O Grupo Popular rexistrou dúas iniciativas no Parlamento de Galicia a través da que se reproba a campaña machista levada a cabo polo sindicato CIG, que claramente desvaloriza o traballo dun cargo político pola súa condición de muller, e se expresa o total rexeitamento a calquera tipo de mensaxe ou acción que supoña unha discriminación ou violencia polo feito de ser mulleres. “Confiamos que as deputadas nacionalistas fagan valer a súa influencia no BNG e estas dúas iniciativas conten co seu apoio unánime no momento en que sexa debatidas neste Parlamento”, sinalou o portavoz popular, Alberto Pazos.
Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, Pazos criticou o “silencio covarde” da voceira do BNG tanto para dar resposta á pregunta sobre a existencia de persoas do seu entorno que se teñan beneficiado de contratos menores asinados con institucións gobernadas polo BNG como para amosar o seu rexeitamento á repugnante campaña machista levada a cabo pola CIG contra a conselleira de Política Social.
LAMENTABLE SUBMISIÓN
“Os nacionalistas son moi amigos de pedir transparencia aos demais, pero son especialistas en pasar un tupido veo cando son eles os que deben dar unha resposta sobre calquera cuestión que os poña en evidencia fronte ao que denuncian dos demais”, sinalou o portavoz popular, quen tamén considerou “lamentable a submisión da señora Pontón e de todo o BNG ao que lle marcan os coroneis da UPG e da CIG”.
Así, considerou “indignante que unha muller, que di considerarse feminista e que tanto denuncia as actitudes machistas, sexa incapaz de dicir a máis mínima palabra de condena ou repudio a esta noxenta campaña contra unha muller traballadora e que merece todo o respecto, aínda que non sexa da ideoloxía que defende a señora Pontón”.
Alberto Pazos avanzou que “non nos cansaremos de seguir pedindo á señora Pontón, e a todas as que se din feministas nacionalistas, que condenen este tipo de accións machistas do seu sindicato de cabeceira, como xa teñen feito outras destacadas representantes doutras formacións políticas ás que quero trasladar o noso agradecemento”, polo que anunciou o rexistro no Parlamento galego de dúas proposicións non de lei reprobando esta actitude machista e expresando o rexeitamento a calquera mensaxe ou acción que supoña unha discriminación ou violencia polo feito de ser muller.
A DÉBEDA NON SE ELIMINA, CAMBIA DE MANS
O portavoz popular referiuse tamén ao intento do Goberno de Pedro Sánchez, co apoio incondicional do BNG, de impoñer ás comunidades autónomas unha condonación da súa débeda, “co único obxectivo de cumprir as esixencias dos seus socios independentistas cataláns que, unha vez vexan rebaixada a súa débeda na cantidade que estimaron conveniente, darán un paso máis nas súas esixencias para manter a Pedro Sánchez na Moncloa e pedirán a aprobación do seu concerto económico”.
Pazos reiterou que “a débeda non se elimina dun plumazo, senón que unicamente cambia de mans, pasando das comunidades autónomas á caixa xeral do Estado, co que pasamos a pagala todos os españois”. En concreto, con este acordo a débeda total de Galicia se incrementa en 600 millóns de euros, unha cifra que resulta de reducir os máis de 4.000 millóns de euros da débeda galega que asumiría o Estado pero á que se debe engadir a parte proporcional que tocaría asumir á Comunidade galega dos máis de 83.000 millóns de euros que subiría a débeda do Estado.
“Todo isto co respaldo e aprobación tanto do BNG como dos socialistas galegos, máis preocupados por satisfacer os desexos de Pedro Sanchez que de velar polos intereses de Galicia e de todos os galegos”, manifestou o portavoz popular, quen os acusou de “mentir flagrantemente aos galegos, porque a suposta condonación da débeda non implica máis recursos para os galegos e, como moito, suporá un pequeno alivio no pago dos xuros desa débeda que se deben afrontar cada mes”.
Alberto Pazos afirmou que “o realmente é necesario é unha reforma do sistema de financiamento autonómico e local, que teña en conta o custo real da prestación dos servizos públicos en cada comunidade autónoma”. “E, no caso de Galicia, teña moi presente a dispersión e o envellecemento da súa poboación”, concretou.