Tellado sinala o alto aforro pola redución de altos cargos, liberados e asesores
Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2016.- O voceiro do PPdeG, Miguel Tellado, salientou que a día de hoxe hai case a metade de altos cargos dos que había cando gobernaba o bipartito, e que, ademais, o aforro derivado da ampla redución de liberados sindicais e asesores feita polo Goberno galego supón un 40 por cento de aforro á autonomía.
E é que con motivo da apertura esta semana do ‘Portal de Transparencia e Goberno Aberto’ –que coincidía coa entrada en vigor da Lei de Transparencia- fíxose público numeroso contido inédito, que é a primeira vez que se fai de acceso público na historia da comunidade ademais de facilitarase un acceso sinxelo e directo a contido que antes se publicaba pero estaba disperso.
Nese sentido, Tellado sinalou que é preciso recordar que a Xunta conta con 103 altos cargos, aos que se suman os xefes de gabinete e de prensa, ata facer un total de 123, sendo este número practicamente un 40 por cento menos do que había co Goberno bipartito, cando se superaban os 200 cargos.
Así mesmo, matizou que os contratos de alta dirección non son altos cargos, senón persoal que en ocasións nin sequera forma parte da Xunta, como traballadores da CRTVG ou a presidenta do Consello Económico e Social e que, aínda así, a Xunta os inclúe no seu Portal. Deste xeito, tamén aproveitou para destacar que por primeira vez se leva a cabo un exercicio de transparencia e se coñecen estes contratos e o seu custe pois, antes había moitos máis e nin tan sequera os podíamos coñecer.
O portavoz tamén salientou que os asesores supoñen hoxe a metade do gasto dos liberados sindicais polo que invita a evitar a demagoxia á hora de abordar este tipo de cuestións. Segundo o voceiro, mostra desa redución levada a cabo polo Goberno da Xunta é que, na actualidade, o custe do persoal de libre designación é de 4,73 millóns de euros mentres o dos liberados ascende aos 10,7 millóns.
E é que no tocante ao persoal eventual, nos que se inclúen os que popularmente se coñecen como asesores, compróbase unha redución do 35 por cento no seu custe. Así mesmo, Tellado recorda que a partida para este persoal en 2008 elevábase ata os 7,62 millóns.
Tellado pon en valor que o Goberno galego reforce a súa aposta pola transparencia
GPP defenderá no pleno rexistro galego de infarto e manter rúa Álvaro Cunqueiro
O GRUPO POPULAR DEFENDERÁ NO PLENO A PRESENTACIÓN DOS DATOS DO REXISTRO GALEGO DE INFARTO DE MIOCARDIO E QUE O CONCELLO DE MADRID MANTEÑA A RÚA ÁLVARO CUNQUEIRO
· A orde do día incorpora tres proposicións de Lei: unha sobre responsabilidade civil ambiental e Ministerio Fiscal; outra para a transferencia da AP-9 a Galicia; e a última para a reforma da Lei de servizos sociais
Santiago, 8 de marzo de 2016.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana dúas proposicións non de lei a través das que se insta á Xunta a presentar os datos correspondentes ao rexistro galego de infarto agudo de miocardio e para que o Concello de Madrid manteña no rueiro municipal a rúa Álvaro Cunqueiro, xa que a acusación de “escritor franquista” carece de rigor e tal acusación falsifica e deosta a súa biografía persoal e traxectoria intelectual. A sesión plenaria incorpora a comparecencia da conselleira do Medio Rural para dar conta do plan de fortalecemento do sector lácteo.
Pedro Puy informou que o Pleno dará comezo co debate de tres proposicións de lei. A primeira, de toma en consideración dunha iniciativa lexislativa sobre responsabilidade civil ambiental e Ministerio Fiscal, á que seguirá o debate de aprobación da proposición de lei para a transferencia da titularidade e competencia da AP-9 a Galicia e o debate de toma en consideración da proposición de lei do Grupo Popular de reforma da Lei de servizos sociais, que pretende reforzar e blindar o papel das entidades de iniciativa social na prestación de servizos.
