o líder do PPdeG na súa visita a Cooperativa Penaval, en Santa Cristina de Román (Lugo), onde estivo acompañado polo presidente do PP local, Jaime Castiñeira, polo cabeza de lista ao Senado José Manuel Barreiro, polo cabeza de lista ao Congreso, Joaquín García Díez, e pola presidenta provincial, Elena Candia. 
Segundo asegurou, non se pode entender a economía galega sen explotacións gandeiras e, precisamente, Cooperativa Penaval, cunha produción anual de 2,3 millóns de litros de leite e unha facturación de 900.000 euros, é un símbolo da forza que ten e seguirá tendo o sector en Galicia.

O SECTOR LÁCTEO, UNHA APOSTA DE FUTURO
O presidente dos populares galegos convidou a entender a nosa gandería en positivo para vela como unha aposta de futuro e para intentar resolver os problemas, empregando a política para achegar solucións, e non para sementar dúbidas nin intentar sacar rédito político da crise do sector.
Neste senso, Feijóo lembrou que, dentro deste contexto internacional, no que o lácteo experimenta unha caída dos prezos como froito da sobreprodución e do descenso da demanda de leite, Galicia mantén datos razoables. Deste xeito, o prezo medio por litro de leite situouse no mes pasado en 27,9 céntimos, unha cifra que supera a media europea, que son 26,6 céntimos por litro. 
Segundo o líder do PPdeG, “o lácteo galego ten futuro sempre que entendemos en positivo e mirando sempre cada adiante”. Ademais, asegurou que “contamos co compromiso de todo o sector: dos gandeiros, da industria e, por suposto, do Goberno galego”.
Con respecto aos gandeiros, Feijóo lembrou que 2.240 deles solicitaron unha axuda no marco do Plan de Mellora, que implica tamén un desembolso pola súa banda: están dispostos a investir porque saben que no día de mañá recollerán os froitos.
Pola súa banda, a industria láctea tamén está comprometida co sector, por iso ten previsto para os vindeiros anos un investimento de 155 millóns de euros para proxectos de transformación e posta en valor do produto.
En canto ao Goberno galego, Feijóo puxo en valor as medidas que está tomando a favor do lácteo, como a liña de axudas directas por valor de 3 millóns de euros para os titulares de explotacións lácteas que teñan dificultades económicas derivadas da súa actividade ou a orde de axudas para apoiar os investimentos que queiran facer as industrias lácteas.
RELEVO XERACIONAL E EMPREGO NO SECTOR
Por outra banda, Feijóo tamén fixo fincapé en que outra das probas máis claras de que o sector lácteo ten futuro é que as granxas están a vivir un relevo xeracional. De feito, 757 mozos e mozas pediron unha axuda para incorporarse a unha actividade agraria neste 2016, máis do triplo das solicitudes que se rexistraron o ano anterior (219).
Así mesmo, lembrou que os datos do desemprego no sector agrícola son esperanzadores: no pasado mes de maio reduciuse nun 1,21% o número de desempregados no sector.
O PPdeG CUMPRE E SEGUIRÁ CUMPRINDO
O presidente do PPdeG incidiu na importancia de seguir traballando a prol do sector lácteo e de explorar novas vías de comercialización para o leite e de reforzo na aposta polos produtos lácteos.
Con respecto a isto, asegurou que o lácteo sempre contará co apoio da Xunta e do PPdeG, que cumpren e seguirán cumprindo con medidas como o plan de Impostos Cero no rural, que xa beneficiou a 1.200 agricultores e gandeiros; coa achega de liquidez ás explotacións, obxectivo ao que xa se destinaron 10 millóns de euros; e coa posta en valor do leite, con actuacións como a promoción da marca Galega 100%. 
Do mesmo xeito, salientou outras medidas importantes que está a implementar o Goberno galego, como a achega de parte dos fondos adicionais que se lograron por cumprir o déficit a axudas para as explotacións con máis dificultades; as axudas para os agricultores e gandeiros afectados polas desfeitas ocasionadas por xabaríns; e as concentracións parcelarias, para rematar as que están en marcha e impulsar outras novas.
Como sinalou Feijóo, algúns recén chegados desde a Complutense de Madrid desexan que o rural galego vaia o peor posible para apañar aquí un puñado de votos, mentres que os populares levan toda a vida a carón dos gandeiros e queren seguir apoiándoos para o que precisen.
[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/IE9o9KsWMLA” frameborder=”0″ allowfullscreen ]

