O Grupo Popular salienta o “rotundo éxito” da xestión das axudas ao alugueiro para xente moza, esgotando o crédito de 22,8 millóns e concedendo máis de 5.200 axudas

A portavoz de Vivenda do Grupo Popular, María Deza, cualificou hoxe no Pleno do Parlamento galego de “rotundo éxito” a xestión das axudas ao alugueiro para xente moza do Plan de Vivenda 2022-2025, esgotando o crédito de 22,8 millóns de euros en dous meses e concedendo máis de 5.200 axudas.

María Deza sinalou que “a pesar dos atrasos, da falta de comunicación e dos erros detectados na convocatoria realizada polo Goberno central, que mesmo foron recoñecidos polo propio Ministerio, o Goberno galego foi quen de executar con éxito esta liña de axudas ao alugueiro para xente moza”.

Neste sentido, explicou que estas axudas, “que o Goberno de Pedro Sánchez vendeu como unha liña da que se podería beneficiar practicamente todo o mundo, estaban limitadas a apenas 4.000 persoas, pero a boa xestión do Instituto Galego da Vivenda e Solo fixo posible aumentar o número de beneficiarios un 25 por cento, chegando ata un total de 5.253 axudas”.

CONDICIÓNS RÍXIDAS

Ademais, a portavoz popular criticou “as ríxidas condicións para a concesión da axuda establecidas polo Ministerio, que impediron acceder ás mesmas incluso a persoas que cumprían os requisitos, como é o caso dun solicitante que comparte vivenda con outras persoas que non compren os requisitos, aínda que cada unha faga fronte ao pago da parte que lle corresponde do alugueiro”.

Respecto das nova edición da axudas ao alugueiro, María Deza considerou que “está abocada ao fracaso” porque, entre outros motivos, a oferta de vivendas en alugueiro por prezos mensuais inferiores a 600 euros é de tan so o 6 por cento do total de España, ao tempo que os alugueiros que non superan os 900 euros ao mes supoñen tan so o 31 por cento da oferta total no mercado. “Se o que se persegue é que o novo bono chegue a quen máis o necesita, sería necesario revisar e ampliar o límite da cota mensual, xa que o prezo do alugueiro medio en España xa supera os 1.000 euros de media”, concretou.

Ademais, este novo bono resultará insuficiente xa que so chegou ao 0,8 por cento dos mozos españois. “En Galicia, segundo o orzamento previsto, apenas cubriría un 1 por cento dos mozos, existindo máis de 360.000 mozos con idade comprendida entre os 24 e os 36 anos”, dixo.

O Grupo Popular pide a convocatoria urxente da Conferencia Sectorial de Transportes para que as comunidades poidan trasladar as súas preocupación, inquietudes e propostas

O deputado do Grupo Popular Gonzalo Trenor demandou hoxe no Pleno do Parlamento galego a convocatoria urxente da Conferencia Sectorial de Transportes, na que as comunidades autónomas poidan trasladar as súas preocupacións, inquietudes e propostas sobre a situación actual do transporte público en toda España, en especial o caos que vive o transporte ferroviario.

Gonzalo Trenor lembrou “o grave dano que vai ocasionar o novo mapa concesional do transporte por estrada de competencia estatal provocará que 22 municipios galegos, con máis de 130.000 veciños, van quedar illados das rutas estatais, xa que pretenden eliminar 90 rutas”. “Esta decisión deixará a concellos como Monterroso, Lalín, Tui, Melide ou Palas de Rei sen parada, obrigando aos usuarios a facer transbordos e supoñendo unha perda de servizos e de conectividade letal para o rural galego”, apuntou.

PLAN REFERENTE E PIONEIRO

Así mesmo, Trenor lembrou que o ministro de Transportes “foi reprobado por este Parlamento, sen ningún voto en contra, un exemplo que máis tarde seguiron tanto o Congreso como o Senado, iso si, co voto en contra do PSOE e sen o apoio do BNG”. “Que valentes aquí e que covardes en Madrid”, dixo.

“A norma no transporte interurbano de competencia autonómica non son os retrasos, a falta de prazas ou as avarías, a pesar da dimensión do servizo: máis de 3.700 rutas, máis de 56.000 paradas, máis de 20 millóns de horarios e máis de 2,3 millóns de servizos ao ano”, indicou o deputado popular.

