O PPdeG, sobre a reunión do presidente Rueda con Pedro Sánchez: “Defenderá a dignidade de Galicia fronte aos que pretenden erosionar a igualdade entre todos os españois”

Na véspera da reunión entre o presidente Alfonso Rueda e Pedro Sánchez, o PPdeG reivindica que é o “único partido que defende de verdade a dignidade de Galicia” e que iso será o que o seu líder trasladará mañá na Moncloa: “Defenderemos a nosa dignidade fronte aos que pretenden erosionar a igualdade entre todos os españois”.

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, recordou hoxe nunha rolda de prensa celebrada na sede autonómica do partido que esta defensa da dignidade de Galicia era precisamente un dos compromisos incluídos no programa electoral que levou a Alfonso Rueda a conseguir a súa primeira maioría. Un apartado que se resumía do seguinte xeito: “O PP de Galicia defenderá que as institucións autonómicas sexan reivindicativas co Goberno de España e que entendan a lealdade como unha forma de esixir o que ás galegas e galegos lles corresponde”.

“A estas alturas, sete meses e un día despois de gañar as eleccións, ninguén pode negar que o PPdeG non só está cumprindo co prometido, senón que é o único partido que defende, de verdade, a dignidade de Galicia”, apuntou a número dous dos populares antes de criticar que Alfonso Rueda tivera que esperar todo este tempo para ser recibido por Pedro Sánchez e que este, ademais, “chame a todos á vez e non o reciba só a el como é habitual despois de gañar unhas eleccións”.

O PLAN DE DEXENERACIÓN DEMOCRÁTICA DE SÁNCHEZ

Ante este cambio de actitude por parte do presidente do Goberno, Paula Prado ironizou con que se trata “dunha máis das súas sorpresas negativas incluídas no seu plan de dexeneración democrática” e das que en Galicia, subliñou, hai moitos exemplos. Un deles é o caso das infraestruturas: “Está atrasada e paralizada a transferencia e gratuidade da AP-9, atrasadas tamén un bo número de conexións ferroviarias, como o enlace con Portugal; e atrasadas a autovía Santiago-Lugo ou as obras do viaduto da A-6”.

“Tamén tivemos sorpresas negativas cos fondos europeos e o apoio aos proxectos industriais interesados en crear emprego e riqueza en Galicia. E non sabemos nada da transferencia dos medios e servizos para a xestión do litoral, conxelada pese á sentenza do Tribunal Constitucional”, indicou.

A secretaria xeral do PPdeG considera que “son tantos os desprezos e os incumprimentos de Sánchez con Galicia que o presidente Rueda vai ter que facer un esforzo de comprensión para poder resumirllos ao presidente do Goberno e aínda así non lle chegaría todo o venres”.

Tamén quixo remarcar o “preocupante” xa non do elevado nivel de incumprimentos, senón do feito de que “moitos deses incumprimentos son exactamente os mesmos que o presidente Rueda lle trasladou a Sánchez hai máis de dous anos”.

UN BNG QUE INVESTIU A SÁNCHEZ A CAMBIO DE NADA

Paula Prado criticou así mesmo que esta semana o BNG “se atrevera a dar leccións de servilismo cando investiron a Pedro Sánchez a cambio de nada”. De feito, aproveitou para volver a recordarlle aos nacionalistas que “o seu pacto de papel mollado xa leva un bo número de incumprimentos”.

“Está claro que o plan de dexeneración democrática de Sánchez inclúe incumprir o que pacta cos seus socios e, por suposto, incumprir coas demandas das galegas e os galegos”, concluíu no remate da súa intervención.

Aprobado o ditame do proxecto de Lei de promoción dos beneficios sociais dos proxectos que utilizan os recursos naturais, paso previo ao seu debate definitivo en Pleno

A Comisión 6ª do Parlamento de Galicia aprobou hoxe o ditame do proxecto de Lei de promoción dos beneficios sociais dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, co que o texto queda en disposición do seu debate definitivo en Pleno. O portavoz popular, Alberto Pazos, asegurou que esta nova norma “suporá un antes e un despois para a sociedade galega, porque con ela Galicia garante que a nosa riqueza natural se transforme en riqueza social para o conxunto dos galegos”.

