O PPdeG reafirma o seu apoio á veciñanza de Vigo ante o “desamparo” da esquerda, que xera “inseguridade” coa súa “inacción” fronte ás narcocasas e a okupación

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reafirmou hoxe o seu apoio á veciñanza do barrio de Fontiñas, en Cabral (Vigo), ante o “desamparo” e a “impotencia” que senten pola “falta de respostas” do Concello de Vigo e do Goberno central pola presenza dunha narcocasa e uns okupas que “acabaron coa boa convivencia” dunha zona que antes era tranquila. Aproveitou para lembrar que, lonxe de tratarse de feitos illados, a criminalidade en Vigo aumentou un 34% respecto ao ano 2018.

Así o afirmou na súa visita a este barrio, no que xa hai dous anos que a veciñanza vén denunciando a existencia dunha casa de planta baixa okupada, na que hai tráfico (menudeo) de drogas, coa consecuente trasfega de persoas que acoden a comprar e a consumir a calquera hora do día. Á inseguridade protagonizada por pelexas e roubos súmase agora a acumulación de chatarra na zona, segundo denuncian os veciños.

Prado estivo acompañada na súa visita pola presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, e as deputadas nacionais Ana Vázquez e Irene Garrido, así como doutros representantes do PP local.

“Dende o PP levamos moito tempo denunciando esta situación”, insistiu Prado, esixindo ao Goberno de Sánchez e ao señor Abel Caballero que actúen. “Pero que actúen de verdade  e non a medias tintas como levan facendo estes meses”, engadiu.

MÁIS BARRIOS AFECTADOS

Os populares lembran que esta situación non é allea a este barrio, xa que tamén houbo denuncias similares en Navia, O Calvario, Lavadores ou A Doblada. “Esta é a maneira de gobernar do PSOE, que conscientes de que a okupación é un dos principais impedimentos en España para poñer vivenda no mercado, deciden protexer ao okupa e desprotexer aos propietarios, apoiados -por suposto- polos seus socios do BNG”, criticou a número dous dos populares galegos.

Neste sentido, aos socios independentistas do Goberno de Sánchez, o BNG, tamén lles achaca o seu tipo de política nas cidades que gobernan, como é o caso de Santiago de Compostela, onde “deciden cambiar pisos turísticos por narcopisos”.

Ademais, esixiu ao subdelegado do Goberno na provincia, Abel Losada, que retire as desafortunadas declaracións de novembro de 2025, cando culpou a quen traballa pola veciñanza, o PPdeG, de “facer populismo” e “rebentar unha operación policial”, feitos que quedaron desmentidos.

“Unha vez máis, o PPdeG está ao carón dos galegos e non imos permitir que se xogue cos seus dereitos por culpa dun PSOE sen plan de goberno e dun BNG que en Galicia di NON por sistema e en Madrid só sabe dicir SI a Sánchez”, engadiu a secretaria xeral.

LUISA SÁNCHEZ: “DIFUNDIRON UN BULO CON FINS POLÍTICOS”

Prado agradeceu o traballo do PP de Vigo, con Luisa Sánchez á fronte, para reclamar dende un inicio ao goberno de Abel Caballero na cidade a toma de medidas ante este problema. Así, en novembro de 2025, os populares xa solicitaran a creación dunha oficina de asesoramento contra a ocupación ilegal para informar e axudar a propietarios e veciños afectados, poñendo como exemplo o caso deste barrio da parroquia de Cabral. Tamén solicitaron o aumento de patrullas e que se instase ao Goberno central a reforzar a seguridade. Porén, non se espuxeron solucións dous anos despois do inicio deste conflito.

Luisa Sánchez reafirmou durante a visita que a seguridade é un “asunto fundamental” para o PPdeG, resaltando a preocupación porque “hai veciños que non viven tranquilos, familias con medo e nenos que teñen que pasar cada día por diante deste punto de venda de drogas”.

Sobre as acusacións vertidas contra o PP de “rebentar unha operación policial Luisa Sánchez tamén acusou a Abel Losada, “por orde dos seus superiores”, de valerse do seu cargo institucional “para difundir un bulo con fins políticos”.

A portavoz do PP vigués esixiu actuación “inmediata” dos responsables do Goberno local e central, para que os veciños “poidan vivir sen medo”. “Menos pensar en Nova York e máis pensar en Cabral”, engadiu, á vez que alertou da proliferación de vivendas dedicadas ao tráfico de drogas en Vigo por mor da falta de recursos policiais.

ANA VÁZQUEZ: “O SEÑOR LOSADA É UN INCOMPETENTE E MENTIREIRO”

Tamén volveu cinco meses despois a este barrio a deputada nacional do PP Ana Vázquez xunto a súa compañeira no Congreso Irene Garrido. Vázquez xa tivo denunciado a presenza do narcopiso e da okupación, prometendo que volvería a Vigo se o Goberno de Sánchez non puña fin a este conflito que altera a convivencia veciñal.

