O PPdeG salienta que a Xunta incrementará ata os 10 millóns de euros o orzamento do Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia

As deputadas do Grupo Popular Encarna Amigo e Katy Varela salientaron hoxe que a Xunta incrementará o vindeiro ano ata os 10 millóns de euros o orzamento destinado ao Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia, a través do que se continuará impulsando a promoción, a diferenciación e o prestixio dos produtos galegos.

Nun encontro coa responsable da queixería da Gandería Quintián na localidade do Páramo en Lugo, as deputadas popular amosaron o recoñecemento e agradecemento a todas as produtoras e produtores de queixo e mel de Galicia, porque “demostran día tras día que no rural hai futuro, hai vida e hai proxectos que funcionan”.

COMPROMISO COA TERRA

“Estes produtores representan o compromiso coa terra, profesionais que creen no que fan e produtos elaborados cunha calidade extraordinaria”, sinalou Encarna Amigo, quen anotou que “a súa experiencia confirma que no rural galego se pode vivir, se pode crear emprego, se pode innovar e se pode prosperar”.

As deputadas populares compartiron cos propietarios da Gandería Quintián “a realidade diaria destas explotacións familiares, do esforzo que hai detrás de cada queiro e da importancia de manter vivas as denominacións de orixe que nos distinguen”.

Neste sentido, Katy Varela salientou “o impacto directo que teñen estas producións na fixación da poboación, na dinamización das comarcas e na creación de oportunidades para as novas xeracións”.

O PP insta ao BNG a posicionarse claramente ao lado das vítimas e deixar de apoiar ao PSOE

A presidenta provincial do Partido Popular de Lugo, Elena Candia, compareceu hoxe en rolda de prensa acompañada polo secretario xeral provincial do PP,  Javier Nodal, e polo voceiro do PP na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, para denunciar a gravidade da situación política e institucional que se está a vivir na provincia de Lugo a raíz do caso de presunto acoso sexual que afecta ao PSOE, e para esixir ao BNG que abandone a ambigüidade e se posicione con claridade ao lado das vítimas.

Candia comezou a súa intervención trasladando unha mensaxe clara de apoio ás presuntas vítimas, ás que cualificou como “as principais prexudicadas de todo isto”. “A miña primeira mensaxe é de apoio ás presuntas vítimas e de repulsa a este tipo de condutas que, sexan ou non constitutivas de delito, son absolutamente inaceptables. Fágoo como lucense, pero sobre todo como muller”, subliñou.

“O que estamos vivindo estes días na provincia de Lugo é grave. Grave non só polo que se denuncia, senón polo que non cambia, polo que se cala e polo dano que se lle está facendo ás institucións”, afirmou a popular.

A presidenta provincial do PP insistiu en que non existe ningunha novidade real, xa que José Tomé segue mantendo as actas na Deputación e no Concello de Lugo. “Hoxe, despois de todo o coñecido, José Tomé segue enrocado na súa decisión persoal, cando os lucenses e os monfortinos lle están pedindo claramente que dea un paso atrás”, indicou.

Candia foi contundente ao respecto: “As institucións non poden estar ao servizo de quen se aferra ao cargo, nin poden quedar debilitadas por unha situación que non se resolve. Non chega con abandonar a presidencia da Deputación mantendo o poder desde a sombra. Iso non é asumir responsabilidades, é prolongar o problema”.

O PAPEL DETERMINANTE DO BNG

Elena Candia situou o foco así mesmo no BNG, ao que cualificou como actor determinante da situación actual. “Hai alguén que é determinante nesta situación e ese é o BNG. Ten que ser claro e deixar de branquear o que está a acontecer”, afirmou.

“Non valen as medias tintas nin os silencios incómodos. O BNG segue no goberno, enfadándose un pouco fóra, pero demostrando a súa incoherencia e a súa falta de contundencia na defensa de algo tan importante como a defensa das mulleres”, engadiu.