A sesión plenaria continuará coa comparecencia da conselleira do Medio Rural para informar do Plan de fortalecemento do sector lácteo. Puy explicou que nesta intervención darase conta do labor que está levando a cabo a consellería a través do Plan de Fortalecemento do sector lácteo, no que están presentes representantes da administración, a industria, a distribución, cooperativas, organizacións profesionais agrarias, o Ligal, o Centro galego de control leiteiro, as universidades e a comunidade científica.
Este grupo de traballo xa acordou o pasado 2 de marzo unha batería de propostas urxentes que o Goberno central trasladará ao Consello de Ministros de Agricultura da Unión Europea para garantir a estabilidade do sector de xeito inmediato.
INFARTO DE MIOCARDIO E RÚA ÁLVARO CUNQUEIRO
A orde do día da sesión plenaria incorpora dúas proposicións non de lei do Grupo Popular. A primeira delas, insta á Xunta de Galicia a presentar no Parlamento os datos correspondentes ao rexistro galego de infarto de miocardio, co obxectivo de adoptar as decisións oportunas para a atención destes enfermos.
Pedro Puy lembrou que o Pleno do Parlamento aprobou o 3 de decembro de 2014 unha iniciativa do Grupo Popular a través da que se demandaba á Xunta a creación dun rexistro único galego que recollera toda a información sobre morbi-mortalidade en relación co infarto agudo de miocardio, de xeito que con eses datos se adaptaran os recursos humanos e materiais ás necesidades asistenciais das distintas estruturas de xestión sanitaria.
“Desde aquela data, o Servizo Galego de Saúde deu unha serie de pasos para a creación deste rexistro, cos indicadores de calidade, datos epidemiolóxicos e asistenciais precisos para unha planificación eficaz, eficiente e equitativa dos recursos destinados ao tratamento do infarto agudo”, dixo Pedro Puy.
A segunda proposición non de lei que defenderá o Grupo Popular ten que ver co coñecemento público da incorporación por parte do Concello de Madrid do escritor e xornalista Álvaro Cunqueiro nunha relación de persoas relacionadas co franquismo que poderían perder a honra de poñer o seu nome a unha rúa madrileña. Neste sentido, Puy salientou que “a cultura e a sociedade galega entenden que Álvaro Cunqueiro, ademais de ser un dos principais persoeiros da nosa cultura no século XX, fíxoo nunha etapa na que non era doado manter vivo o facho da nosa cultura”, polo que “todos os deputados do Grupo Popular asinamos unha proposición non de lei na que demandamos que se poña en coñecemento do Concello de Madrid a importancia que ten para a cultura galega Álvaro Cunqueiro e, polo tanto, non se lle retire esa rúa coa que se lle lembra”.
FUSIÓN DE CONCELLOS E TARXETA BENVIDA
Na sesión plenaria, o Grupo Popular tamén cuestionará ao Goberno galego sobre o proceso de fusión iniciado polos concellos de Cotobade e Cerdedo, así como pola posta en marcha da Tarxeta Benvida, que achegará 100 euros ao mes para os nenos que nazan en Galicia a partir do 1 de xaneiro de 2016.
A modo de resumo, Pedro Puy indicou que a sesión plenaria inclúe 29 iniciativas, “das que o Goberno galego propuxo unha e o Grupo Popular outras cinco, polo que as restantes 23 cuestións son a iniciativa dos grupos da oposición”. “Confírmase, unha vez máis, que a oposición nesta Cámara pode facer a súa labor, dado que calquera grupo que estea na oposición noutro Parlamento asinaría un reparto de materias na orde do día dun pleno semellante a esta”, sinalou.
