José Luis Ferro: “O galego non pode quedar fóra do futuro dixital: Galicia esixe os fondos comprometidos no PERTE Nova Economía da Lingua”

O portavoz de Lingua do Grupo Parlamentario Popular, José Luis Ferro, interveu hoxe no Parlamento de Galicia para defender a presenza plena do galego na economía dixital e na intelixencia artificial, no marco do PERTE Nova Economía da Lingua.

Ferro subliñou que o Goberno central presentou este PERTE como unha oportunidade histórica para aproveitar o potencial do español e das linguas cooficiais en ámbitos como a intelixencia artificial, a tradución automática, a produción audiovisual, a investigación científica e a aprendizaxe dixital, cun investimento público anunciado de 1.100 millóns de euros para mobilizar outros 1.000 millóns privados.

“O compromiso coas linguas cooficiais non se mide en roldas de prensa, mídese en feitos”, destacou o portavoz. “E os feitos son claros: o Proxecto Nós, impulsado pola Xunta en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, é unha iniciativa rigorosa e estratéxica para situar o galego na economía dixital, con aplicacións e recursos sen precedentes que estarán dispoñibles de xeito gratuíto para empresas e cidadanía”.

Ferro denunciou que, a pesar deste esforzo galego, o Goberno central autorizou menos de 5 millóns de euros, moi por baixo do solicitado e comprometido. “Non estamos pedindo privilexios, estamos pedindo o que nos corresponde. Galicia non pode ser residual neste proceso. O galego non pode quedar fóra da revolución dixital”, afirmou.

O portavoz sinalou que as propostas do PSOE, que buscan condicionar ou diluír a reclamación, “non defenden os intereses de Galicia, só subordinan a nosa reivindicación ás decisións do Goberno que incumpre os compromisos adquiridos”.

Ferro subliñou a importancia de actuar de xeito inmediato, xa que o Programa ALIA remata en 2026 e a oportunidade para garantir a presenza do galego nas tecnoloxías dixitais é limitada. “Se chegamos tarde, o galego quedará excluído de asistentes virtuais, ferramentas educativas, plataformas audiovisuais e administración electrónica avanzada. O futuro da nosa lingua está en xogo”, advertiu.

O portavoz concluíu pedindo o apoio da Cámara: “Hoxe Galicia pode enviar unha mensaxe clara: reclamamos a totalidade dos fondos comprometidos. Non imos aceptar escusas nin retrasos. Galicia merece estar na primeira liña da nova economía da lingua e o galego debe ser protagonista, non residual”.

Alberto Pazos reivindica o compromiso do PPdeG coas familias e co ensino público fronte á confrontación e o ruído da oposición

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, defendeu hoxe no Parlamento a lei aprobada que introduce unha modificación puntual para garantir que as familias galegas que pagaron en efectivo os libros de texto dos seus fillos antes da entrada en vigor da norma non perdan a dedución fiscal por unha cuestión formal.

Durante a súa intervención, Pazos explicou que se trata dunha norma “extremadamente sinxela na súa redacción e razoable no seu obxectivo”, xa que busca evitar prexuízos a centos de fogares que actuaron de boa fe, descoñecendo que a nova regulación establecía como principio xeral a exclusión dos pagos en efectivo para acceder a beneficios fiscais, en aras da máxima transparencia e da loita contra a fraude.

“O que introducimos é unha excepción de carácter temporal, aplicable exclusivamente neste exercicio, para dar resposta a unha situación concreta e evitar que as familias se vexan privadas dun dereito por unha cuestión formal”, sinalou.

O portavoz popular lembrou que o espírito da normativa fiscal é impedir o uso de diñeiro de orixe irregular para acceder a deducións e garantir que só os contribuíntes que cumpren os requisitos establecidos poidan beneficiarse delas. “Pero neste caso a compra dos libros produciuse meses antes da aprobación e publicación da lei, e iso é o que xustifica esta solución puntual”, engadiu.

O “GRINCH” TRABALLA NA BANCADA DA OPOSICIÓN

Pazos lamentou que a oposición convertese unha medida técnica e limitada no tempo “nunha nova oportunidade para a confrontación, o ruído e a discusión estéril”. Neste sentido, afirmou que “da igual o contido da medida, da igual o instrumento que se utilice para tramitala, da igual se están dacordo ou en desacordo con ela, da igual se a votan a favor ou en contra: fagamos o que fagamos, a única certeza que teñen os galegos é que o BNG e o PSdeG nunca deixarán pasar unha oportunidade para a confrontación”.

O portavoz popular engadiu que “sempre negativo, nunca positivo é o que poden esperar de vostedes os galegos”, e criticou que a oposición cuestionase a dedución fiscal por adquisición de material escolar e libros de texto, por considerala un privilexio para ricos.

“Ás veces pregúntome que fai o Grinch o resto do ano cando non está estragando o Nadal: está traballando na bancada da esquerda da oposición no Parlamento de Galicia”, ironizou, para concluír que “non se pode estar todo o día en contra de todo, con incapacidade para chegar a ningún tipo de acordo”.

COMPROMISO DO PPDEG CO ENSINO PÚBLICO

Pazos rexeitou tamén as críticas sobre a suposta falta de compromiso co ensino público e contrapuxo os datos orzamentarios. Así, lembrou que o último orzamento do Goberno bipartito en 2009 destinaba 14,4 millóns de euros ás axudas na etapa educativa a través do programa de préstamo universal de libros de texto.

Fronte a iso, detallou que o Goberno do PPdeG mobiliza en 2026 un total de 123,1 millóns de euros en distintas medidas de apoio ás familias e ao ensino: 65 millóns para a gratuidade das escolas infantís; 20 millóns de aforro polas matrículas universitarias gratuítas e a conxelación de taxas —que permiten contar coa universidade máis accesible de España—; 31,6 millóns para o programa de apoio á volta á clase (9,6 millóns para adquisición de libros de texto, 7,2 millóns para axudas de material escolar e 14,8 millóns para o fondo solidario de libros); e case 6,5 millóns de euros de aforro para arredor de 60.000 familias a través da dedución pola compra de libros de texto.

“A dedución está ben planificada, deseñada e redactada, e temos a vontade de mantela nos mesmos termos en que foi aprobada por este Parlamento. O único erro sería facer oídos xordos e non atender á demanda das familias que actuaron correctamente”, concluíu.