Candia advertiu que o BNG “ten que decidir se está ao lado das presuntas vítimas ou se vai seguir sostendo, directa ou indirectamente, un goberno condicionado por unha persoa apartada do PSOE por presunto acoso sexual. Retirar o apoio non é radicalidade, é coherencia”.

CONTRADICIÓNS E SILENCIO DO PSOE

A presidenta provincial denunciou tamén a falta de explicacións do PSOE e as súas contradicións internas: “O PSOE segue sen dar explicacións. Besteiro recoñeceu que era coñecedor do caso, e iso é clave. Lara Méndez, Pilar García Porto e a dirección socialista seguen sen aclarar que sabían, que fixeron e por que calaron”, sinalou.

“Estamos ante un episodio de contradicións e incoherencias permanente. O silencio non é neutral. O silencio tamén debilita as institucións”, advertiu.

FALSO FEMINISMO DE PSOE E BNG

Candia denunciou o falso feminismo do PSOE e do BNG: “O caso de Tomé deixa en evidencia un feminismo de escaparate no PSOE. Non se pode falar de defensa das mulleres mentres se recoñece que se coñecían denuncias e non se fixo nada durante meses. O feminismo non é un pin nunha efeméride. É actuar cando toca, aínda que doa”.

A popular engadiu que o BNG debe demostrar coherencia coas súas palabras a través de accións concretas e non limitarse a discursos: “Non caben silencios nin medias tintas. Ten que demostrar que defende os dereitos das mulleres e a transparencia”.

DEPUTACIÓN DE LUGO

A presidenta provincial tamén criticou a situación vivida na Deputación:

“O comportamento do bipartito onte foi bochornosa e ofrece unha mala imaxe da institución e da provincia. Tomé anuncia dimisión, pero preside a Xunta de Goberno con membros do PSOE, mentres o BNG se ausenta sen adoptar medidas. ¿Que goberno vai a ter a Deputación de Lugo? ¿O BNG vai formar parte dun goberno provincial cunha deputada supostamente coñecedora dos casos de acoso e apoiado por Tomé?”.

Candia destacou a necesidades de responsabilidade institucional: “O silencio non é neutral. Tamén debilita as institucións. Cando se debilitan as institucións, perde Lugo. E iso non o podemos permitir”, engadiu.

SILENCIOS NO ÁMBITO MUNICIPAL

Candia criticou tamén o silencio no Concello de Lugo. “Non podemos ignorar o silencio do alcalde de Lugo, Miguel Fernández, que é tamén deputado provincial e que asistiu onte a un órgano presidido por Tomé”, explicou.

“Ese silencio é unha forma de posicionarse, e os veciños teñen dereito a saber cal é a súa postura ante unha crise que afecta directamente á Deputación de Lugo”, afirmou.

Alfonso Rueda asiste a cea de Nadal organizada polo PP de Poio

A cea de Nadal organizada hoxe polo Partido Popular de Poio contou coa asistencia do presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, xunto ao presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Poio, Ángel Moldes, entre outros representantes da formación.

O encontro reuniu arredor de 200 persoas nun ambiente festivo e de confraternidade, servindo como punto de encontro para militantes e simpatizantes do PP de Poio nestas datas de Nadal.

O PP de Ourense contrapón o “caos inmobiliario” xerado polo Executivo de Sánchez fronte ás medidas “claras e contundentes” do Goberno galego para facilitar o acceso á vivenda

O Partido Popular de Ourense celebrou esta mañá en Xinzo de Limia a terceira das xornadas organizadas pola Área de Vivenda do PP e na que se puxo de manifesto o “caos inmobiliario” xerado polo Goberno de Sánchez, fronte ás medidas “claras e contundentes” adoptadas pola Xunta de Galicia para facilitar o acceso da cidadanía á vivenda. Un encontro que se desenvolveu na Casa da Cultura e no que participaron, xunto ao presidente provincial Luis Menor, o coordinador da Área de Vivenda do PPdeOU, Benito Iglesias; a concelleira do Concello de Ourense, Sonia Ogando; e Pilar Fernández, directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

Na clausura deste novo encontro, tamén coa presenza da secretaria xeral, Sandra Quintas, e a parlamentaria autonómica Cristina Camporo, o presidente provincial, Luis Menor, incidiu na necesidade de derrogar a Lei Estatal de Vivenda “pola enorme inseguridade xurídica creada e o fracaso da práctica totalidade das súas medidas”. Un preocupante escenario que revela a “incapacidade” de Sánchez para abordar este problema, mentres que en Galicia o goberno que preside Alfonso Rueda impulsa liñas de axuda, programas e medidas “que facilitan a unha sociedade en crecemento o acceso a un fogar digno, accesible e adaptado ás súas necesidades”.