Gonzalo Trenor destacou, finalmente, que o Plan de transporte público de Galicia “é un referente entre o resto de comunidades autónomas como pioneiro na renovación do transporte público interurbano, polo volume de recursos públicos que dedica a financialo e polo marcado carácter social co que abordamos a mobilidade”.

“Nun territorio tan disperso como o noso, o esforzo loxístico e orzamentario para garantir a mobilidade dos galegos é enorme, chegando aos 140 millóns de euros anuais, aplicando tarifas máis económicas e uniformes para todo o territorio e cunha ampla gama de bonificacións, entre as que destaca o servizo gratuíto para a mocidade ou para os maiores de 65 anos”, rematou.

O Grupo Popular afirma que o futuro Plan de saúde mental de Galicia incorporará psicólogos clínicos nos centros de saúde

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que o futuro Plan de saúde mental de Galicia incorporará psicólogos clínicos nos centros de saúde dependentes dos servizos de pediatría.

Encarna Amigo lembrou que Galicia foi pioneira na implantación en 2017 dun Plan de prevención do suicidio, que incorporaba 37 medidas en sete liñas estratéxicas. Posteriormente, aprobouse en 2020 o Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024, “que nos converteu novamente nunha comunidade pioneira ao definir unha folla de ruta tan ambiciosa na saúde mental, logo de que a pandemia evidenciou a súa necesidade”.

“Este plan sigue vixente a día de hoxe e darase conta do mesmo cando remate”, afirmou a portavoz popular, quen avanzou que “en base a ese análise redactarase o próximo plan de saúde mental de maneira máis ambiciosa e axeitada á realidade da saúde mental galega”.

FALTA DE RESPECTO AOS PROFESIONAIS

Por outra parte, Encarna Amigo pediu ao BNG “desculpas públicas ao afirmar que ‘se un home entra nunha consulta cunha sintomatoloxía semellante á dunha muller, o home sae cunha batería de peticións de probas complementarias e a muller cunha rea de psicofármacos”. “Xa non é que nos falten ao respecto aos militantes do Partido Popular, porque agora tamén faltan ao respecto aos galegos, ás mulleres e aos profesionais sanitarios”, sinalou.

“Son conscientes da acusación e falta de respecto que os nacionalistas galegos fai contra os profesionais que se deixan a pel cada día na atención de pacientes no Servizo Galego de Saúde?”, cuestionou a portavoz popular, quen asegurou que “nós confiamos no bo facer dos profesionais do sistema sanitario galego, que están centrados en traballar e resolver problemas de saúde”. “No único no que os nacionalistas galegos son especialistas é en alporizar a xente, terxiversar informacións e en enredar e xerar problemas onde non os hai”, rematou.

O Grupo Popular anima ao Concello de Ourense a participar na Estratexia de infraestrutura verde e de conectividade e restauración ecolóxicas da Xunta

O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, animou hoxe no Pleno do Parlamento galego ao Concello de Ourense a participar na Estratexia de infraestrutura verde e de conectividade e restauración ecolóxicas aprobada pola Xunta e a través da que se investirán tres millóns de euros para renaturalizar as cidades galegas.

Gonzalo Trenor afirmou que Galicia será a primeira comunidade autónoma en contar cunha estratexia deste tipo, cuxo obxectivo principal é a creación dunha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, que contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien ás poboacións das contornas.

REFERENTE

Neste sentido, o portavoz popular considerou “fundamental dotar ás cidades de espazos verdes urbanos como parques, xardíns, fontes ou áreas recreativas que repercutan na redución das emisións á atmosfera, considerando que as áreas urbanas son esenciais xa que nelas xéranse entre un 40 e un 70 por cento das emisións de gases de efecto invernadoiro”.

“Por iso a estratexia de infraestrutura verde fai especial fincapé nas urbes, e impulsa iniciativas como a creación de rúas verdes coa plantación de especies autóctonas que, xunto co uso de pavimentos naturais, a atenuar o efecto illa de calor”, apuntou.

Trenor avogou por “facer de Ourense un referente das infraestruturas verdes”, polo que solicitou a colaboración do Concello para mellorar a ordenación do seu territorio e previr os efectos adversos do cambio climático e os seus riscos principais.

