A Comisión 6ª do Parlamento de Galicia aprobou hoxe o ditame do proxecto de Lei de promoción dos beneficios sociais dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, co que o texto queda en disposición do seu debate definitivo en Pleno. O portavoz popular, Alberto Pazos, asegurou que esta nova norma “suporá un antes e un despois para a sociedade galega, porque con ela Galicia garante que a nosa riqueza natural se transforme en riqueza social para o conxunto dos galegos”.
Alberto Pazos salientou que o texto que sae do debate en ponencia deste proxecto de lei, ao que se incorporaron directamente seis emendas da oposición e se transaccionaron outras dúas, “cumpre os dous requisitos fundamentais que motivaron a súa creación: garantir que calquera proxecto que implique o aproveitamento dos recursos naturais de Galicia redundará en beneficios directos e medibles para o conxunto da poboación; e garantir o mantemento das máximas esixencias ambientais para a implantación deses proxectos”.
VISIÓN DE CONXUNTO
“Ambas cuestións se funden nun único informe que permitirá unha visión de conxunto de calquera proxecto, pero garantindo que non cabe compensación económica das esixencias ambientais, nin cabe eliminar beneficios sociais polo mero cumprimento das esixencias ambientais”, indicou.
O portavoz popular dixo que a “coherencia” foi o motivo para que o Grupo Popular rexeitara moitas das emendas dos grupos da oposición, “ben por amosar unha evidente incoherencia co obxecto deste proxecto de Lei ou ben por amosar unha fonda incoherencia entre as propostas realizadas e a súa actuación política alí onde gobernan, como o demostra o feito de que criminalicen permanentemente a colaboración público-privada, pero non dubidan en abrazala en cada lugar e ocasión que teñen de gobernar”.
Pazos criticou que “insistan na necesidade de introducir nesta lei unha zonificación para o desenvolvemento eólico, que non forma parte do obxecto desta norma, do mesmo xeito que insisten en regular cuestións que xa están reguladas noutras normativas”. Porén, lembrou que “xa existe unha zonificación vixente, a través do Plan sectorial eólico, que pode ser revisada por quen lle interese”, e subliñou que “non é a Xunta quen permite a instalación fóra dos límites territoriais establecidos nin que alixeira as esixencias medioambientais, senón o Goberno de España”.