A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, subliñou hoxe que no Debate do Estado da Autonomía (DEA) quedou demostrado que o Partido Popular “representa a Galicia do SI” fronte a unha oposición -BNG e PSOE- “afastada da realidade da nosa terra e das necesidades dos galegos e galegas”.
Así o afirmou hoxe na súa visita a 42ª edición da Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu) no concello de Cospeito, a que foi xunto co alcalde Armando Castosa, a presidenta de NNXX de Galicia, Nicole Grueira, e o coordinador de Medio Rural do PPdeG, Avelino Souto, así como con outros representantes do PP na comarca. Na cita, Paula Prado fixo balance da “intensa semana” vivida no Parlamento de Galicia co Debate do Estado da Autonomía, no que se aprobaron 51 propostas de resolución -11 por unanimidade- que marcan o camiño dos vindeiros meses”. “Este bo número de acordos amosan que o PPdeG estivo disposto a negociar”, engadiu.
No Debate do Estado da Autonomía o presidente Alfonso Rueda marcou unha folla de ruta de “medidas ambiciosas e realistas”, pensadas para a Galicia do progreso e para mellorar a vida da cidadanía, destacou Prado. Nestas xornadas, incidiu, quedou demostrado que o único que representa a Galicia do ‘SI’ é o Partido Popular, lamentando que o BNG do “non” e o PSOE do “non hai goberno” se posicionasen en contra de medidas de futuro.
De feito, o BNG votou en contra de cuestións tan relevantes como a posta en marcha de medidas para a reforma integral da Atención Primaria, o reforzo do Bono Coidado, o impulso das políticas de acceso á vivenda ou a posta en marcha dun programa que aborde as baixas laborais. A esta última proposta tamén se opuxo o PSdeG, entre outras cuestións. “Quedou claro, unha vez máis, que non queren nada bo para Galicia: só facer ruído e entorpecer ao Goberno galego”, censurou Paula Prado.
Neste sentido, lamentou que tamén votaran en contra do medio rural: non apoiaron a proposta de resolución para seguir traballando en atenuar o impacto da baixada xeneralizada dos prezos do leite en orixe e instar ao Goberno a que actúe. “Mentres o PSOE lle quita 20 M€ aos gandeiros para axudas ao coche eléctrico e o BNG defende o lobo, avoga pola ampliación da Rede Natura e está en contra de flexibilizar a PAC; o PPdeG seguirá loitando polo rural e o campo”.
Os populares propuxeron a mellora da Lei da cadea alimentaria e do paquete lácteo, solicitando ao Goberno central, entre outras cuestións, establecer un sistema de cálculo dos custos de produción e a posta en marcha dunha prórroga automática dos contratos en caso de non haber acordo coa industria, ademais de seguir esixindo que o Goberno de Sánchez defenda a aplicación inmediata das cláusulas de salvagarda co Mercosur, proposta á que o BNG tamén votou en contra.
“O Goberno galego púxose desde o momento un do lado dos produtores e tamén dos municipios”, dixo a secretaria xeral. Apóstase, así mesmo, por máis facilidades para cofinanciar proxectos aos que non poderían acceder doutro xeito por non contar con fondos suficientes, como por exemplo con novos préstamos ou axudas para concellos pequenos. “Os concellos rurais son parte da identidade de Galicia e por iso seguiremos apostando por ofrecer oportunidades e servizos no rural, defendendo un campo galego forte, xa que o agro é sinónimo da Galicia que somos”, engadiu.
UNHA MOSTRA DE REFERENCIA
Deste xeito, a número dous dos populares galegos puxo en valor Moexmu, unha cita na que puido comprobar de primeira man o traballo incansable dos traballadores do campo, o compromiso coa excelencia e o amor pola terra que hai detrás de cada un dos exemplares que participan nesta mostra, así como as tradicións que pasan de xeración en xeración. Isto, en opinión de Prado, confirma que os gandeiros de Galicia son o motor que impulsa o rural creando emprego, xerando riqueza e mantendo viva a súa contorna.
Ademais, subliñou a importancia deste sector nunha provincia como a de Lugo que debe estar aberta a calquera tipo de investimentos que xeren emprego, actividade económica, riqueza e contribúan a un futuro máis verde e sostible para Galicia no seu conxunto.
BENESTAR PARA A MAIORÍA SOCIAL
Ademais de medidas para as persoas máis vulnerables, o sector primario e para garantir se cabe aínda mais os servizos públicos esenciais da sanidade, educación e política social, a secretaria xeral do PPdeG reafirmou o seu apoio á clase media, “o motor que sostén o país”.
No Debate do Estado de Autonomía, os populares puxeron en valor a clase media, abordando de maneira directa as súas preocupacións reais e cotiás. “Presentamos respostas concretas, que saíron adiante,” para mellorar a súa calidade de vida: desde o alivio fiscal ata o acceso á vivenda, pasando pola promoción de emprego de calidade. “O noso obxectivo é claro”, remarcou Prado, “apoiar a quen sostén o país, co seu esforzo diario, garantindo máis oportunidades, estabilidade e benestar para a maioría social”.