O PPdeG critica que BNG e PSdeG son culpables do maior dano que nunca se lle ten feito ás mulleres vítimas de violencia, apoiando ao Goberno de Pedro Sánchez e a aprobación da Lei do só si é si

A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “nacionalistas e socialistas son culpables do maior dano que nunca se lle ten feito ás mulleres vítimas de violencia, apoiando ao Goberno de Pedro Sánchez e a aprobación da Lei do só si é , que permitiu que 1.450 violadores e agresores sexuais viran reducidas as súas penas e 126 saíran antes do cárcere”.

Raquel Arias insistiu que “cada agresión que se produce contra os dereitos e contra a liberdade das mulleres é un fracaso da sociedade no seu conxunto, e so se poderá combater se o facemos da man todas as institucións, todos os partidos políticos e o conxunto da sociedade”.

RACHARON O CONSENSO EN GALICIA

Por este motivo, salientou que “a loita contra a violencia de xénero é unha prioridade para a Xunta de Galicia”, e lembrou que “somos a primeira comunidade cunha dirección xeral específica, que permite atender mellor ás vítimas e traballar aínda máis na prevención; cunha axuda mensual ininterrompida para as vítimas; en poñer en marcha a quenda de garda para mulleres vítimas de violencia de xénero e tamén para os seus fillos menores; en ofrecer asistencia integral aos nenos orfos por violencia machista; e en facilitar vivendas tuteladas para vítimas de violencia con enfermidades mentais, que proximamente se ampliará a vítimas con problemas de adición”.

A portavoz popular sinalou que “moitos deses avances aprobáronse neste Parlamento por unanimidade de todos os grupos”, pero lamentou que “o pasado mes de decembro BNG e PSdeG racharon o consenso e non votaron a favor da nova Lei de igualdade, a pesar de que foron aceptadas a maioría das súas propostas”.

“É moito o que se está facendo, pero temos que seguir traballando e por iso é imprescindible que o Goberno central faga tamén os seus deberes, renovando canto antes o Pacto de Estado, que leva conxelado desde 2022 e o que so cumpriu o 60 por cento das medidas recollidas; revisando os erros do sistema Viogen á hora de valorar o risco das vítimas de violencia de xénero que denunciaran ao seu agresor; e promulgando dunha vez por todas unha lei contra a trata de persoas, ámbito no que Galicia xa vai por diante cun plan antitrata desde o ano 2022”, manifestou.

O Grupo Popular asegura que a iniciativa lexislativa popular sobre a pesca e o marisqueo xa está superada pola Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia

O portavoz do Mar do Grupo Popular, Miguel Fidalgo, asegurou hoxe que a iniciativa lexislativa popular para o recoñecemento e protección das actividades pesqueiras e marisqueiras debatida no Pleno do Parlamento galego xa está superada pola Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, unha norma que “non é do Partido Popular, senón froito da cogobernanza do sector e dun proceso no que participaron desde o Observatorio do Litoral, pasando por científicos, académicos e xuristas, e que contou con achegas decisivas da cadea mar-industria”.

Miguel Fidalgo lembrou que a iniciativa lexislativa popular “ten a súa orixe nun contexto no que, determinadas decisións, protagonizadas fundamentalmente polo Goberno de Pedro Sánchez, estaban poñendo en cuestión o desenvolvemento das políticas pesqueiras e marisqueiras en Galicia”.

XERAR UN CLIMA PROPICIO

“Hoxe dispoñemos dunha lei autonómica, como é a Lei do litoral, que permitirá afondar no desenvolvemento das competencias propias de Galicia e que proporciona a necesaria seguridade xurídica ao conxunto da cadea mar-industria, á nosa pesca, marisqueo e acuicultura, para o desenvolvemento da súa actividade, con capacidade para xerar un clima propicio para que as actividades profesionais do mar teñan futuro”, manifestou.

Deste xeito, asegurou que “a finalidade e obxectivo da iniciativa lexislativa popular xa está incorporada e superada pola Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, que recolle ao longo do seu articulado diversos preceptos que inciden e abordan de xeito ambicioso as cuestións que se plasman na iniciativa lexislativa popular, en particular o apoio ao noso mar, marisqueo e acuicultura, e a súa consideración como actividade preferente”.