A vivenda é a maior preocupación da cidadanía “en España, en Galicia, en Ourense, e por suposto tamén aquí, en Xinzo de Limia”, destacou Luis Menor comentando as cifras expostas na xornada: máis de 4.300 vivendas baleiras na vila antelá, o segundo concello da provincia tras a capital con máis pisos deshabitados, e unha oferta inmobiliaria para aluguer practicamente inexistente.

Un crecente parque de vivendas baleiras “porque os propietarios non arriscan” ante a inseguridade xurídica provocada pola Lei Estatal de Vivenda, e que ten como principais afectados á mocidade, os maiores e aos traballadores, que ven limitada a súa mobilidade laboral ao non atopar vivenda.

SOLUCIÓNS REAIS ANTE A INSEGURIDADE XURÍDICA

Benito Iglesias, encargado de abrir a xornada, afirmou que os gobernos teñen a obriga de xerar confianza entre os propietarios para mobilizar máis vivenda, “o que non fai o executivo de Pedro Sánchez”. Nesta liña contrapuxo o sentido de responsabilidade do PP, que propón medidas como crear máis solo, facer máis vivenda protexida e poñer en marcha rebaixas fiscais.

Doutra banda, Sonia Ogando, falou da inseguridade xurídica provocada pola Lei Estatal de Vivenda, que está a causar un enorme prexuízo no mercado inmobiliario, especialmente no de aluguer. Ogando abordou a necesidade de medidas para garantir o abono da renda aos propietarios, a seguridade á hora de reclamar ou cobrar o custo de posibles danos. “Actualmente, o noso ordenamento xurídico non é quen de garantir á cidadanía o desfrute tranquilo e pacífico da súa vivenda”.

Pilar Fernández, en tanto, repasou as principais liñas de axuda habilitadas pola Xunta de Galicia para facilitar o acceso á vivenda, como o programa Fogar Vivo, para mobilizar vivenda baleira mediante incentivos; as axudas a promotores; para adquisición de vivenda e avais entre a mocidade; e as axudas para rehabilitación no rural en municipios de menos de 5.000 habitantes, aprobadas este luns polo Consello da Xunta. “Desde o PP e a Xunta de Galicia estamos comprometidos con solución reais que faciliten o acceso a unha vivenda digna para a xeración que máis o necesita”, concluíu.

Alberto Pazos pide aos responsables do PSdeG “explicacións convincentes e actuacións contundentes” ante as denuncias por presunto acoso sexual contra José Tomé

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, demandou hoxe aos máximos responsables do Partido Socialista en Galicia “explicacións convincentes e actuacións contundentes” sobre as denuncias realizadas por varias mulleres por supostos abusos sexuais do ex presidente da Deputación de Lugo, “logo de que leven case tres días escondidos e sen dar a cara” desde que se coñeceron estes feitos. Así mesmo, pediu ao BNG que “se afasten de todo o relacionado con José Tomé e abandonen os seus postos e responsabilidades na Deputación Provincial, xa que para continuar gobernando vai ser imprescindible que conten co respaldo deste presunto acosador sexual”.

Alberto Pazos manifestou que “estamos expectantes por coñecer as explicacións que os máximos responsables do PSdeG van ofrecer hoxe sobre todo o relacionado con estes supostos abusos do ex secretario xeral do PSOE en Lugo, explicacións que deberán ser moi convincentes logo de que os máximos responsables do PSOE en Galicia estiveran totalmente desaparecidos e en silencio desde a noite do pasado martes en que se deron a coñecer as informacións relacionadas co señor Tomé”.

