Santiago, 11 de xaneiro de 2022.- A Comisión de estudo sobre a reforma do sistema de financiamento do Parlamento galego comezou hoxe a súa fase de comparecencias de expertos coa presenza de María Cadaval e Elena Muñoz, que coincidiron en demandar un novo modelo transparente, predicible e sen partidismos, ao tempo que aseguraron que o sistema de cupo sería prexudicial para Galicia.
A primeira persoa en comparecer na Comisión de Estudo foi a profesora de Economía Aplicada da Universidade de Santiago e doutora europea nesta mesma materia, María Cadaval, quen demandou “altura de miras” á hora de afrontar o novo modelo de financiamento autonómico e defendeu a “nivelación total” (en contra da “nivelación parcial” introducida na reforma do 2009) de recursos para todas as comunidades autónomas.
Así mesmo, Cadaval amosouse contraria a descentralizar o imposto de sociedades, pola facilidade que existe para eludilo e beneficiarse das diferencias que poidan existir entre distintas demarcacións territoriais, así como polas dificultades técnicas para atribuír a cada territorio as bases xeradas.
María Cadaval, en relación co informe remitido polo Goberno central ás comunidades autónomas para o cálculo do “habitante axustado” (cálculo do custo real da prestación dos servizos públicos), criticou o feito de que, pese a establecerse máis tramos de idade para valorar o gasto sanitario, os tramos de idade maior, nos que se concentra a maior parte dese gasto, recibirían con esa proposta menos financiamento que na actualidade.
ACORDOS MULTILATERAIS
A ex-conselleira de Facenda e membro da Escala Superior de Finanzas da Xunta, Elena Muñoz, lembrou que no actual sistema de financiamento “non se ten en conta o suficiente nin o avellentamento nin a dispersión da poboación” que existe en Galicia. Ademais, lamentou que entre os anos 2008 e 2019 o financiamento por habitante axustado das comunidades autónomas españolas incrementouse máis dun 13 por cento, mentres que en Galicia a suba foi só do 3,7 por cento, como consecuencia da insuficiente valoración dos factores anteriores.
De cara á negociación do novo sistema, Muñoz avogou por acordos multilaterais, para evitar consecuencias como as derivadas do sistema vixente froito dun pacto unilateral entre o Goberno socialista de entón e a Generalitat catalá. En relación coas rebaixas fiscais aplicadas en Galicia nos últimos anos, precisou que o seu custo é asumido integramente pola facenda pública autonómica, pois o Estado xa desconta nas transferencias que lle fai á comunidade autónoma o que esta tería recadado de terse aplicado neses tributos a tarifa estatal (recadación normativa), non producíndose, por tanto, compensación algunha por porte da Administración estatal.
Na súa condición de senadora na actualidade, Elena Muñoz considerou que “vivimos unha situación complicada” para abordar unha reforma do financiamento, “sen un Goberno forte e máis preocupado polas maiorías que precisa para manterse no poder que pola situación económica”. Así mesmo, demandou coordinación entre as administracións públicas na loita contra a fraude, cun intercambio de información permanente.