O Partido Popular de Galicia asegura que seguirá dando a batalla pola transferencia e a gratuidade da AP-9, así como reclamando a avaliación da oportunidade do rescate desta infraestrutura, ante a falta de compromiso do Goberno central e as promesas incumpridas do PSOE galego.
Fíxoo esta mañá a través da súa secretaria xeral, Paula Prado, que compareceu nunha rolda de prensa na que explicou que o partido pide isto mesmo para a AP-53, entre Santiago e Dozón, na que “prometeron hai tres meses avances que seguen sen chegar”, e ante a constatación de que demandas como estas si se están a satisfacer no caso doutras comunidades autónomas.
“Non podemos estar vendo como se prorroga por exemplo a gratuidade da AP-7, en Alacante, e para Galicia só quedan migallas”, explicou a número dous dos populares galegos ao tempo que parafraseaba as palabras do presidente Alfonso Rueda: “Galicia non quere ser máis ca ninguén, pero tampouco menos”.
Recordou que esta mesma semana os deputados do PPdeG no Congreso volveron reclamar ao Goberno central que avalíe a oportunidade do rescate da autopista do Atlántico, tendo en conta que o custo estimado pola Xunta da indemnización –2.331 millóns de euros– se asemellaba de xeito considerable ao custo das bonificacións ata o final da concesión. “Non obtivemos resposta e eles seguen sen ensinar as súas contas”, engadiu ao respecto.
Un asunto do que falou ademais o renovado secretario xeral do PSOE galego, Xosé Ramón Gómez Besteiro, que “lle botou valor” e esta fin de semana asegurou que o seu partido ía no camiño da liberación das peaxes. Algo sobre o que Paula Prado ironizou: “Que pasou tres días despois? O PSOE desmentiu ao propio PSOE dicindo que ‘non é viable na actualidade’. Sen dúbida, unha boa tripla a que lle meteron a Besteiro e ao PSOE galego”.
“Non me dá pena que a nova etapa do señor Besteiro empece así, cunha derrota ante o seu partido na primeira semana. Porque xa avisamos: de todo o que levamos tragado, un galego non pode seguir sendo un soldado de Sánchez”, afirmou a secretaria xeral do PPdeG ao tempo que sacaba a relucir, entre outros agravios, as 38 prórrogas –23 só nesta lexislatura– que acumula o debate sobre a transferencia da AP-9 no Congreso desde que Pedro Sánchez chegou á Moncloa.
OS ECOS DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
Cinco días despois do 8 de marzo, Paula Prado asegurou que “cada vez é máis necesario cumprir iso que dicimos tanto en política de que o Día da Muller ten que ser todos os días”. Algo que xa fai o PPdeG, que traballa a diario para executar os seus compromisos electoral e polos que recibiu o apoio das galegas e galegos.
Necesario tamén “ante o dano que lle está facendo a esquerda ás mulleres”, como se constata en Galicia cun BNG que “leva un mes sen condenar un panfleto machista contra unha conselleira e xustifica o escrache a outra conselleira alegando que se trataba dun acto reivindicativo polo 8-M”.
A isto engádese que o cartel do 8-M dos independentistas galegos ten detrás a unha autora que dixo que lle gustaría “dar hostias” a Isabel Díaz Ayuso e que o BNG non di nada tampouco de que haxa máis de 1.500 agresores sexuais beneficiados pola Lei do ‘só si é si’ que apoian eles e tamén o PSOE.
“O mesmo PSOE, por certo, que segue sen abrir unha investigación interna sobre a contratación de señoritas de compañía elixidas por catálogo, que se desmarca de Ábalos e que segue aliado con Sumar a pesar de Errejón ou Monedero”, concluíu.