NON ADOPTARON AS MEDIDAS NECESARIAS

“A pesar das informacións que se coñecían a través dos medios de comunicación de que na cúpula socialista en Galicia era perfectamente coñecedora das denuncias presentadas polas mulleres acosadas, tanto a través da canle interna desta formación política como a nivel persoal, non adoptaron as medidas necesarias para afrontar este grave problema e, segundo coñecemos hoxe tamén, incluso intentaron negociar coas afectadas para que retiraran as súas acusacións”, criticou.

O portavoz popular sinalou que “este repugnante caso de acoso machista demanda unha actuación contundente por parte dos responsables socialistas, e non esconderse durante tres días, sen dar a cara e aprobando, con nocturnidade e alevosía, un decálogo que pon, negro sobre branco, o que xa tiña que ter feito o PSdeG desde o primeiro momento que coñeceron os feitos denunciados polas mulleres agredidas”.

Así mesmo, Alberto Pazos referiuse ao BNG e afirmou que “de pouco serven os aspaventos e verbas sonoras que tanto lle gustan á señora Pontón se despois segue da man do señor Tomé gobernando na Deputación de Lugo”. “O que está claro ata este momento, é que o señor Tomé vai conservar a súa condición de deputado provincial, converténdose en figura clave para que o BNG continúe con mando en praza na Deputación Provincial de Lugo”, apuntou.

“Basta xa de tanta demagoxia por parte do BNG e, por unha vez, tomen unha decisión sensata e coherente que poña de manifesto que, de verdade, defenden ás mulleres e loitan por acabar coa violencia e o acoso machista: abandonen o goberno da Deputación de Lugo e pidan con seriedade que o señor Tomé abandone todas as súas responsabilidades políticas”, incidiu.

ONDE ESTÁN OS COLECTIVOS FEMINISTAS?

Para rematar con esta cuestión, Alberto Pazos cuestionou “onde están eses colectivos feministas tan reivindicativos que organizan manifestacións e concentracións cando o acusado ou o presunto acosador é doutra cor política allea ao nacionalismo, o socialismo ou das súas ideoloxías máis próximas”. Neste sentido, indicou que “estamos á espera de que se pronuncien e fagan unha mínima declaración de condena dos feitos protagonizados polo señor Tomé, pero xa estamos acostumbrados a que, para estes grupos vinculados ao nacionalismo e ao socialismo, as mulleres non son todas iguais: depende da cor política á que estean arrimadas ou do carné político que teña o presunto acosador”.

Na súa comparecencia ante os medios, o portavoz popular destacou que Galicia será a primeira comunidade autónoma de España en aprobar os orzamentos para 2026, “un feito que constitúe a mellor demostración dos beneficios da estabilidade política e do bo goberno do que gozan Galicia e os galegos”. Deste xeito, contrapuxo “este privilexio que vive Galicia coa penosa e preocupante situación que vive o Goberno de España, que leva tres anos prorrogando os orzamentos do Estado de 2022 e, o que é máis alarmante, cunhas contas aprobadas na anterior lexislatura, por un Congreso que para nada se parece ao actual, e nunhas condicións que pouco teñen que ver coas necesidades actuais da sociedade española”.

Por último, Alberto Pazos denunciou a “nova mostra do seu desprezo e discriminación a Galicia e aos galegos amosada esta semana polo Goberno de Pedro Sánchez”, unha vez máis cunha decisión relacionada coa solicitude de transferencia e a gratuidade da AP-9. “Mentres retrasa sine die a tramitación no Congreso da proposición de lei de transferencia da AP-9 a Galicia, a semana pasada o Goberno de Pedro Sánchez acordou co Goberno de Navarra a transferencia da titularidade dos tramos da AP-68 Bilbao-Zaragoza que discorren por territorio da Comunidade foral, e onte coñecemos que o Goberno de Pedro Sánchez procedeu á liberalización da peaxe nos 28,5 quilómetros da circunvalación de Alacante da AP-7”, explicou.

