O PPdeG cualifica de “película de terror” a deriva do BNG cara unha “radicalización total” que se manifestou ao longo das últimas semanas cos chamamentos do independentismo galego á “conflitividade social”, os “ataques violentos e de odio” da súa militancia cara representantes doutras formacións ou os seus intentos por “adoutrinar” nos colexios.
A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, denunciou hoxe en rolda de prensa que ela mesma sufriu en redes sociais un destes “ataques” por parte do número 4 da candidatura do BNG ás eleccións europeas. Unhas palabras “de odio” que Ana Pontón “aínda non condenou” e que “deixan claro que o comunismo do BNG consiste en intentar silenciar e poñer na diana a quen non pensa coma eles”.
“É curioso que aqueles aos que lles parece ‘gravísimo’ o que nós dicimos e facemos sexan os mesmos que forman parte dun partido que basea a súa estratexia na ‘conflitividade social’ ou en intentar adoutrinar nos colexios”, engadiu facendo referencia ao recente documento no que a UPG “pide máis manifestacións e máis alboroto” e ás comunicacións da CIG-Ensino “intentando coar nos colexios materiais de todo tipo” co fin de “adoutrinar” aos nenos e nenas galegas.
Prado mostrou como exemplo disto último uns materiais que o sindicato nacionalista trasladou ao profesorado e nos que se pode ver, entre outras cousas, a un Eduardo Blanco Amor espido “para vestilo con camisetas reivindicativas” ou a unha Rosalía de Castro “silenciada e submisa” cunha mordaza na boca.
“Non imos consentir que isto chegue aos nosos fillos e fillas”, concluíu a secretaria xeral do PPdeG ironizando, na véspera do Samaín, con que os populares galegos están “asustados” ante “película de terror” na que se converteu o BNG logo de reunirse cos “herdeiros de ETA”, de cualificar de “fascista” á Premio Nobel da Paz, María Corina Machado, e mesmo de “perseguir” a membros do Goberno galego, como é o caso da responsable autonómica de Política Social.
OS AGRAVIOS ACUMULADOS DE SÁNCHEZ CON GALICIA
Paula Prado celebrou que, mentres todo isto acontece, no Parlamento galego se estea vendo un “exercicio democrático e necesario” como é a presentación dos Orzamentos de 2026. Algo que, na súa opinión, constata que Galicia é “unha illa de estabilidade” que permite ao Goberno de Alfonso Rueda “seguir pensando no benestar dos galegos e das galegas e non en chistorras, soles e leitugas”.
Ao fío disto, denunciou a falta de Presupostos Xerais do Estado e a “obstaculización de investimentos” que iso supón “por moito que o secretario xeral do PSdeG fixera unha xira para criticar os Orzamentos da Xunta só porque non pode falar ben duns Presupostos estatais que nin están nin se lles espera”.
“O mesmo pasa co BNG de Ana Pontón, que segue tan bravo en Galicia e tan mansiño en Madrid”, afirmou a número dous dos populares logo de que hoxe mesmo os independentistas galegos decidiran ausentarse da Comisión do Senado na que comparecía Pedro Sánchez e “evitar así pedirlle explicacións”.
Prado rematou preguntándose “ata cando vai seguir sendo o BNG unha comparsa do sanchismo” e se realmente o independentismo galego “necesita seguir sendo tan submiso coa cantidade de agravios que Sánchez leva acumulados con Galicia”.