Alberto Pazos salientou que o texto que sae do debate en ponencia deste proxecto de lei, ao que se incorporaron directamente seis emendas da oposición e se transaccionaron outras dúas, “cumpre os dous requisitos fundamentais que motivaron a súa creación: garantir que calquera proxecto que implique o aproveitamento dos recursos naturais de Galicia redundará en beneficios directos e medibles para o conxunto da poboación; e garantir o mantemento das máximas esixencias ambientais para a implantación deses proxectos”.

VISIÓN DE CONXUNTO

“Ambas cuestións se funden nun único informe que permitirá unha visión de conxunto de calquera proxecto, pero garantindo que non cabe compensación económica das esixencias ambientais, nin cabe eliminar beneficios sociais polo mero cumprimento das esixencias ambientais”, indicou.

O portavoz popular dixo que a “coherencia” foi o motivo para que o Grupo Popular rexeitara moitas das emendas dos grupos da oposición, “ben por amosar unha evidente incoherencia co obxecto deste proxecto de Lei ou ben por amosar unha fonda incoherencia entre as propostas realizadas e a súa actuación política alí onde gobernan, como o demostra o feito de que criminalicen permanentemente a colaboración público-privada, pero non dubidan en abrazala en cada lugar e ocasión que teñen de gobernar”.

Pazos criticou que “insistan na necesidade de introducir nesta lei unha zonificación para o desenvolvemento eólico, que non forma parte do obxecto desta norma, do mesmo xeito que insisten en regular cuestións que xa están reguladas noutras normativas”. Porén, lembrou que “xa existe unha zonificación vixente, a través do Plan sectorial eólico, que pode ser revisada por quen lle interese”, e subliñou que “non é a Xunta quen permite a instalación fóra dos límites territoriais establecidos nin que alixeira as esixencias medioambientais, senón o Goberno de España”.

O Parlamento galego pide ao Goberno central unha modificación no IRPF para que os deportistas poidan desgravar as axudas que reciben das administracións autonómicas

O Parlamento galego aprobou  a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable por parte dos deputados socialistas, a través da que se insta ao Goberno central para que modifique o Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas e as leis dos Impostos sobre Sociedades, sobre a Renda de non Residentes e sobre o Patrimonio, ao fin de recoller entre as exencións deste imposto as axudas que sexan outorgadas a deportistas, adestradores, técnicos, árbitros ou xuíces de alto nivel polas administracións autonómicas.

O portavoz popular de Deportes, Pablo Prieto, explicou que na actualidade a modificación do artigo 7 da Lei 35/2006 do IRPF “beneficia so aos deportistas que reciben axudas de contido económico por parte do Consello Superior de Deportes, o Comité Olímpico Español, o Comité Paralímpico Español e a Asociación de Deportes Olímpicos polo que os deportistas galegos non poden acceder a esas vantaxes fiscais se so reciben axudas por parte da Xunta”.

“É unha cuestión que non debemos de deixar pasar por alto, polo que esiximos ao Goberno central sensibilidade e criterio para garantir a igualdade para os deportistas no conxunto do Estado, ademais dunha medida que garanta o pleno exercicio de competencia exclusiva que a Comunidade galega ten en relación co deporte”, indicou Pablo Prieto.

Na súa intervención, subliñou que “Galicia xa fixo os deberes neste ámbito” e lembrou a modificación lexislativa realizada en 2019 para establecer unha nova dedución na cota íntegra autonómica do IRPF referida ás axudas obtidas polos deportistas de alto nivel de Galicia da Administración galega”. Ademais, destacou que a Xunta realiza unha labor de acompañamento e protección integral e transversal cara os deportistas de alto nivel a través do Programa de Axuda ao Deportista, “que axuda aos deportistas tanto durante como despois da súa carreira deportiva a través de orientación, información e apoio en xeral.