“Esta medida supón a exención do pago das peaxes na AP-7 durante máis da metade da concesión desta autoestrada, fixada o seu remate para o ano 2040, e, mentres tanto, os galegos e todos os usuarios da AP-9, teremos que seguir abonando as peaxes máis caras de toda España por circular por esta autoestrada galega.

Alfonso Rueda anima ao PP de Santiago a seguir demostrando que é a única alternativa gañadora fronte ao caos e a ineficiencia do goberno do BNG

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, animou hoxe ao PP de Santiago a seguir demostrando que é única alternativa gañadora fronte ao caos e a ineficiencia do actual goberno da capital de Galicia a través dun traballo que combine a crítica coas propostas.

Na súa intervención na cea de Nadal do partido local celebrada hoxe e na que estivo acompañado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e polo presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo; quixo poñer en valor o bo traballo que están a facer Borja Verea e o seu equipo. Un traballo que, tal e como asegurou, terá os seus resultados nas próximas eleccións municipais de 2027.

 

O líder dos populares galegos fixo un chamamento aos seus para que o Partido Popular siga sendo un exemplo de rigor e honestidade nun contexto como o de Santiago pero tamén nun contexto nacional “inaudito na historia da democracia”.

Referiuse así a todas as penas de prisión que acumula o núcleo máis próximo a Pedro Sánchez, á condena do Fiscal Xeral do Estado e a todos os casos de acoso sexual que, segundo defendeu, invalida ao PSOE a dar leccións de igualdade e moito menos de bo goberno.

Fronte a isto, os composteláns e o resto dos galegos, por sorte, poden contar cun goberno dedicado a falar con feitos e que cumpre aprobando os seus Orzamentos en tempo e forma. Unhas contas que, no caso da capital galega, inclúen investimentos como o centro de protonterapia e o de terapias CAR-T, a futura fábrica de IA ou a ampliación do CHUS e do seu aparcadoiro.

“Temos moito que facer valer e por iso debemos demostrar cada día que somos a alternativa, que sabemos facer as cousas ben e que somos un equipo unido e con ganas”, concluíu animando ao partido a seguir estando á altura.

UNHA MAIORÍA PARA CUMPRIR UNHA RESPONSABILIDADE HISTÓRICA

Pola súa banda, o presidente local do partido, Borja Verea, quixo facer unha apelación á “responsabilidade histórica” que sinte ante unha cidade que “non pode permitirse máis fallos”. Nese sentido, insistiu nas súas “ganas” de ser alcalde de Santiago para cumprir con esa responsabilidade e que Santiago “recupere o seu prestixio, a súa posición no mundo e a súa forza”.

“Mentres eles queren unha cidade pequena, acomplexada, escura, triste e sectaria, nós seguiremos aspirando a unha cidade grande, universal, sen complexos, aberta ao mundo e cosmopolita”. Unha cidade, insistiu, na que “todos os santiagueses teñan cabida por riba de ideoloxías e soberbias absurdas”.

Con este obxectivo, insistiu na necesidade de “seguir traballando con ganas, non confiarse e non equivocarse” para acadar nas próximas eleccións municipais a “maioría histórica” que require esa “responsabilidade histórica” á que apela.

Aprobado en Comisión o ditame do proxecto de Lei do clima de Galicia, unha norma que busca acadar a neutralidade climática de Galicia no horizonte do 2040

A Comisión 2ª do Parlamento de Galicia aprobou hoxe o ditame do proxecto de Lei do clima de Galicia, unha norma que ten como obxectivos específicos acadar a neutralidade climática en Galicia no horizonte do ano 2040 e reducir as emisións netas de gases de efecto invernadoiro, cando menos nun 75 por cento no ano 2030 con respecto aos niveles de 1990. Este novo texto lexislativo queda agora pendente da súa aprobación definitiva en Pleno.

