O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados do PSdeG, a través da que se reitera a solicitude ao Goberno de España que cumpra a Lei de dependencia que lle obriga a cofinanciar o 50 por cento da atención aos dependentes e salde a débeda de máis de 2.500 millóns de euros acumulada con Galicia.
A portavoz popular de Asuntos Sociais, Raquel Arias, criticou que “o Goberno central estea pagando pouco máis do 30 por cento do que lle corresponde coa Lei da dependencia, o que supón unha débeda anual de 200 millóns de euros”.
“Ata que o Goberno central non pague o que debe para a dependencia, a atención que se lle pode prestar aos dependentes non será o que por lei lles corresponde, por moito que a Xunta se esforce”, sinalou a portavoz popular, que salientou que na actualidade a Xunta destina tres veces máis orzamento á dependencia que cando gobernaban o PSdeG e o BNG.
NOVA REFORMA DA LEI SEN FINANCIAMENTO
Raquel Arias criticou que o Goberno de Pedro Sánchez aprobara onte unha nova reforma da Lei de dependencia “con normas desprovistas de financiamento e sen consultar con ninguén”. “Do mesmo xeito que fixo en 2023, cando obrigou aos concellos a dar máis horas de axuda no fogar a cada dependente, provocando serios problemas económicos nos municipios e incrementando en 80 millóns de euros a débeda anual que xa arrastraba con Galicia”, lembrou.
Na súa intervención, referiuse ao recente informe publicado pola Asociación de directores e xerentes de servizos sociais, no que se pon de manifesto que “o Goberno propón unha reforma da lei engadindo novos dereitos cando aínda están moi lonxe de garantir os que recoñece a actual norma”. E engade que “sen incremento de financiamento, os novos dereitos que esta reforma da lei propón recoñecer quedan en papel mollado, pura cosmética do sistema, que so servirá para xerar falsas expectativas ás persoas en situación de dependencia e aos seus familiares”.
Este informe tamén sinala que Galicia está entre as comunidades autónomas cunha maior valoración na prestación da dependencia, cunha puntuación de 6,4 sobre 10 cando a media estatal non chega ao 5; e recoñece que Galicia é unha das comunidades que máis reduciu as listas de agarda, a pesar de que no último ano o número de solicitudes se incrementou o 40 por cento.
INCONGRUENCIAS DA OPOSICIÓN
“O Goberno da Xunta, nunha absoluta lealdade cos galegos, pon 8 de cada 10 euros dos seus orzamentos para políticas sociais e 700 millóns de euros para a dependencia, incrementando nun 23 por cento a axuda aos concellos para esta prestación”, indicou Raquel Arias. Ademais, subliñou que “o Goberno galego puxo en marcha o pasado mes de xaneiro un novo plan de choque da dependencia, que xa beneficiou a máis de 5.000 persoas”.
Para rematar, a portavoz popular puxo de manifesto as incongruencias de BNG e PSdeG cando falan de atención á dependencia, porque “critican que a Xunta externalice algúns servizos de atención aos dependentes, pero eles privatizan todas as residencias que xestionan ou o servizo de axuda no fogar nas administracións e os concellos que gobernan; e tamén piden máis cartos para a atención aos maiores, pero o Concello de Pontevedra, gobernado polo BNG, é o terceiro de España con menor investimento en políticas sociais”.