Lei de policías locais permitirá dotar de seguridade xurídica aos procesos selectivos

A COMISIÓN 1ª APROBA O DITAME DA MODIFICACIÓN DA LEI DE COORDINACIÓN DE POLICÍAS LOCAIS, PASO PREVIO Á SÚA APROBACIÓN DEFINITIVA EN SESIÓN PLENARIA

·    O texto definitivo do ditame incorpora o 45% das emendas presentadas polos grupos da oposición

Santiago, 10 de xuño de 2016.- A Comisión 1ª do Parlamento galego aprobou hoxe o ditame do proxecto de Lei que modifica a Lei 4/2007 de coordinación de policías locais, que permitirá “dotar de seguridade xurídica aos procesos selectivos para a incorporación de novos axentes e evitará a parálise existente na actualidade na convocatoria de prazas nos concellos galegos”, manifestou o deputado do Grupo Popular, Jacobo Moreira.

Na súa intervención, Moreira salientou que coa aprobación do ditame “damos un paso importante a un proxecto que xa viña consensuado desde a Xunta de Galicia tanto coa Comisión de Coordinación de Policías Locais como pola Federación galega de municipios e provincias (Fegamp)”.

“Á maiores, no debate de ponencia, o Grupo Popular incorporou ao texto o 45 por cento das emendas presentadas polos grupos da oposición”, sinalou Moreira. Porén, amosouse sorprendido pola abstención de todos os grupos da oposición.

ASPECTOS SIGNIFICATIVOS

Entre os aspectos significativos deste novo texto lexislativo, o deputado popular sinalou que “vén marcado polo Estatuto Básico do Emprego Público e pola sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que considerou discriminatorio o establecemento dun límite de idade de acceso aos procesos de selección para o persoal dos corpos de Policía Local”.

Ademais, establécese a posibilidade de cooperación entre os concellos que non teñen recursos propios para a implantación da Policía Local. En concreto, indicou que “a partir de agora os concellos vanse poder coordinar para poñer en marcha este servizo sempre que non superen en conxunto a cifra de 40.000 habitantes”.

O PPdeG avoga por “coñecer canto antes toda a verdade” sobre o accidente de Angrois


O PPDEG EXPRESA “O MÁIS PROFUNDO AGARIMO” ÁS FAMILIAS E AMIGOS DAS VÍTIMAS DO ACCIDENTE DE ANGROIS E AVOGA POR “COÑECER CANTO ANTES TODA A VERDADE”

Santiago, 8 de xuño de 2016.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Jesús Goldar, reiterou hoxe no Parlamento “o máis profundo agarimo aos representantes da Plataforma das vítimas do tren Alvia e a todas as familias e amigos de todas e cada unha das vítimas” e sinalou que “todos os galegos temos o máis grande interese en coñecer canto antes toda a verdade do acontecido naquel triste día para que nunca máis teñamos que sufrir nada semellante”.

Goldar lamentou que o BNG impedira hoxe que o Parlamento galego aprobara solicitar á Comisión Europea que faga público o informe redactado pola Axencia Ferroviaria Europea sobre o accidente de Angrois. Neste sentido, lembrou que a divulgación do informe da Axencia Ferroviaria Europea “debe ser autorizada pola Comisión Europea, que xa comunicou o peche do expediente aberto contra España e a súa intención de non publicar dito informe ata final do presente mes de xuño, para non interferir coa investigación xudicial en curso”.