O portavoz popular de Medio Ambiente, Gonzalo Trenor, agradeceu o traballo desenvolvido por todas as persoas que participaron na elaboración desta lei, que “contribuirá ao cumprimento dos compromisos internacionais sobre redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, facilitar a descarbonización de todos os sectores da economía galega e promover a adaptación aos impactos do cambio climático”.

ESPÍRITO COLABORATIVO

“Con este novo texto lexislativo, elevamos a rango de lei o obxectivo da Comunidade galega de acadar a neutralidade climática no horizonte de 2040”, salientou o portavoz popular, que subliñou “o seu espírito colaborativo, que se manifesta a través da creación de novos órganos de asesoramento e participación, como a Oficina de Cambio climático de Galicia, o Foro de Acción Climática e o portal de Acción Climática”.

Gonzalo Trenor explicou que a través desta norma promoveranse instrumentos ou beneficios fiscais para incentivar á realización de actuacións que reduzan os gases de efecto invernadoiro, así como aquelas de apoio aos obxectivos da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía.

Unha das novidades que incorpora esta nova lei é a creación do rexistro galego de promotores de neutralidade climática, que inclúe intrinsecamente o rexistro de pegada de carbono, ampliando o seu ámbito de aplicación a organizacións, administracións públicas ou eventos. Este rexistro promoverá a compensación das emisións a través do sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta de Galicia.

O PPdeG esixe a José Tomé que dimita de todos os seus cargos e ao BNG que “rompa dunha vez por todas” co PSOE

O PPdeG esixe a dimisión de José Tomé dos seus cargos como deputado provincial e como alcalde de Monforte de Lemos e pon o foco nun BNG ao que invita a “romper dunha vez por todas” co PSOE e a “poñer os dereitos das mulleres por riba das súas ansias de poder”.

Nunha rolda de prensa que ofreceu esta mañá na sede autonómica do partido, a secretaria xeral Paula Prado amosou o seu rexeitamento “como muller, como galega e como política” cara os comportamentos coñecidos nas últimas horas de José Tomé e trasladou o apoio do PPdeG a todas as presuntas vítimas que denunciaron ao político socialista por acoso sexual.

“Estamos preocupados porque, cada vez con máis frecuencia, se repite un patrón de conduta bastante preocupante no PSOE”, asegurou afeando aos socialistas que “nunca saben nada” e que “presumen de que feminismo e socialismo son o mesmo cando a verdadeira realidade do que pasaba con moitos dirixentes do partido eran comentarios denigrantes contra as mulleres, consumo de prostitución e actitudes moito máis que inadecuadas no ámbito laboral”.

A número dous dos populares galegos acusou á “cúpula socialista” de “coñecer e amparar” todo isto e por iso sostén que o PSOE “non ten absolutamente ningunha autoridade moral para falar en nome das mulleres”. Neste sentido, pediulle aos dirixentes socialistas que trasladen á Fiscalía as denuncias de todas as mulleres que relataron situacións de acoso sexual.

“Ese sería o paso normal dun partido que pretende ser feminista, pero por agora está moi lonxe”, concluíu subliñando a “hipocrisía tremenda” de que todos estes feitos “gravísimos” veñan do mesmo partido que “pretendía enarborar a bandeira do feminismo en exclusiva e acusaba de machismo a todo o mundo”.

O BNG E O SEU ‘FEMINISMO’

Paula Prado considera que a hipocrisía do PSOE é a mesma que a dun BNG que “hai uns días ameazaba a sede do PP de Santiago para conmemorar o 25-N, que insulta e desexa bombas nas partes íntimas ás mulleres do PP, que segue apoiando a Lei do ‘só si é si’ e que non levantou a voz co escándalo das pulseiras antimaltrato”.

Por iso desde o PPdeG agardan que, neste caso, o independentismo galego se poña “enfronte” na Deputación e no Congreso e “rompa dunha vez” co PSOE ao tempo que se preguntan “que máis ten que pasar” para que isto suceda.

“Se o BNG realmente, como di, quere ao agresor fóra das institucións, está nas súas mans sacalo”, subliñou a secretaria xeral dos populares galegos poñendo o foco no papel deste partido como “parte da ecuación de goberno” da Deputación de Lugo. Unha institución que, insiste, “depende exclusivamente de Tomé e do BNG”.

