O Grupo Popular solicitará á Xunta o desenvolvemento do Plan Estratéxico da Conserva Horizonte 2020, así como o inicio da elaboración do Plan estratéxico do conxelado

Santiago, 17 de abril de 2018.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana demandar que a Xunta desenvolva o Plan Estratéxico da Conserva Horizonte 2020 e inicie a elaboración do Plan estratéxico do conxelado así como  ao Goberno central a inmediata posta en marcha da tarxeta social universal.

 

Pedro Puy concretou que, ben desde o Goberno galego ou desde o Grupo Popular, “traemos ao Pleno temas importantes e relevantes para Galicia que afectan ao sistema produtivo, tanto ao sector enerxético, a aplicación da Política Agraria Común ou o sector conserveiro; e temas de índole social, como a implantación da tarxeta social universal, a ampliación do Hospital de Montecelo en Pontevedra ou os centros de información á muller”.

 

Máis en concreto, especificou que na sesión plenaria comparecerán os conselleiros de Economía, Emprego e Industria, para falar das directrices enerxéticas de Galicia; e do Medio Rural, sobre o futuro da Política Agraria Común en Galicia.

 

No apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará que a Xunta desenvolva o Plan Estratéxico da Conserva Horizonte 2020, que recolle as liñas principais para asegurar a competitividade e viabilidade do sector cara ao futuro. O portavoz popular subliñou que a produción da conserva en Galicia supuxo en 2016 un total de 1.291 millóns d euros, sendo o 85 por cento da produción de España.

 

Así mesmo, solicítase que se inicie a redacción do Plan estratéxico do conxelado, que determine as oportunidades que se abren neste sector e fortalecer as liñas de traballo que permitan a expansión da produción e a obtención de maior valor engadido para os produtos galegos.

 

INFORMACIÓN ENTRE ADMINISTRACIÓNS

 

En segundo lugar, o Grupo Popular defenderá que o Goberno central poña en marcha de xeito inmediato a tarxeta social universal. Pedro Puy salientou a importancia desta identificación porque, “ademais de permitir a mobilidade de información entre as diferentes administracións públicas, facilita coñecer a situación real de cada titular da tarxeta e poder prestar os servizos dun xeito máis racional e eficaz”.

No apartado de preguntas, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre os resultados do fomento da xestión compartida dos centros de información á muller existentes en Galicia; os avances e novidades respecto da ampliación do Hospital Montecelo en Pontevedra; e o balance da primeira fase do Plan de transporte público de Galicia.

Tellado di que a descomposición do PSOE de Lugo na Deputación demostra que debe gobernar a lista máis votada

Santiago, 17 de abril de 2018.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, declarou que a actual situación do goberno da Deputación de Lugo é a constatación da descomposición do partido socialista na provincia, estando ante o final do “besteirismo”. Para o número dous dos populares galegos, “nada disto tería pasado se se deixase gobernar a quen gañou as eleccións que foi o PP”.

Seguir leyendo