SEN COMPETENCIAS PARA INVESTIGAR

“En todo caso, a Axencia Ferroviaria Europea xa reiterou en diferentes ocasións que dito informe non aborda a responsabilidade do sinistro, senón a organización das investigacións sobre accidentes ferroviarios”, clarexou Goldar.

Respecto da solicitude de creación dunha comisión de investigación sobre o accidente de Angrois no Parlamento galego, Jesús Goldar reiterou que “as competencias enmateria de ferrocarrís e transportes terrestres que transcorren polo territorio de máis de unha comunidade autónoma recaen de maneira exclusiva e excluínte no Estado”. “Esa ausencia de competencias inhabilita formal e legalmente calquera comisión de investigación que puidera crear un Parlamento autonómico, que deviría baleira de contido porque nada podería investigar ao impedirllo a Lei”, anotou.

 

Unanimidade no Parlamento para reclamar o remate do novo acceso ao porto de Burela


UNANIMIDADE NO PARLAMENTO DE GALICIA PARA RECLAMAR O REMATE ESTE ANO DA OBRA DO NOVO ACCESO AO PORTO DE BURELA

·    Ademais das melloras evidentes en comunicación, gañarase en seguridade, pois evitará o paso de 146.000 vehículos pesados ao ano polo centro da localidade

·    A concorrencia de dous gobernos populares, en Galicia e en España, permitiu que nos últimos meses a obra acadara o impulso definitivo tras anos de múltiples contratempos

Santiago, 8 de xuño de 2016.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou esta mañá por unanimidade a iniciativa impulsada polo Grupo Popular na que se insta á Xunta ao remate, neste ano 2016, da obra do novo acceso ao porto de Burela.

Trátase dunha estrada na que o Goberno galego vén de investir preto de 8 millóns de euros, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, e que ao longo dos seus 1,26 quilómetros enlazará a Avenida da Mariña coa zona portuaria, á altura da nova lonxa.

INFRAESTRUTURA ESTRATÉXICA

O deputado popular Jose Manuel Balseiro agradeceu o apoio acadado e salientou que “todos os grupos parlamentarios coincidiron en considerar esta infraestrutura como estratéxica polo pulo que suporá para as empresas e particulares que operan nunha das dársenas pesqueiras e comerciais máis importantes do Cantábrico”.

“A gran maioría dos transportes que teñen a súa orixe no porto de Burela son de produtos do mar, peixes e mariscos perecedoiros, polo que mellorar os tempos supón gañar en competitividade e capacidade económica”, dixo Balseiro. Neste sentido, apuntou que, “ademais dunha mellor comunicación, toda a localidade gañará en seguridade pois evitará o paso, inevitable e hoxe obrigado, de 146.000 vehículos pesados ao ano polo centro da localidade”.

MÚLTIPLES CONTRATEMPOS

Balseiro tamén quixo poñer en valor o feito de que a concorrencia de dous gobernos populares, en Galicia e en España, permitiu que nos últimos meses a obra acadara o seu impulso definitivo tras anos de múltiples contratempos.

“Xunta e Goberno central foron quen de desbloquear o trazado, concordar o desvío das liñas de FEVE e elaborar un novo proxecto que superase as dificultades técnicas derivadas da complicada orografía e da necesidade de non provocar un enorme impacto visual e paisaxístico”, explicou Balseiro.

O deputado popular fixo tamén un repaso polos incontables contratempos que afectaron a esta obra e que implicaron unha demora enorme desde que fora proxectada. En concreto, lembrou a paralización xudicial dos traballos pola presentación de distintos recursos que tiveron que resolverse ou a aparición de pegadas arqueolóxicas que precisaron dun plan especial de catalogación e intervención.

Balseiro lembrou que cando o Goberno Feijóo recibiu o proxecto a Xustiza tiña determinado que o trazado decidido polo anterior Goberno bipartito non se correspondía co planeamento municipal vixente, “o que obrigou a empezar practicamente de cero, entre outras cousas, para deseñar un trazado soterrado baixo as vías do tren e, nese senso, salientou o esforzo realizado pola Xunta para mellorar todo o proxecto herdado”.

