Alberto Pazos pide á oposición que abandone a demagoxia e acepte a man tendida do Grupo Popular para apoiar e mellorar propostas que beneficien a todos os galegos

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, pediu hoxe a BNG e PSdeG que “abandonen as súas demagóxicas posturas contrarias a todo o que teña que ver co Goberno da Xunta ou do Partido Popular e acepten a man tendida que lles ofrecemos” para apoiar e mellorar propostas que supoñan beneficios para todos os galegos nestes próximos meses, como a consecución de novas transferencias a Galicia, a negociación dun novo modelo de financiamento autonómico ou o impulso de novos proxectos empresariais que conleven creación de postos de traballo e riqueza para Galicia”.

Alberto Pazos comezou a súa comparecencia ante os medios “trasladando, no nome propio e no do conxunto dos deputados que formamos parte do Grupo Popular, o noso máis sincero pésame á familia e amigos do ex-conselleiro e ex-deputado Jesús Pérez Varela, a quen todos lembraremos polo seu traballo a fronte da comunicación da Xunta nos gobernos de Manuel Fraga e o impulso que deu á cultura e ao audiovisual de Galicia o seu paso como conselleiro do ramo”.

“Nestas primeiras datas do novo período de sesións, quero reiterar a solicitude aos grupos da oposición para que muden a súa actitude negacionista e contraria a todo o que estea relacionado co Partido Popular, e acepten a nosa man tendida para avanzar conxuntamente en todos aqueles proxectos que supoñan beneficios para todos os galegos”, incidiu Pazos

Porén, lamentou que tanto BNG como PSdeG “manteñan a súa negativa a sumarse a calquera iniciativa ou proposta que veña ou na que participe o Goberno da Xunta ou o Partido Popular”. En concreto, o portavoz popular lembrou a contraprogramación feita polos nacionalistas galegos ao acto de homenaxe celebrado o pasado 7 de xaneiro, organizado pola Fundación Castelao, con motivo do 75 aniversario do pasamento do escritor. “Unha mostra máis do empeño dos nacionalistas por apropiarse da figura de Castelao e non aceptar que todos os galegos o consideremos unha figura senlleira da nosa cultura e da nosa lingua, que pertence a todos nós e non é patrimonio de ninguén”, sinalou.

SITUACIÓN DO GALEGO

Alberto Pazos tamén lamentou “as voltas que lle están dando os nacionalistas á súa participación no Pacto pola Lingua proposto directamente polo conselleiro de Cultura, chegando incluso a propoñer a creación dunha mesa de traballo, á marxe deste Pacto, para a posta en marcha de medias no ámbito da educación”. Así, recoñeceu que “somos plenamente conscientes da situación que está a vivir a nosa lingua, e por iso pensamos que é moi oportuna a iniciativa da Consellería de sentarnos a todos e valorar distintas propostas para reverter esta situación”.

“Pero tamén somos conscientes de que a situación do galego non é tan inmensamente alarmante como queren facer ver os nacionalistas galegos, porque, se lles fixéramos caso ás súas agoreiras previsións, o galego xa hai moitos anos que tería desaparecido”, indicou Alberto Pazos. Neste sentido, apuntou que “levamos varias décadas escoitando que cada día que pasa a nosa lingua se fala menos, cando a conclusión á que chegan todos os estudos é que o galego conta co nivel competencial máis elevado entre todas as linguas cooficiais que se falan en España”.

“Esta situación real do galego, lonxe do apocalipsis que queren facer ver os nacionalistas, non nos debe servir de escusa para adoptar medidas que fomenten a práctica e o prestixio do galego, sobre todo entre a xente máis nova, para o que é fundamental que nos poñamos todos a traballar e, baixo o paraugas do Pacto pola Lingua e das distintas comisións postas xa en marcha, fagamos as nosas aportacións polo ben e o futuro da nosa lingua”, manifestou.