O próximo pleno debatera o traspaso da AP-9 e a reforma da Lei de Servizos Sociais
CRISTINA ROMERO AVANZA O DEBATE NO PLENO DA VINDEIRA SEMANA DAS PROPOSICIÓNS DE LEI PARA O TRASPASO DA AP-9 Á XUNTA E DE MODIFICACIÓN DA LEI DE SERVIZOS SOCIAIS
· “Esperamos que ambas iniciativas lexislativas saian co maior respaldo posible dos deputados deste Parlamento, para o que o Grupo Popular manterá a súa plena disposición ao diálogo”, indicou
Santiago, 7 de marzo de 2016.- A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Romero, avanzou hoxe que o Pleno da vindeira semana debaterá a aprobación da proposición de lei que solicita a transferencia da AP-9 á Xunta de Galicia e a toma en consideración do proxecto de lei de modificación da Lei de servizos sociais, coa que se pretende reforzar e blindar o papel das entidades na prestación de servizos sociais. Respecto dos posibles candidatos ás eleccións galegas, Romero contrastou a unidade do PP respecto a que Feijóo é o mellor candidato fronte ás discrepancias existentes no PSOE coa candidatura de Besteiro.
“Trátase de dúas proposicións de lei significativas, tanto para o desenvolvemento económico e a mellora das comunicacións viarias en Galicia, como para a optimización dos nosos servizos sociais, polo que esperamos que ambas iniciativas lexislativas saian co maior respaldo posible dos deputados deste Parlamento, para o que o Grupo Popular manterá a súa plena disposición ao diálogo”, sinalou Romero.
Respecto da proposición de Lei de solicitude de transferencia da AP-9 á Xunta de Galicia, a viceportavoz popular avogou por “manter no Pleno a unanimidade acadada en Comisión para que esta demanda chegue ao Congreso dos Deputados co maior respaldo e firmeza do Parlamento galego”. “Desde o Grupo Popular reiteramos o interese por xestionar esta autoestrada que vertebra e comunica o norte e o sur de Galicia e que ten contribuído e contribúe notablemente ao desenvolvemento da Comunidade galega”, engadiu.
Cristina Romero lembrou “a boa disposición amosada esta fin de semana pola ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor, para falar sobre a transferencia desta autoestrada”, aínda que insistiu na “necesidade de que a concesionaria preste o servizo nas mellores condicións e dispoña dunha política de peaxes cos beneficios que se prestan noutras autovías españolas”.
REFORZAR E BLINDAR ENTIDADES SOCIAIS
En segundo lugar, Romero avanzou que a sesión plenaria procederá ao debate para a toma en consideración da proposición de lei do Grupo Popular a través da que se solicita a modificación da Lei de servizos sociais, co obxectivo de reforzar e blindar o papel das entidades de iniciativa social na prestación de servizos, dotándoas dun novo mecanismo que impulse as súas relacións coas administracións públicas e ofrecendo unha maior seguridade xurídica ás actividades económicas deste sector.
Neste sentido, a viceportavoz subliñou que esta iniciativa lexislativa “nace logo dun intenso traballo e das achegas realizadas polo Comité Español de representantes de persoas con discapacidade (CERMI)” e apuntou que desde o Grupo Popular “imos buscar ao longo da tramitación parlamentaria o apoio dos demais grupos, para o que estaremos abertos a estudar e consensuar as súas propostas co obxectivo de que esta modificación lexislativa saia co maior respaldo posible”.
Cristina Romero explicou que con esta modificación lexislativa “Galicia adapta a súa normativa á directiva europea 2014/24/UE, dando entrada aos concertos sociais como modalidade diferenciada do concerto xeral, ao tempo que se crea a figura dos acordos marco para a xestión de servizos sociais coas entidades para atender, na medida que sexa posible, a libre elección da persoa destinataria do servizo”.
“A posta en marcha destes concertos sociais suporá un recoñecemento á necesidade de establecer condicións especiais a estas prestacións dadas as especificidades dos servizos sociais”, indicou.
Esta modificación da Lei de servizos sociais tamén recolle que as administracións públicas darán prioridade ás entidades sen ánimo de lucro cando existan análogas condicións de eficiencia, calidade e rendibilidade social, ao tempo que se establecerán fórmulas para garantir o mantemento na prestación dos servizos sociais por parte das entidades que xa os viñan realizando.