ASPECTOS TÉCNICOS

Finalmente, desde o portavoz popular repasaron algúns dos principais aspectos técnicos desta obra, que implicou a escavación de preto de 179.000 metros cúbicos de terra e o inminente estendido de mestura bituminosa en quente. A actuación tamén incluíu traballos de restauración e acondicionamento paisaxístico, restauración de patrimonio histórico, drenaxe lonxitudinal e transversal e sinalización horizontal e vertical.

O novo viario beneficiará directamente máis de 9.500 veciños do concello de Burela, e a unha poboación aínda maior debido ao emprego que xera o porto e a afluencia turística que esta localidade ten sobre todo no verán.

O Parlamento aproba, a iniciativa do GPP, impulsar a compra pública innovadora


O PARLAMENTO APROBA, A INICIATIVA DO GRUPO POPULAR, INSTAR Á XUNTA A IMPULSAR A COMPRA PÚBLICA INNOVADORA

·    O obxectivo é promover a mellora dos servizos públicos e exercer un efecto tractor na innovación do tecido empresarial e nos centros de coñecemento galegos

·    Moisés Blanco salientou que “Galicia foi unha das comunidades autónomas pioneiras en incorporar na súa lexislación e normativa medidas de impulso á compra pública Innovadora”

Santiago, 8 de xuño de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a impulsar a compra pública innovadora en todas as administracións galegas, como medida para promover a mellora dos servizos públicos e exercer un efecto tractor na innovación do tecido empresarial e nos centros de coñecemento galegos. “Temos que seguir avanzando nunha materia que evoluciona a gran velocidade e conseguir o maior número de fondos posibles, porque se non o facemos nós irán a parar a proxectos doutras autonomías ou estados da Unión Europea”, manifestou o portavoz de Novas Tecnoloxías, Moisés Blanco.

Na súa intervención, Blanco sinalou que a compra pública innovadora “pódese levar a cabo en calquera ámbito ou nivel da administración que desenvolva procesos de contratación, e abrangue desde a actuación máis sinxela ata a utilización de procedementos contractuais máis complexos”.

O portavoz popular salientou que “España é líder en Europa na creación dun ecosistema necesario que favoreza a investigación e a innovación”, e referiuse “ao importante esforzo lexislativo realizado nos últimos anos para facilitar a utilización das compras públicas con solucións innovadoras”. En concreto, citou a inclusión de procedementos de diálogo competitivo na Lei de contratos do sector público e tamén dunha nova modalidade de contrato de colaboración público privada para a compra pública de tecnoloxía innovadora.

“Pero, ademais, Galicia foi unha das comunidades autónomas pioneiras en incorporar na súa lexislación e normativa medidas de impulso á compra pública Innovadora, recollidas no Plan galego de investigación, innovación e crecemento-Plan I2C; na Lei 5/2013, de fomento da investigación e da innovación de Galicia; na Lei 14/2013, de racionalización do sector público autonómico; ou no Plan de mellora da contratación publica 2014-2016”, apuntou.

GALICIA COMO REFERENTE

Moisés Blanco engadiu que “non nos quedamos só na teoría, porque hoxe Galicia constitúe un referente no desenvolvemento de proxectos de compra pública innovadora que conseguiron captar financiamento de fondos Feder e que mesmo, nalgún caso, chegaron a obter o recoñecemento das boas prácticas empregadas”. Neste sentido, citou o Premio estatal á mellor iniciativa innovadora outorgado ao proxecto para implantar un polo tecnolóxico e industrial en Rozas ou o Premio Nacional de Innovación outorgado ao Sergas en 2013.