Relacionado coa aprendizaxe de idiomas, Alberto Pazos felicitou ao Goberno galego “polo traballo que está a facer na extensión do inglés entre os nosos estudantes e, por extensión, entre a sociedade galega”, logo de que o máis amplo estudo a nivel internacional realizado por Education Fisrt situara a Galicia como líder de España en inglés.

PROPOSTAS QUE SUPOÑAN BENEFICIOS

Tamén coa perspectiva do traballo parlamentario dos vindeiros meses, o portavoz popular pediu a BNG e PSdeG que “recapaciten e centren os seus esforzos nas propostas que realmente supoñan beneficios para os galegos”. En concreto, citou como iniciativas a abordar a Comisión para a posible reforma da letra do himno de Galicia; a solicitude de novas transferencias para ampliar o autogoberno de Galicia, tanto en materia de meteoroloxía, como nos medios para exercer as competencias sobre o litoral; ou o traspaso da AP-9.

“Sen esquecernos da necesaria negociación para a posta en marcha dun novo sistema de financiamento autonómico, onde nos atopamos moi alonxados da proposta de cupo que manexa o BNG e que, como aseguran a práctica totalidade dos expertos na materia, sería extremadamente prexudicial para os intereses de Galicia; ou tamén do apoio a todas aquelas iniciativas empresariais que conleven a creación de postos de traballo e riqueza para Galicia, especialmente naquelas zonas que despuntan pola súa escasa presencia industrial”, rematou.

O PP pide aos alcaldes de Arzúa, Melide e Santiso que deixen de “facer demagoxia” con Altri e lembra que non acatar os informes é prevaricar

O Partido Popular da provincia da Coruña reclamou aos rexedores dos concellos de Arzúa, Melide e Santiso que deixen de “facer demagoxia” con Altri e coa mina de Touro. Nunha reunión na que participou o deputado autonómico voceiro de Industria, Rubén Lorenzo, e os responsables populares nos municipios de Arzúa, Melide e Santiso, Rafael Rivadulla, Dalia García, Víctor Pereiro, o concelleiro de Palas de Rei, José Ramón García, e o alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, os populares cargaron contra aqueles que “tratan de intoxicar” á cidadanía con declaracións que, na súa opinión, están moi lonxe da realidade.

“A xente ten que estar tranquila. Estamos a falar dun proceso totalmente regulado sobre a instalación dunha empresa que ten que cumprir uns requisitos”, din os populares.

Neste sentido, desde o PP móstranse “moi sorprendidos e preocupados” despois de escoitar como os rexedores destes municipios instan á Xunta de Galicia a prevaricar. “Pedir a unha administración que non siga os trámites correspondentes é pedirlle que prevarique. Estamos a falar dun asunto moi grave”, indicaron.

Os populares aproveitaron tamén para subliñar que “todo ten os seus prazos”, en referencia a que a Xunta de Galicia está á espera de recibir toda a documentación para levar a cabo a declaración de impacto ambiental correspondente. “As cousas levan o seu tempo. Estamos ante un proxecto complexo é necesario recibir toda a documentación, darlle a oportunidade á empresa a que faga as alegacións correspondentes e logo tomarase unha decisión”, afirmaron.

MIRAR POLO BEN COMÚN

Á espera de coñecer os informes e de saber se a empresa cumpre ou non coas esixencias legais, os populares lamentaron que os alcaldes de Arzúa, Melide e Santiso estean máis ocupados de “defender as súas cores política” que de analizar en profundidade a necesidade de dotar á comarca de proxectos industriais que permitan consolidar á poboación que vive na zona e, de paso, converter á comarca nun “motor económico” que logre atraer a máis xente.

“Espero que na súa xestión diaria cumpran a lei, de non ser así, augúrolles moitos problemas na súa labor como alcaldes, pero o que creo que non lle perdoarán os seus veciños é o feito de que, por defender intereses partidistas, poidan prexudicar o futuro económico e social da comarca”, concluíron.