Paula Prado esixe ao Goberno de Sánchez que se “poña do lado do emprego” e actúe “de forma urxente” para frear a crise do Grupo Losán

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, urxe ao Goberno de Sánchez e aos seus socios que actúen “de forma urxente para frear a crise que vive o Grupo Losán e que pon en perigo 800 postos de traballo -directos e indirectos- en Galicia”. Informa de que representantes galegos do Partido Popular nas diferentes cámaras están presentando iniciativas para esixirlle ao Ministerio de Economía, ao Ministerio de Industria e a SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais) que “se poñan do lado das familias e do emprego” e que tomen unha decisión para reverter esta situación.

Así o sinalou a número dous dos populares galegos nunha xuntanza en Curtis co alcalde da localidade, Javier Caínzos; o alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez, e concelleiros doutros municipios como Oza-Cesuras que se están vendo afectados pola crise desta empresa punteira no sector da madeira. Na cita tamén estiveron presentes deputados autonómicos e do Congreso, así como senadores que están atendendo as reivindicacións locais nas diferentes cámaras.

“Estamos ante unha situación moi delicada que o Goberno de España non está escoitando”, lamentou Paula Prado, quen esixiu a Sánchez que teña en conta o plan de viabilidade económica que presentou en Madrid o Grupo Losán para “protexer eses postos de traballo que están en perigo e que son fundamentais para que a xente continúe vivindo no rural”.

A secretaria xeral do PPdeG tamén lle recordou ao BNG, que se poña “do lado de Galicia” e que deixe de “apoiar incondicionalmente a Sánchez”. “Son moi bravos en Galicia e moi mansos en Madrid”, engadiu Prado, reivindicando actuacións “xa, fronte ao desgoberno do Goberno central”.

DEBATE NO SENADO O 16 DE ABRIL

Neste sentido, Paula Prado afirmou que o PP presentou unha proposición non de lei no Congreso e no Senado. Concretamente, a do Senado debaterase o 16 de abril e “ese día veremos como se posicionan o PSOE e o BNG, se ao carón da industria ou non”, sinalou. “Veremos se están onde teñen que estar, cos traballadores, Galicia e co emprego no rural”, como fai o Partido Popular.

Os populares solicitan ao Goberno central que se convoque de maneira urxente unha mesa de traballo institucional para coordinar unha solución integral, exercer as funcións que corresponden á SEPI como instrumento do Goberno en empresas estratéxicas e impulsar unha coordinación efectiva entre os ministerios competentes.

Ademais, piden que se recoñeza e atenda formalmente o acordo unánime adoptado polos concellos afectados en Galicia, trasladando resposta institucional as súas peticións no marco do principio de lealdade e cooperación entre administracións.

“AO CARÓN DOS TRABALLADORES E DA INICIATIVA EMPRESARIAL”

Pola súa banda, o rexedor de Curtis, quen está a liderar as reivindicacións dos concellos galegos afectados, remarca unha vez máis “a urxencia dunha resposta rápida, firme e sen demora para a reactivación industrial do Grupo Losán, moi necesaria para Curtis, a comarca e toda Galicia”. “Esta reactivación é vital para o sector, para a economía e para estes concellos, tan necesitados de emprego e de actividade económica para que o rural siga vivo”, engadiu.

Javier Caínzos, que pediu que os ministerios e a SEPI actúen, tamén aproveitou para poñer en valor o labor que o PPdeG está a realizar nas diferentes cámaras e agradeceu o seu compromiso coa veciñanza e as familias afectadas pola crise desta empresa. “O PP está sempre onde ten que estar: ao carón dos traballadores e ao carón da iniciativa empresarial”, destacou.