O PPdeG denuncia a “alarmante carencia” de facultativos de valoración de incapacidades no Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), un servizo dependente do Goberno central que dispón na actualidade dunha de cada tres prazas sen cubrir no conxunto das catro provincias galegas.
Así se desprende dos datos facilitados polo Goberno de Sánchez tras unha pregunta dos deputados do PP no Congreso, que ven “preocupante” a resposta do Executivo, ao recoñecer que só se cobren 37 das 55 prazas dispoñibles en A Coruña, Lugo, Pontevedra e Ourense. Así, hai na actualidade 18 dotacións sen funcionamento, unha situación que para os populares galegos “confirma a incapacidade de xestión de Sánchez e os seus socios independentistas”.
A resposta oficial recolle que a “falta de profesionais médicos afecta a todos os ámbitos e as unidades médicas do INSS non son alleas a este problema”, polo que o propio Goberno de Sánchez recoñece esta carencia de efectivos e, pese a isto, “o Ministerio de Sanidade négase a escoitar aos propios profesionais e as demandas das Comunidades Autónomas”, reitera o deputado galego Jaime de Olano.
UN “GRAVE DÉFICIT” DENDE QUE SÁNCHEZ CHEGOU Á MONCLOA
Os deputados populares insisten nun “grave déficit” que se acentúa en provincias como Lugo, onde nos últimos sete anos -dende que Sánchez preside o Goberno- se reduciu nun 75% a cobertura destas prazas médicas.
No caso de Ourense, o número de médicos activos pasou de 7 en 2019 a apenas 5 na actualidade. En A Coruña e en Pontevedra prodúcese un descenso similar, pasando dos 18 efectivos activos en ambas provincias hai sete anos aos 15 actuais.
SÓ DOUS MÉDICOS EN LUGO
Centrándonos só nos datos de 2025, Lugo sofre a maior falta de cobertura. Das 9 dotacións convocadas, só hai dúas en activo. A Coruña ten cinco prazas sen funcionamento das 20 totais, mentres que Ourense funciona só con cinco médicos, pese as sete prazas que hai convocadas. Por último, Pontevedra ten 15 facultativos traballando, pero deixa catro prazas sen cobertura.
Os populares condenan que “o Goberno se negue a ofrecer os datos sobre o tempo medio de espera dende a solicitude ata a recepción dun ditame por parte do equipo de valoración de incapacidades”. Nese sentido, “moito nos tememos que o servizo rexistra un longo tempo de agarda”, advirte Jaime de Olano.
O propio Executivo explica que foron convocadas 181 prazas en toda España no 2024 -incluíndo as prazas que quedaran vacantes nas convocatorias dos dous anos anteriores- e só 53 persoas superaron o proceso selectivo. E no 2025 convocáronse 161 das que 127 se corresponden con prazas sen cubrir nas dos anos 2023 e 2024. É dicir, perdéronse as prazas que quedaron vacantes na convocatoria do 2022.
O deputado lucense Jaime De Olano incide en que a falta de cobertura destas prazas “é un exemplo máis da incapacidade do Goberno de Sánchez en dar resposta ás necesidades de tódolos españois e, particularmente, do castigo a Galicia”, polo que urxe ao Ministerio de Sanidade a “tomar medidas ante este problema transversal”.
De Olano condena tamén a actitude de PSOE e BNG, “moi bravos en Galicia e moi mansos en Madrid” porque “en Galicia maniféstanse contra a Xunta de Galicia polo déficit de médicos, pero en Madrid non fan nada, a pesar de que recoñecen que este asunto afecta a todos os ámbitos e a todo o país”.
