O PPdeG cualifica de “cinismo absoluto” as críticas do PSdeG polas axudas ao marisqueo

O Partido Popular de Galicia cualificou hoxe de «cinismo absoluto» as recentes declaracións do PSdeG respecto ao plan de rescate autonómico para o sector marisqueiro. Desde as filas populares advirten aos socialistas galegos que «non teñen lexitimidade ningunha para dar leccións» mentres o Executivo central segue dándolle as costas a miles de profesionais e ás súas familias en Galicia.

«É un insulto que o PSdeG se atreva a facer estas declaracións cando o Goberno central puxo exactamente cero euros enriba da mesa para axudar ás persoas mariscadoras galegas «, sinalan desde o PPdeG. “Pola contra, o Goberno galego actúa con rigor técnico, cunha folla de ruta clara e mobilizando uns 23 M€”.

Fronte á «pura propaganda socialista», os populares puxeron en valor a inxección “real e tanxible” da Administración autonómica, que xa permitirá compensar ás persoas mariscadoras con ata 700€ mensuais por profesional por realizar traballos de recuperación e rexeneración dos bancos marisqueiros, ademais de destinar 1,5 M€ para a semente e outros 2 M€ adicionais para o apoio estrutural ao sector.

O “BULO” DAS AXUDAS ESTATAIS

O PPdeG lamenta as acusacións do PSdeG de que a Xunta «chega tarde»: «Se hai alguén que non chega nunca a axudar nas rías galegas ese é o Partido Socialista. Teñen a desvergoña de falar de atrasos cando as supostas axudas do Goberno central correspondentes aos anos 2023 e 2024 nunca chegaron a materializarse», denuncian.

Neste sentido, os populares lembraron un agravio aínda maior: o pasado 10 de febreiro, o Consello de Ministros aprobou a declaración de Galicia como ‘Zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil’ debido aos últimos temporais. «Pois ben, mentres para outras comunidades autónomas esa declaración veu acompañada da activación de fondos inmediatos, para Galicia aínda non houbo absolutamente nada. Cero euros. Iso si é deixar tirado ao sector», remarcan.

COTAS DA SEGURIDADE SOCIAL

Sobre a insistencia do PSdeG en que a Xunta bonifique as cotas da Seguridade Social das mariscadoras, o Partido Popular cualifícao de «manobra de distracción para tapar a falta de compromiso do Estado».

A Seguridade Social é unha competencia estritamente estatal e os cartos recádaos o Estado. “O máis doado, o máis lóxico e o máis directo é que o Goberno central exima do pago destas cotas ás mariscadoras mentres non poidan faenar e se manteña paralizada a actividade extractiva. Que o Estado poña o seu grao de area e perdoe a cota en vez de pedirlle á Xunta que lla pague ao Estado con fondos autonómicos», argumentan.

Finalmente, o PPdeG lanzou unha mensaxe directa aos cargos socialistas: «Se realmente queren axudar ás persoas mariscadoras, o que teñen que facer é deixar de facerse fotos de cara á galería co delegado e o subdelegado do Goberno e comezar a arrimar o ombreiro. Que vaian a Madrid a esixir que se liberen os fondos de zona gravemente afectada e que demostren con feitos, e non con notas de prensa baleiras, que lles importa o marisqueo galego».

O PP condena “o abandono” do Goberno de Sánchez aos gandeiros lucenses que deixou sen fondos para paliar os ataques do lobo a pesar da alta incidencia dos danos

O PP lucense lamenta “a falta de sensibilidade” do Goberno de Sánchez cos gandeiros afectados polos ataques do lobo; toda vez que “os deixou sen fondos estatais no 2025 para paliar estas perdas”.

Os deputados no Congreso Jaime De Olano e Cristina Abades e as deputadas no Parlamento de Galicia Encarna Amigo e Katy Varela visitaron no municipio de Cervantes acompañados polo portavoz, Óscar Fernández, unha gandería de vacún en extensivo que ten sufrido perdas polos ataques desta especie para analizar a incidencia do lobo nas explotacións da zona.

A provincia de Lugo rexistrou no pasado ano 2025 máis de 1.400 animais afectados, o que supón o 47% do total de toda Galicia. É dicir, Lugo é a provincia máis afectada; xa que concentra, practicamente, a metade das perdas de toda a comunidade. Os populares advertiron, ademais, de que “a incidencia multiplicouse por tres na última década”.

E a pesar de todo, “o Goberno de Sánchez deixa abandonados aos gandeiros galegos e lucenses”. O Goberno de Sánchez “preferiu desviar 20M€ que correspondían ás comunidades para previr e compensar o impacto causado por esta especie a sufragar unha serie de medidas para despregar o coche eléctrico”.

Os populares lembran que “a débeda con Galicia alcanza os 12M€ porque o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico aínda non transferiu a Galicia as partidas das últimas anualidades”.