BLUF DE PRIMARIAS SOCIALISTAS
Cuestionado sobre os posibles candidatos ás eleccións galegas, Cristina Romero indicou que no Partido Popular “somos respectuosos cos procedementos internos dos outros partidos” e salientou que no PP “fixemos un calendario para a renovación dos equipos, ideas e persoas que estamos a cumprir”. Neste sentido, apuntou que os socialistas galegos “fan un calendario pero logo non o cumpren, polo que o das primarias parece un bluf máis dos que xa nos teñen acostumados”
A viceportavoz popular recoñeceu que non hai candidato designado nin polo PP nin polo PSOE. Porén, manifestou que “existe unha gran diferenza: todo o Partido Popular coincide en que Feijóo é o mellor candidato, cousa que non está a ocorrer no Partido Socialista, visto o acontecido esta fin de semana”.
Feijóo di que a renovación do PPdeG amplía a vantaxe cos resto de partidos
Feijóo afirma que o PPdeG traballa por ampliar a confianza maioritaria dos galegos
GPP salienta que novo Plan Hidrolóxico Galicia-Costa destinará 655 M€ a saneamento
O GRUPO POPULAR SALIENTA QUE O NOVO PLAN HIDROLÓXICO GALICIA-COSTA DESTINARÁ 655 MILLÓNS DE EUROS A SANEAMENTO E CUMPRIMENTO DOS OBXECTIVOS AMBIENTAIS
· O portavoz de Medio Ambiente asegurou que “os novos plans hidrolóxicos aprobados en xaneiro cumpren perfectamente a directiva europea, ao tempo que a propia Unión Europea leva un control exhaustivo deste cumprimento e avalía minuciosamente o respecto das súas normas”
Santiago, 4 de marzo de 2016.- O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, salientou hoxe que o novo Plan Hidrolóxico para a demarcación Galicia-Costa destinará 655 millóns de euros á execución de novas infraestruturas de saneamento e ao cumprimento dos obxectivos medioambientais. “Os investimentos realizados permitiron acadar unha porcentaxe do 77,5 por cento de augas en bo estado en Galicia, sete puntos máis que hai seis anos”, indicou.
Gonzalo Trenor asegurou que “os novos plans hidrolóxicos aprobados en xaneiro cumpren perfectamente a directiva europea, ao tempo que a propia Unión Europea leva un control exhaustivo deste cumprimento e avalía minuciosamente o respecto das súas normas”.
ESFORZO MEDIO AMBIENTAL
Neste sentido, Trenor apuntou que o Plan Hidrolóxico para a demarcación Galicia-Costa “supón un gran esforzo en canto a recursos, xa que se investiran 655 millóns de euros para seguir mellorando e conservando o bo estado das nosas augas”.
“Fíxose un importante esforzo no cumprimento dos obxectivos ambientais, tendo en conta non só a valoración do estados das masas de auga, senón tamén o cumprimento do principio de non deterioración e os requirimentos adicionais en zonas protexidas que teñen vinculación co medio acuático”, sinalou.
Aprobado o ditame da proposición de Lei para a transferencia da AP-9 á Xunta
APROBADO EN COMISIÓN O DITAME DA PROPOSICIÓN DE LEI QUE SOLICITA A TRANSFERENCIA DA AP-9 Á XUNTA DE GALICIA
· “Debemos enviar unha mensaxe clara de que os galegos queremos xestionar esta infraestrutura que vertebra e comunica o norte e o sur de Galicia e que ten contribuído e contribúe ao noso desenvolvemento”, apuntou Goldar
Santiago, 4 de marzo de 2016.- O Parlamento galego aprobou hoxe o ditame da proposición de Lei para remitir ao Congreso dos Deputados para a transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á Xunta de Galicia. O deputado do Grupo Popular Jesús Goldar avogou porque “a unanimidade acadada na admisión a trámite se manteña no debate de totalidade que terá lugar en sesión plenaria para enviar unha clara mensaxe de que os galegos queremos xestionar esta infraestrutura que vertebra e comunica o norte e o sur de Galicia e que ten contribuído e contribúe notablemente ao desenvolvemento da Comunidade galega”.