O portavoz popular considerou “clave a colaboración e o diálogo coas entidades ou organismos públicos que pretendían realizar licitacións mediante procedementos de compra pública innovadora” na consecución de financiamento con fondos Feder. “Froito desta labor, entre 2007 e 2013 conseguiuse cofinanciación para desenvolver proxectos como o Hospital 2050 e InnovaSaúde, do Sergas; LáserPET, da Universidade de Santiago; A-Tempo, da Universidade da Coruña; Táctica, da Universidade de Vigo; ou SmartCity, do Concello de A Coruña; iniciativas que mobilizaron preto de 120 millóns de euros”, dixo.

“Pero, sen lugar a dúbidas, o proxecto estrela que recibiu todos os parabéns e recoñecementos foi a alianza da Xunta con Inaer e Indra para a creación no aeródromo de Rozas dun polo industrial e tecnolóxico de referencia en avións non tripulados para aplicacións civís, unha iniciativa na que a Xunta ampliou a súa aposta inicial de 25 a 40 millóns e se completa con outro de compra pública innovadora no que se investirán 20 millóns en tecnoloxías novas”, indicou. 

Millán Mon pide que Filipinas continúe sus esfuerzos contra la pesca ilegal

Estrasburgo, 8 de junio de 2016.- El eurodiputado popular, Francisco Millán Mon, subrayó la necesidad de que Filipinas continúe sus esfuerzos contra la pesca ilegal, no declarada y no reglamentada; agregando que la Comisión Europea deberá seguir este asunto atentamente.

El político gallego, que participó anoche en un debate en el pleno del Parlamento Europeo sobre la aprobación de un Acuerdo Marco de Partenariado y Cooperación de la Unión Europea con Filipinas, destacó la importancia de los lazos que unen a Filipinas con varios países europeos y la relevancia de este país dentro del ASEAN. 

En esta línea, mencionó que el Acuerdo Marco facilitará la negociación que ya está en marcha del acuerdo de libre comercio entre la Unión Europea y Filipinas. “Este acuerdo”, dijo, “sustituirá a un instrumento unilateral como el SPG+ concedido a Filipinas en diciembre de 2014.”
 

PPdeG lamenta que a oposición rexeite posibilidade de acadar un pacto pola educación


O PPDEG LAMENTA QUE A OPOSICIÓN REXEITE SOLICITAR AO GOBERNO CENTRAL QUE EXPLORE A POSIBILIDADE DE ACADAR UN PACTO POLA EDUCACIÓN

·    Hipólito Fariñas lembrou o principio de acordo asinado por representantes de PP, PSOE, PODEMOS e Ciudadanos na Universidade de Nebrija para a elaboración dun Pacto de Estado pola Educación

Santiago, 7 de xuño de 2016.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, Hipólito Fariñas, lamentou que os grupos da oposición rexeitaran esta tarde no Parlamento a súa emenda para que o Goberno central explore a posibilidade de acadar un Pacto pola Educación que consolide a senda de mellora dos indicadores de resultados consecuencia das innovacións pedagóxicas e metodolóxicas postas en marcha nos últimos anos.

Fariñas subliñou que “a sociedade demanda consenso” e neste eido lembrou o principio de acordo asinado recentemente por representantes de PP, PSOE, PODEMOS e Ciudadanos na Universidade de Nebrija para a elaboración dun Pacto de Estado pola Educación.

MENSAXE PEDAGÓXICA

Deste xeito, lamentou que os grupos da oposición impediran que o Parlamento galego “fora o primeiro no que se acadara un consenso unánime arredor da necesidade deste pacto educativo”. “Tratemos de esquecer o que nos separa, que é bastante menos do que nos une, e sexamos responsables para poñernos de acordo e facer algo conxunto polo sistema educativo”, apuntou.

Hipólito Fariñas criticou que os grupos da oposición inciten ao incumprimento das leis, en concreto da LOMCE. “Estamos nunha Cámara lexislativa e debemos velar pola mensaxe pedagóxica que se lle manda aos educandos”, indicou.

