O Grupo Popular salienta que a Xunta sitúa a vivenda no centro das súas políticas, incrementando orzamentos, aumentando o parque público e creando novas liñas de axudas

A deputada do Grupo Popular María Deza asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta “pon a vivenda no centro das súas políticas incrementando orzamentos, aumentando o parque público de vivenda e creando novas liñas de axudas”. “Namentres, desde o Goberno de Pedro Sánchez estase a facer xusto o contrario, aplicando cada vez políticas intervencionistas que o único que provocan é un detrimento da oferta”, anotou.

María Deza asegurou que “o principal motivo da carestía é a existencia dun problema de escaseza da oferta, ante o que a Xunta está a traballar apoiada en tres piares fundamentais: a construción de vivenda pública, o desenvolvemento de solo residencial para aumentar o parque da vivenda, e na adopción de medidas lexislativas e fiscais que incentiven a posta de inmobles no mercado”.

AMPLO ABANO DE PROGRAMAS

En concreto, a deputada popular salientou que a Xunta inclúe nos seus orzamentos para o vindeiro ano máis de 240 millóns de euros para impulsar as súas políticas en materia de vivenda, dos que máis de 100 millóns serán para construír novas vivendas públicas, máis de 20 millóns para o desenvolvemento de solo residencial e preto de sete millóns para o programa Rexurbe.

“Ademais, o Goberno galego seguirá despregando un amplo abano de programas e liñas de axuda que faciliten o acceso á vivenda e á mobilización de vivendas baleiras; fomenten a construción de vivendas destinadas ao alugueiro accesible; a adquisición de vivendas protexidas, en cascos históricos ou en concellos de reto demográfico a través de axudas directas; a adquisición da primeira vivenda co aval mozo destinado para menores de 36 anos; sufragar o alugueiro a través de axudas directas; ou a rehabilitación de vivendas de titularidade municipal que pasan a vivenda pública”, afirmou.

María Deza contrapuxo “os anuncios baleiros aos que nos ten acostumados o Goberno de Pedro Sánchez co traballo e os pasos adiante que está a dar a Xunta en materia de vivenda, con exemplos tanxibles como a constitución o pasado novembro da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, que xestionará a promoción de 2.350 novas vivendas de promoción pública; o avance das actuacións para ter rematadas en 2026, polo menos, 1.500 das 4.000 vivendas de promoción pública comprometidas nesta lexislatura; dando pasos na Estratexia Galega de Solo Residencial; e avanzando nos trámites para a construción de 1.600 novas vivendas”.

AXILIZAR A TRAMITACIÓN DE PROCEDEMENTOS

Por último, a deputada popular considerou “necesario impulsar e axilizar a tramitación dos procedementos previstos nas normativas autonómicas relativas a vivenda e solo residencial, tentando reducir tempos de tramitación, sen perder garantías e seguridade xurídica nas actuacións a desenvolver”. “Por iso, na Lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta para 2025 inclúese unha batería de medidas lexislativas e fiscais, así como unha serie de medidas excepcionais e temporais aplicables ata finais de 2028”, indicou.

“En concreto, levaranse a cabo modificacións na Lei de vivenda de Galicia e na Lei do Solo de Galicia que permitirán implantar os mecanismos que posibiliten a execución dos obxectivos de duplicar o parque de vivenda pública nos vindeiros anos e de xestionar solo para a construción das 20.000 vivendas protexidas”, rematou.

 

O Parlamento de Galicia solicita ao Goberno de España a transferencia das competencias en meteoroloxía e estudos oceanográficos

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio do PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno de España a transferencia da competencia dos servizos de meteoroloxía e estudos oceonográficos, que virán acompañados das funcións, medios financeiros e materiais relativos para o desenvolvemento destes traspasos.

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, explicou que a Constitución Española establece como competencia exclusiva do Estado o servizo meteorolóxico, “pero isto non é inconveniente para que Galicia reciba a súa transferencia, xa que no Estatuto de Autonomía de Galicia existe unha previsión sobre ‘as restantes materias que con este carácter e mediante lei orgánica sexan transferidas polo Estado’”.

