Santiago, 22 de agosto de 2022- O portavoz do Grupo Popular Pedro Puy sinalou hoxe en rolda de prensa que as prioridades políticas para o próximo período de sesións estará centrado en cuestións económicos, cos orzamentos, o Plan estratéxico para 2030 e o financiamento autonómico, e aspectos sociais como as propostas da Comisión para o seguimento das políticas relativas á discapacidade ou as reformas no ámbito sanitario.
Pedro Puy sinalou a “absoluta normalidade democrática e parlamentaria, cunha transición exemplar” que supuxo o cambio do titular da Presidencia da Xunta e considerou que o balance dos 100 primeiros días “é moi positivo, continuísta nas políticas que viñan sendo avaladas pola cidadanía galega e amosando capacidade de reacción ante situacións imprevistas como a subida de prezos, tomando medidas acaídas que se van a fixar nos próximos orzamentos con apoio ás familias e sectores produtivos”.
TRABALLO CON RIGOR, TRANSPARENCIA E DIÁLOGO COA OPOSICIÓN
Así mesmo, indicou o “maior afán de buscar consensos tanto no plan estratéxico como no financiamento autonómico, cuestións de país para as que é necesario un esforzo para buscar puntos de acordo, aínda que o posicionamento da oposición no debate sobre o teito de gasto foi ata certo punto frustrante, tendo en conta o incremento importante deste, pero nós imos a continuar traballando co mesmo rigor, transparencia e constante diálogo coa oposición”.
Polo que respecta ao teito de gasto, aprobado no mes de agosto, de 12.599 M€, fixará a prioridade nos vindeiros meses de aprobar uns orzamentos axeitados a situación económica actual, caracterizada pola subida de prezos, inflación ou necesidade de dinamizar a economía galega co apoio dos fondos europeos, sinalou Pedro Puy.
Así mesmo, indicou que en setembro comezará o debate do Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030, presentado no Parlamento o pasado mes de xullo polo conselleiro de Facenda, e ao que foron presentadas emendas e que “procuramos buscar un consenso como xa fixeramos no anterior Plan estratéxico” .
O ditame da Comisión de estudo sobre financiamento autonómico será outro dos principais referentes no novo período de sesións e na que “todas as comparecencias apuntaban a liñas comúns que sitúan as demandas de Galicia nun entorno compartido, sinalando a importancia do mantemento da solidariedade interterritorial e de incrementar a capacidade de gasto para atender as demandas sociais, a sanidade, a educación e a política social, con crecentes demandas de gasto”.
O portavoz do Grupo Popular tamén fixo referencia a Comisión especial, non permanente, para o seguimento das políticas relativas á discapacidade e elaboración de novas propostas a prol da integración das persoas con discapacidade, “unha Comisión que vén desenvolvendo os seus traballos durante varias lexislaturas, analizando 25 informes sectoriais e 55 comparecencias de persoal do sector, expertos e xestores públicos e que rematou coa comparecencia da conselleira de Política social, e que está na súa fase final”.
Indicou que na actualidade o Grupo Popular xa está a traballar no documento da ponencia e sinalou a importancia do entendemento e diálogo “na procura da mellora da situación de quen máis o precisa, tanto en atención ás persoas con discapacidade, accesibilidade, educación inclusiva, emprego e inserción laboral ou na loita contra a violencia de xénero especialmente no ámbito das persoas con discapacidade”
Dentro do ámbito sanitario, tamén fixo referencia ao debate das propostas de resolución dos grupos parlamentarios ao Plan de Obesidade Zero, que foi presentado pola Xunta e solicitada a colaboración da Cámara sobre a iniciativa centrada na prevención do sobrepeso e obesidade desde unha perspectiva de saúde pública.
INICIATIVAS DO GRUPO POPULAR
O portavoz parlamentario fixo referencia a que neste período estival o Grupo Popular continúa a traballar actualizando iniciativas e presentando novas en todas as áreas e en ámbitos que nos preocupan especialmente, como a declaración de zonas catastróficas afectadas polos incendios, plan de seca, reforma do Regulamento de costas, atención primaria, proxectos industrias, dependencia, turismo, infraestruturas, desenvolvemento de modificacións lexislativas en materia de violencia de xénero, xuventude, educación, políticas sociais ou impulso demográfico, entre outras temáticas.
Nese sentido, sinalou que nos próximos días o Grupo Popular presentará iniciativas en relación ao prezo da enerxía que soportan as industrias electrointensivas “que en España seguen a ser prezos moi elevados, nestes momentos u 69% máis que en Francia ante o que o Goberno central ten que reaccionar polo grave risco de deslocalización destas empresas radicadas en Galicia”
DEPUTACIÓN PERMANENTE
Preguntado pola petición de convocatoria da Deputación Permanente por parte da oposición para solicitar a comparecencia do presidente da Xunta polos acontecementos acaecidos recentemente no PAC de Baltar, Pedro Puy sinalou que “intentar facer política cunha desgraza, que non coñecemos a fondo porque, entre outras cousas, está xudicializada, non é a mellor forma de amosar que un ten capacidade de dirixir ou tomar decisións de goberno sobre a sanidade, unha sanidade pública galega que, en liñas xerais, está funcionando ben, reformándose acordo cos profesionais, e que se está a comportar de maneira exemplar como amosou na pandemia”