“Temos claro que defender a pesca en Galicia non é so protexer un sector económico, é salvagardar a nosa identidade, o noso pasado e o futuro de miles de familias”, rematou o portavoz popular.

O Pleno do Parlamento aproba a nova lei que garante beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilicen recursos naturais de Galicia

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a nova Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, a través da que se garante que calquera proxecto que se desenvolva relacionado coa produción de enerxía redunde en beneficios directos e medibles para o conxunto da poboación, sen mermar nin unha soa garantía ambiental para calquera proxecto que se instale na Comunidade galega. “Vostedes queren eólica sen muíños, minería sen minas, industria sen factorías, turismo sen turistas, emprego sen empresas, e queren a colleita pero non están dispostos a traballar a terra”, criticou o portavoz popular, Alberto Pazos, dirixíndose aos grupos da oposición.

Pazos manifestou que, “por primeira vez na historia, Galicia afronta un proceso de transformación industrial desde unha posición de privilexio, derivada dunha vantaxe incuestionable da que non puidemos gozar en anteriores ocasións: a nosa capacidade de producir, subministrar e aproveitar as enerxías renovables”. “Galicia non dispuxo no pasado de grandes xacementos de carbón ou de petróleo, pero si dispón dunha enorme capacidade para xerar enerxías verdes, ata o punto de poder converternos nunha auténtica potencia na obtención destes recursos, se somos quen de superar as dificultades que estamos a padecer nestes momentos”, indicou, para incidir que “desaproveitar esa circunstancia constituiría un exercicio de irresponsabilidade”.

Na súa intervención, o portavoz popular lembrou que esta lei “recibiu importantes achegas por parte da sociedade civil, que se materializaron en 67 alegacións incorporadas ao seu articulado, ás que engadimos outras 9 emendas incorporadas durante a tramitación parlamantaria: 7 delas de xeito directo e outras dúas logo de transaccións co BNG e o PSdeG”.

Alberto Pazos asegurou que a nova Lei compre os dos requisitos fundamentais que motivaron a súa creación. “En primeiro lugar, garante que calquera proxecto que se desenvolva en Galicia relacionado coa produción de enerxía a partir de fontes renovables, coa concesión de augas, ou coa concesión de dereitos de explotación mineiros, redundará en beneficios directos e medibles para o conxunto da poboación”, sinalou.

Neste sentido, concretou que “falamos de beneficios de carácter ambiental, que amosen un impacto directo na economía local, relacionados coa creación de emprego e coa participación de investidores locais nos propios proxectos, que supoñan un novo pulo para a investigación, e, como non, un beneficio tan palpable como a redución de custos enerxéticos para os consumidores locais”.

MÁXIMAS ESIXENCIAS AMBIENTAIS

Un segundo obxectivo é garantir que todos e cada un dos proxectos que se desenvolvan ao amparo desta normativa continuará estando sometido ás máximas esixencias ambientais. Deste xeito, Pazos asegurou que esta lei “non merma nin unha soa garantía ambiental para calquera proxecto que se instale en Galicia” e apuntou que isto “é unha realidade incuestionable e confirmada tanto por BNG como PSdeG, xa que nin unha soa das súas emendas estaba dirixida a reforzar as garantías ambientais”.

Para rematar, o portavoz popular lembrou que “non existen solucións máxicas, non existe ningunha fonte de enerxía que non implique algún tipo de custe ambiental, nin existe unha industria perfecta que non supoña ningún tipo de impacto na súa contorna”. “Unha cousa é traballar na procura do necesario equilibrio entre progreso e conservación, e outra moi distinta pretender asumir a imposible entelequia de que é posible un desenvolvemento industrial compatible co inmobilismo absoluto”, afirmou.

E, dirixíndose aos deputados do BNG e do PSdeG, criticou que “a Galicia que vostedes defenden á unha entelequia carente de todo fundamento: esixen o desenvolvemento eólico de Galicia, ao tempo que tentan bloquear calquera instalación eólica; afirman apostar firmemente polo hidróxeno verde, pero bloquean os proxectos eólicos imprescindibles para a súa implantación; e prometen un plan para a reindustrialización de Galicia, pero se opoñen a todos e cada un dos proxectos industriais que pretenden implantarse nesta terra galega”.