“Polo tanto, se o Goberno central fai o que nunca adoita facer, ceder, hai marco legal para dita transferencia”, asegurou Paula Prado, quen afirmou que “Galicia vai seguir facendo unha posición firme de defensa dos seus intereses como comunidade autónoma, sen hipotecas, nin mediacións, nin obediencias, máis alá da que se lle debe ao pobo galego”.

AMPLIACIÓN DO TEITO COMPETENCIAL

Prado manifestou que “seguimos insistindo na ampliación do noso teito competencial naquelas materias que son de especial interese para Galicia, co obxectivo de mellorar a súa xestión”. Así, lembrou que “os últimos acontecementos ocorridos no territorio español por fenómenos meteorolóxicos adversos, así como os que ocorren habitualmente en Galicia, poñen de manifesto a importancia de ter información precisa sobre os cambios meteorolóxicos, ademais da potestade de poder activar alarmas, baseándose na proximidade dos servizos e a precisión aportada pola experiencia”.

Meteogalicia é unha unidade de observación e predición creada hai 24 anos, que na actualidade depende da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. “Estamos a falar dunha entidade científica de referencia a nivel europeo que ofrece cada día información precisa, rigorosa e de calidade ao conxunto da cidadanía, que conta ademais coas ferramentas e recursos necesarios para predicir e anticiparse a posibles efectos adversos dos distintos fenómenos meteorolóxicos”, concretou a viceportavoz popular.

Así mesmo, apuntou que Meteogalicia conta con 160 estacións meteorolóxicas espalladas por toda Galicia, fronte ás 52 da Axencia Estatal de Meteoroloxía, ademais de contar cun conxunto de equipamentos e cun radar que ofrecen datos sobre a situación en cada zona cada 10 minutos.

INVESTIGACIÓN SOBRE GALICIA DESDE GALICIA

Respecto da solicitude de transferencia dos estudos oceanográficos, Paula Prado sinalou que “queremos que a investigación neste ámbito referida a Galicia non se decida desde un despacho do Paseo da Castellana”. “Somos a principal potencia pesqueira de España e de Europa, polo que é lóxico ter a capacidade de emitir informes e facer estudos, e non que o teña que facer o Goberno central”, afirmou.

“Non ten sentido que territorios sen mar opinen sobre o noso mar, ao igual que ocorre coas políticas sobre a protección do lobo”, rematou.

 

 

O Parlamento galego pide ao Goberno central unha serie de medidas para garantir a permanencia de Alcoa na Mariña lucense

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España actuacións que garantan a permanencia da factoría de Alcoa na Mariña lucense, entre as que figuran a presenza dos ministros de Industria e de Transición Ecolóxica na reunión da Mesa de Seguimento do pacto de viabilidade convocada para o vindeiro día 9 de decembro ou a autorización dos parques eólicos de competencia estatal que prevén subministrar a esta factoría. Así mesmo, a iniciativa aprobada inclúe, a pesar de que o PSdeG non o apoio este punto, que o Goberno central active a intervención pública temporal e instrumental de Alcoa no caso de que todas as accións previstas non teñan un resultado positivo.

A través desta proposición non de lei, defendida pola deputada popular Elena Candia, o Parlamento de Galicia traslada o apoio aos traballadores e traballadoras que, directa ou indirectamente, vénse afectados pola situación de incerteza da fábrica de alúmina e aluminio de Alcoa na Mariña lucense e amosa a súa solidariedade polas familias afectadas.

AXUDAS PÚBLICAS

Así mesmo, demándase ao Goberno central, unha vez convocada a mesa de seguimento do pacto de viabilidade para o día 9 de decembro, a participación na mesma dos titulares dos Ministerios de Industria e Turismo e para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e do Presidente da Xunta, que xa anunciou a súa vontade de asistir se o facían os citados ministros.