Jesús Goldar lembrou que “a Xunta ten unha política activa en relación coa autoestrada AP-9 de demanda continua ao Ministerio de Fomento dun mellor servizo nesta vía, así como na intención de asumir a súa explotación”. Neste sentido, lembrou que o Ministerio respondera no ano 2010 á proposta de cambio de titularidade da AP-9 realizada desde a Xunta que “é un itinerario internacional e vía de acceso a portos e aeroportos de interese xeral, polo que é unha autoestrada de interese xeral para o Estado e debe estar integrada dentro da rede nacional de estradas”.
INTEGRAMENTE POR TERRITORIO GALEGO
“Porén, a Xunta de Galicia discrepou destas afirmacións porque entendía e segue a entender que a AP-9 non é un acceso a portos o aeroportos de interese xeral, non sirve de acceso a pasos fronteirizos, xa que a concesión da AP-9 conclúe no enlace coa A-55 antes da fronteira con Portugal, e non enlaza comunidades autónomas, dado que o seu percorrido desenvólvese na súa totalidade polo territorio de Galicia, sen ter continuidade cara a outros territorios”, sinalou.
Posteriormente, o Goberno galego reiterou a solicitude de traspaso en xaneiro de 2012, ao que se sumou “a demanda para que posta en marcha de mecanismos para que os cidadáns puideran beneficiarse das infraestruturas amortizadas prematuramente, situación que ademais xera importantes agravios comparativos, desde o momento en que nunca existiu un verdadeiro modelo do que debería ser a rede de autoestradas de peaxe”, indicou Goldar.
O deputado popular agardou que a tramitación desta proposición de lei, logo da aprobación do ditame en comisión parlamentaria esta mañá e a próxima aprobación polo Pleno, “continúe áxil no Congreso dos Deputados coa fin de que se poida materializar o traspaso da AP-9 á Comunidade galega no menor prazo de tempo posible”. “Entrementres, cómpre demandar que o Ministerio preste o servizo nas mellores condicións e cunha política de peaxes acaída, que é o verdadeiramente transcendente”, engadiu.
Feijóo avanza unha achega de 22M€ en 2016 para impulsar a concentración parcelaria
Santiago, 3 de marzo de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe unha achega de 22 millóns de euros en 2016, o maior investimento nos últimos sete anos, para impulsar a concentración parcelaria. “Seguimos avanzando e, aproveitando a mellora da situación económica, hoxe aprobamos que en 2016 se faga o maior investimento dos últimos sete anos para impulsar a concentración parcelaria: 22 millóns de euros. Multiplicamos por tres o investimento dedicado a concentración parcelaria e pasamos dunha media de oito millóns anuais a 22 millóns en 2016”, dixo.
Nun primeiro termo, Feijóo asegurou que con este investimento remataranse as 137 zonas activas e empezarase a traballar nas zonas prioritarias agro-grandeiras. “E os criterios de priorización –precisou- son as zonas con importancia hortícola, vinícola e forestal”.
Así mesmo, explicou que as 137 zonas supón actuar en preto de 120.000 hectáreas, en case un millón de parcelas e beneficiar a 100.000 propietarios.
Logo de precisar que dentro de catro anos estarán finalizadas administrativamente practicamente todas as concentracións parcelarias que se iniciaron en Galicia, o mandatario salientou que a orde de prioridade para decidir as actuacións será a seguinte: aquelas que favorezan o final de procesos de reestruturación parcelaria que estaban a piques da súa finalización definitiva; as que propicien o avance dos procesos de reestruturación que teñan unha incidencia económica importante; e os traballos previos ao decreto de utilidade pública de novas zonas de reestruturación parcelaria.
Feijóo lembrou que o proceso de concentración e ordenación da estrutura agrícola ten cinco obxectivos principais: “Mellorar a rendibilidade da actividade produtiva; facilitar que os predios abandonados ou que non formen parte de explotacións poidan mobilizarse para uso agrario; minimizar os efectos que poidan ter as grandes obras públicas ou explotacións de coutos mineiros; potenciar a conservación das zonas de maior interese ambiental; e reducir as emisións que se derivan dos longos desprazamentos polas explotacións dispersas”.