O PPdeG dá luz verde ao Comité de Campaña para as eleccións europeas co obxectivo de poñer a disposición dos galegos un proxecto en positivo e apegado ás súas necesidades

O Partido Popular de Galicia deu hoxe luz verde ao seu Comité de Campaña para as eleccións europeas, que contará con Paula Prado como directora de campaña e que buscará poñer a disposición dos galegos propostas en positivo e un proxecto apegado ás súas necesidades.

Así o acordou esta tarde o Comité de Dirección do PPdeG, encabezado polo presidente Alfonso Rueda, nunha reunión celebrada na sede autonómica do partido e na que, entre outros asuntos, se deu un último repaso aos resultados electorais do 18 de febreiro.

“Conseguimos en total máis de 700.000 votos. O que supón máis dun 47% do total, 84.000 votos máis que en 2020 e 30.000 votos máis que o PSOE e o BNG xuntos”, lembrou Paula Prado ao tempo que remarcaba que o PPdeG foi “o partido preferido pola xente nova e o que aglutinou maior voto feminino”.

A número dous dos populares galegos engadiu a este respecto que se trata dun resultado “absolutamente lexítimo” fronte ao que pretende facer ver unha oposición que “segue sen asumir a súa derrota”. Unha oposición que, ademais, tampouco é capaz de pedir desculpas “pola súa negativa á Lei do litoral de Galicia”.

“O Goberno galego fixo unha lei necesaria para protexer a nosa costa, para encontrar un equilibrio entre o medio ambiente e a actividade económica, e esta semana foi avalada polo Tribunal Constitucional”, explicou ao tempo que anunciaba que “solicitaramos de xeito inmediato o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a nosa costa”.

Paula Prado subliñou que, con esta sentenza do Tribunal Constitucional, “Galicia gañou e Sánchez volveu naufragar aquí”. Incidindo acto seguido na “deriva” na que están sumidos tanto Pedro Sánchez como o seu goberno.

Precisamente ao fío do tempo de reflexión que se vai tomar o presidente do Goberno, Paula Prado ironizou con que “para Galicia non vai cambiar moito o conto” na medida en que “Sánchez leva xa moito tempo desaparecido de Galicia e sen atender aos problemas dos galegos e galegas”.

“A estas alturas pouca xente cre xa en Sánchez, que no día de hoxe tiña que estar dando explicacións dunha trama que envolve a un bo número de membros do Goberno de España”, asegurou recordando o positivo que sería para Galicia que “algún día se dignase a aparecer con fondos europeos, bos proxectos ou  novas infraestruturas”.

Todo isto fai concluír á secretaria xeral do PPdeG que os recentes acontecementos  que envolven ao presidente do Goberno “responden a unha planificación e a un interese persoal” máis que a calquera outra cuestión.