Tamén se esixe o aumento da dotación orzamentaria das axudas de compensación de custes de emisións indirectas de CO2 ata o máximo legalmente permitido pola normativa europea, así como autorizar, sen máis dilación, os parques eólicos de competencia estatal vencellados a contratos a longo prazo para a produción de enerxía a prezos competitivos que prevén subministrar á factoría mariñá.

Outro dos puntos da iniciativa parlamentaria aprobados por unanimidade fai referencia á necesidade de articular unha liña de axudas públicas e apoios extraordinarios que garantan o investimento para a modernización da planta, no mesmo sentido que as que recibiron outras empresas tamén declaradas estratéxicas polo Estado, así como modificar o Estatuto do Consumidor Electrointensivo para crear a figura das empresas hiper-electrointesivas e deseñar mecanismos de apoio específicos ou reforzados que atendan ás necesidades especiais desta figura.

A proposición non de lei pide, ademais, articular unha interrumpibilidade que aproveite a capacidade destas industrias para funcionar como colchón nos picos de consumo de enerxía e estudar todas as accións legais e institucionais que garantan os compromisos adquiridos por parte das distintas administración e de Alcoa, en particular, aqueles previstos no acordo de viabilidade ou, alternativamente, os que se puideran pactar entre empresa e traballadores no marco do proceso de negociación.

O PSdeG ROMPEU A UNANIMIDADE TOTAL

O apoio unánime de todos os grupos parlamentarios co que contaron todos estes puntos rachouse nunha última demanda que non foi apoiada polos deputados do PSdeG. En concreto, o PPdeG e o BNG demandaron, no caso de que todas as accións anteriores sexan insuficientes, activar a intervención pública temporal e instrumental de Alcoa, para garantir a continuidade da actividade e o mantemento de todos os postos de traballo en San Cibrao, incluíndo o das auxiliares.

 

O PPdeG denuncia que o Goberno de Sánchez está facendo “o posible e o imposible” para impedir o debate da transferencia da AP-9 a Galicia no Congreso

Os deputados do Partido Popular de Galicia no Congreso denuncian o “boicot” que está perpetrando o Goberno de Sánchez, sostido polo PSOE, BNG e Sumar, á tramitación parlamentaria da proposición de lei sobre a transferencia da AP-9 a Galicia, facendo “o posible e o imposible” para impedir o seu debate a través de prórrogas.

Fano logo de que onte mesmo a Mesa do Congreso dos Deputados –dominada polos socialistas e os seus socios– acordase a décimo quinta prórroga no prazo de presentación de emendas á iniciativa, cuxa toma en consideración polo procedemento de urxencia foi aprobado no mes de xuño deste mesmo ano.

Unha prórroga que os populares consideran “lamentable” na medida en que encamiña o que é “un anhelo unánime do pobo galego” pola mesma senda da pasada Lexislatura: “Primeiro foron adiando o prazo de presentación de emendas ata chegar a quince prórrogas, logo boicotearon a súa tramitación na ponencia e finalmente a disolución das Cortes Xerais impediu que saíra adiante”.

Nesta liña, o deputado galego e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso, Celso Delgado, ten claro que “todo apunta a que o PSOE, coa conivencia do socialismo galego, está favorecendo unha prórroga indefinida dos prazos para que tampouco nesta Lexislatura se faga efectiva a transferencia a Galicia da titularidade e xestión da principal autoestrada da Comunidade”.

Lamenta así que o socialismo dera o seu apoio en Galicia á mesma iniciativa que logo, unha vez chega a Madrid, fai “o posible e o imposible” por boicotear. Unha actitude que se equipara, na súa opinión, á de Sumar: “Unha formación supostamente liderada por unha galega pero que vota en contra dos intereses dos galegos e galegas”.

“Desde o PPdeG non imos aceptar esa nova aldraxe a Galicia e non estamos dispostos a consentir que o Goberno de Sánchez, coa submisión do socialismo galego e o apoio a este Executivo por parte do BNG, impida que se poida debater no Congreso unha iniciativa que foi aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia”, conclúe Delgado.