Fronte ao “desinterese” que amosa o Goberno de Sánchez, “a Xunta leva anos implicándose e apoiando aos gandeiros e gandeiras” con medidas e recursos propios para garantir a convivencia entre as poboacións da especie e a actividade gandeira no rural.

O Goberno central tamén está a “incumprir os prazos para enviar a Bruxelas o informe que reflicte o estado das poboacións de lobo no norte de España”, que é favorable. “Galicia fixo os deberes, pero o Goberno de Sánchez non convocou ás CCAA á Conferencia Sectorial”, apuntan.

EQUILIBRIO: CONTROL PARA A COMPATIBILIDADE

O Partido Popular ten logrado a aprobación no Congreso dos Deputados da retirada do lobo da Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (LESPRE), “unha medida que estaba a prexudicar ao sector”.

Con todo, en Galicia non é posible aplicar medidas de control porque o TSXG mantén suspendido o plan de xestión autonómico desta especie. De feito, é o único tribunal de España que impide á Administración actuar neste sentido.

Os populares defenden “o equilibrio entre a protección da especie e a súa compatibilidade coa actividade gandeira”.

Paula Prado esixe ao Goberno de Sánchez que se “poña do lado do emprego” e actúe “de forma urxente” para frear a crise do Grupo Losán

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, urxe ao Goberno de Sánchez e aos seus socios que actúen “de forma urxente para frear a crise que vive o Grupo Losán e que pon en perigo 800 postos de traballo -directos e indirectos- en Galicia”. Informa de que representantes galegos do Partido Popular nas diferentes cámaras están presentando iniciativas para esixirlle ao Ministerio de Economía, ao Ministerio de Industria e a SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais) que “se poñan do lado das familias e do emprego” e que tomen unha decisión para reverter esta situación.

Así o sinalou a número dous dos populares galegos nunha xuntanza en Curtis co alcalde da localidade, Javier Caínzos; o alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez, e concelleiros doutros municipios como Oza-Cesuras que se están vendo afectados pola crise desta empresa punteira no sector da madeira. Na cita tamén estiveron presentes deputados autonómicos e do Congreso, así como senadores que están atendendo as reivindicacións locais nas diferentes cámaras.

“Estamos ante unha situación moi delicada que o Goberno de España non está escoitando”, lamentou Paula Prado, quen esixiu a Sánchez que teña en conta o plan de viabilidade económica que presentou en Madrid o Grupo Losán para “protexer eses postos de traballo que están en perigo e que son fundamentais para que a xente continúe vivindo no rural”.

A secretaria xeral do PPdeG tamén lle recordou ao BNG, que se poña “do lado de Galicia” e que deixe de “apoiar incondicionalmente a Sánchez”. “Son moi bravos en Galicia e moi mansos en Madrid”, engadiu Prado, reivindicando actuacións “xa, fronte ao desgoberno do Goberno central”.

DEBATE NO SENADO O 16 DE ABRIL

Neste sentido, Paula Prado afirmou que o PP presentou unha proposición non de lei no Congreso e no Senado. Concretamente, a do Senado debaterase o 16 de abril e “ese día veremos como se posicionan o PSOE e o BNG, se ao carón da industria ou non”, sinalou. “Veremos se están onde teñen que estar, cos traballadores, Galicia e co emprego no rural”, como fai o Partido Popular.

Os populares solicitan ao Goberno central que se convoque de maneira urxente unha mesa de traballo institucional para coordinar unha solución integral, exercer as funcións que corresponden á SEPI como instrumento do Goberno en empresas estratéxicas e impulsar unha coordinación efectiva entre os ministerios competentes.

Ademais, piden que se recoñeza e atenda formalmente o acordo unánime adoptado polos concellos afectados en Galicia, trasladando resposta institucional as súas peticións no marco do principio de lealdade e cooperación entre administracións.

“AO CARÓN DOS TRABALLADORES E DA INICIATIVA EMPRESARIAL”

Pola súa banda, o rexedor de Curtis, quen está a liderar as reivindicacións dos concellos galegos afectados, remarca unha vez máis “a urxencia dunha resposta rápida, firme e sen demora para a reactivación industrial do Grupo Losán, moi necesaria para Curtis, a comarca e toda Galicia”. “Esta reactivación é vital para o sector, para a economía e para estes concellos, tan necesitados de emprego e de actividade económica para que o rural siga vivo”, engadiu.

Javier Caínzos, que pediu que os ministerios e a SEPI actúen, tamén aproveitou para poñer en valor o labor que o PPdeG está a realizar nas diferentes cámaras e agradeceu o seu compromiso coa veciñanza e as familias afectadas pola crise desta empresa. “O PP está sempre onde ten que estar: ao carón dos traballadores e ao carón da iniciativa empresarial”, destacou.