Puy asegura que o concerto económico “sería tremendamente prexudicial” para Galicia

PEDRO PUY ASEGURA QUE O CONCERTO ECONÓMICO “NON É RENDIBLE E SERÍA TREMENDAMENTE PREXUDICIAL” PARA GALICIA

·    Estudos realizados sobre a materia afirman que o cupo suporía perdas do 3,8 por cento do PIB para Galicia

·    Puy acusou ao BNG de traer ao Parlamento “un debate fiscal contrario ao que se está debatendo no mundo

Santiago, 7 de xuño de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou hoxe que o concerto económico para Galicia que propón o BNG “non é rendible e ademais sería tremendamente prexudicial”, xa que suporía perdas de ingresos aproximadas do 3,8 por cento do PIB. Neste sentido, dixo que “fan as contas da vella, porque comparan o que recada o Estado en Galicia co que a Administración central transfire para pagar os servizos que exerce na Comunidade galega, esquecéndose de todos os servizos que o Estado presta aos galegos, como defensa, Seguridade Social ou obras públicas”.

Na súa intervención na sesión plenaria, Puy explicou que o concerto económico supón que unha comunidade autónoma se financie cos impostos que recada e paga á Administración central unha contía como contraprestación polo que a Administración central realiza nesa comunidade. Neste sentido, indicou que este cupo “non depende do nivel de renda das persoas que residen nesa comunidade autónoma e canto máis rica sexa a comunidade maior será a diferenza que se queda, que practicamente non contribúe á solidariedade nin interpersoal nin interterritorial do conxunto do Estado”.

“O sistema actual garante a equidade interpersoal”, asegurou Pedro Puy. Así, tomou como referencia os datos do INE do ano 2013 en Galicia para comparar o 85,89 por cento da renda bruta por habitante co 91,65 por cento da renda dispoñible bruta dos galegos, é dicir, despois de que o Estado cobre os impostos e dea todo tipo de transferencias e subvencións. “Un seis por cento máis de capacidade de gasto, o que supón que funciona o Estado de Benestar que se basea nun sistema fiscal progresivo de carácter estatal, que redistribúe a renda sacándolle menos a quen menos ten e dándolle máis a quen menos ten e máis o precisa”, sinalou.

Ademais, o portavoz popular lembrou que a Seguridade Social se paga coas cotizacións, aínda que na actualidade “se comece a debater en España que para garantir o futuro das pensións se tire das fontes tributarias”. Lembrou que en Galicia hai unha relación entre contribuínte e cotizante á Seguridade Social do 1,25, lonxe da estabilidade do sistema que estaría no 2,5 e da media de España, que está no 2,2, polo que alertou sobre “os 800.000 pensionistas galegos poden ter nalgún momento dependencia do conxunto fiscal de España, que non é un asunto menor”.


FUNCIONANDO DE XEITO AXEITADO

“O sistema de financiamento de réxime común está funcionando de xeito axeitado para Galicia, que recibe por enriba da media española porque é unha comunidade que en termos de riqueza relativa está por baixo da media do conxunto do Estado”, manifestou.

Pedro Puy recordou que nos estudos sobre extrapolación do cupo para Galicia realizados polo profesor Zubiri “falaba de perdas de ingresos arredor do 3,8 por cento do PIB”, polo que “se Galicia renuncia con este cupo a este ingreso está facendo un negocio moi malo”.

Así mesmo, criticou que os nacionalistas apoien que Cataluña vaia a un pacto fiscal semellante ao do cupo, cando “os cálculos feitos polos profesores Leiceaga e Lago Peñas din que o pacto fiscal que propón Cataluña quitaría a Galicia de 570 a 780 millóns de euros ao ano”.

O portavoz popular acusou ao BNG de traer ao Parlamento “un debate fiscal contrario ao que se está debatendo no mundo: máis equidade, máis orzamento europeo con tributos que redistribúan; máis colaboración internacional na loita contra a fraude; estabilidade da economía e controlar con impostos os movementos do capital”.