A dirixente popular argumentou que a situación actual de José Tomé “debería bastar para afastalo de calquera decisión institucional mentres se esclarezan os gravísimos feitos denunciados por varias mulleres” e que “non se pode falar de feminismo e de ‘tolerancia cero’ mentres se sostén o poder grazas a un voto baixo sospeita”.

“Se realmente Ana Pontón considera de tanta gravidade estas denuncias e quere solidarizarse coas vítimas, non pode manterse no Goberno da Deputación de Lugo co voto dun presunto agresor sexual”, concluíu defendendo que, no caso contrario, o BNG “estaría cambiando a defensa e o apoio ás vítimas polo poder na Deputación”.

O DANO PARA A IMAXE DE LUGO E DE MONFORTE DE LEMOS

Facendo un balance de todo o coñecido ata o de agora, Paula Prado explicou que nestes momentos tanto José Tomé como o PSOE “segue sen dar explicacións sobre o acontecido e sen aclarar o contido das denuncias presentadas polas presuntas vítimas” e que os máximos responsables do PSdeG “seguen sen aclarar se eran ou non coñecedores destes feitos”.

“É unha pena que se estea falando en toda España de Lugo e de Monforte de Lemos por esta cuestión e non polas necesidades que teñen esta provincia e este concello”, lamentou en último lugar.

O PPdeG amosa o seu respaldo ao “proxecto de futuro” construído polo PP da Estrada “a base de traballo, lealdade e profesionalidade”

O Partido Popular de Galicia amosou hoxe o seu respaldo ao “proxecto de futuro” que o PP da Estrada construíu ao longo dos últimos anos e que agora, baixo o liderado de Gonzalo Louzao, se ten consolidado “a base de traballo, lealdade e profesionalidade”.

Nesta liña, a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, que participou no pincho de Nadal organizado polo partido local; quixo destacar que Louzao, ademais da súa xuventude, reúne “a ilusión, a xestión e a proximidade” que se requiren dun bo alcalde e que neste tempo demostrou que “é quen de gobernar para todos, escoitar a cada parroquia e facer da política unha ferramenta útil”.

De aí que se amosase convencida de que, con este traballo, o partido seguirá sumando maiorías absolutas e sendo o máis votado na Estrada. Porque, segundo explicou, estas maiorías son “o que fai posible a estabilidade que permite garantir ao 100% o benestar dos veciños e veciñas”.

Na xuntanza tamén participou o predecesor de Louzao tanto na alcaldía como á fronte do PP local, José López Campos.

Comunicado do PP da provincia de Lugo

Ante a última comparecencia pública de José Tomé para anunciar a súa dimisión como presidente da Deputación de Lugo e a súa decisión de manterse como deputado non adscrito e alcalde de Monforte de Lemos tamén como non adscrito, dende o PP da provincia de Lugo:

1.- Insisten en trasladar o seu máximo apoio a tódalas mulleres e, particularmente, ás presuntas vítimas que o teñen denunciado por acoso sexual a través das canles internas do PSOE como daba a coñecer o programa ‘Código 10’ da cadea de televisión Cuatro.

2.- Subliñan que José Tomé e o PSdeG seguen sen dar explicacións sobre o acontecido, nin aclarar o contido das denuncias presentadas polas presuntas vítimas.

3.- Manifestan o seu respecto á presunción de inocencia e inciden en trasladar a súa condena ante este tipo de condutas graves que merecen o seu profundo rexeitamento.

4.- Esixen, por responsabilidade e coherencia, a dimisión de José Tomé como deputado provincial e como alcalde de Monforte de Lemos.

5.- Esixen aos máximos responsables do PSOE a nivel autonómico e provincial aclarar se eran ou non coñecedores dalgunha das denuncias presentadas polas canles internas e, en caso afirmativo, adoptar medidas urxentes ante a súa propia inacción.

Lugo, 10 de decembro de 2025