Así, cinco meses despois, a deputada do PPdeG e portavoz da Comisión de Interior reivindicou a defensa da veciñanza de Cabral liderada polos populares, denunciando “cinco meses de incompetencia do subdelegado do Goberno e do concello de Vigo”, aos que acusa de ter aos veciños “abandonados e inseguros pola narcookupación, convertida agora tamén en chatarrería”.

Afeou a Losada que “siga de brazos cruzados” e “atacando ao PP” en lugar de desocupar esta vivenda. “O señor Losada mentiu a todos os veciños e aquí nunca houbo ningunha operación policial en marcha. Simplemente os controis rutineiros”, sinalou, en referencia as acusacións vertidas contra a propia deputada e contra o PPdeG hai cinco meses, cando acudiu a este barrio a denunciar os feitos e os socialistas a acusaron de “rebentar” unha operación que resultou ser falsa.

“O señor Losada é un  incompetente e un mentireiro compulsivo, que por salvarlle o pelello ao alcalde, Abel Caballero, denigrou o traballo da policía e do Partido Popular e atacou aos veciños”, insistiu Vázquez.

DENUNCIAS RECENTES DOS VECIÑOS

A veciñanza de Cabral denunciou esta mesma semana que a casa okupa se converteu agora nunha chatarrería, xerando un novo foco de conflito coa trasfega de furgonetas, persoas e chatarra voluminosa mesmo de madrugada, que se acumula no exterior da vivenda.

Así o trasladaron aos medios de comunicación, que se fixeron eco das queixas da veciñanza que asegura que “é imposible durmir”.

Rueda reivindica en Pontevedra a receita de “traballo, escoita e firmeza” do PPdeG e a “estabilidade” como “excepción moi valiosa” de cara ao ciclo electoral

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindica a receita de “traballo, escoita e firmeza” antes as próximas eleccións municipais de 2027, para as que insiste en que os populares “debemos ir a por todas, non dando ningún concello por gañado nin ningunha alcaldía por perdida”. Así o manifestou durante a Xunta Directiva Provincial do PP de Pontevedra, celebrada no balneario de Cuntis, no marco da rolda de reunións que se están realizando en todas as provincias galegas, co obxectivo de “engraxar a maquinaria” de cara aos ciclos electorais, polo que puxo en valor a “estabilidade” como a “excepción moi valiosa” dos populares.

Rueda apostou pola “estabilidade” e a “moderación” que ofrece o PPdeG, nunha xunta directiva na que tamén participaron o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado. O lider dos populares galegos subliñou que “non é momento de relaxarse”, facendo tamén referencia ás próximas eleccións en Andalucía, así como as formacións de goberno pendentes en Estremadura, Aragón e Castela e León.

O líder dos populares galegos puxo en valor a “xestión e eficacia” do PP na Xunta de Galicia, na Deputación de Pontevedra con Luis López á fronte e nos concellos, en contraste co Goberno de Sánchez, que tachou de “incapaz, caótico e imprevisible”. Do mesmo xeito, criticou ao BNG do “non” a calquera posibilidade de desenvolvemento de Galicia.

“Representamos o diálogo e o progreso non como os partidos que prefiren retardar a formación de gobernos autonómicos, aínda cando non gañaron as eleccións”, dixo.

UN GOBERNO GALEGO CO 85% DOS COMPROMISOS CUMPRIDOS

En canto á estabilidade galega, o presidente do PPdeG lembrou que o programa do Goberno galego que lidera xa ten en marcha o 85% das medidas comprometidas para a lexislatura. Así, fixo referencia a logros como a educación gratuíta desde a escola infantil ata a universidade; o esforzo histórico en vivenda, co anuncio recente de máis medidas para facilitar o acceso das clases medias; ou a sanidade pioneira, co centro de protonterapia e o proxecto de reforma da atención primaria.

“Somos, e temos que seguir sendo, o partido que dá certezas cando todo é incerto”, destacou, fronte o Goberno “en barrena” de Sánchez que “non ten tempo para os cidadáns nin para Galicia”, senón para “seguir o fío” das resolucións xudiciais que recibe a esquerda a diario. Referiuse á “inoperancia” e a “corrupción” que rodea o mandato de Sánchez. E, neste caso, tamén chamou a atención sobre os partidos que o “permiten e sustentan” no poder, cun PSdeG que “obedece cegamente os seus ditados” e un BNG do “non” que apoia un Goberno que “nada fixo por Galicia”.

Rueda sinalou que a confianza maioritaria dos galegos e, en particular dos pontevedreses, no PP “non é logro dun día”, poñendo en valor o traballo diario de todos os membros do partido.

LUIS LÓPEZ:  “O PP PONTEVEDRÉS FRONTE O PÁNICO DA ESQUERDA”

Pola súa banda, o presidente do PP da provincia de Pontevedra, Luis López, aproveitou para poñer en valor a dedicación e o compromiso da voceira do partido en Cuntis, Isabel Couselo. “Co seu labor de oposición está tapando moitas das carencias que ten o actual concello, xa que en Cuntis falta un alcalde capaz de rescatar ao concello do pozo de 5 M€ de débeda no que está, falta un goberno local que pague todos os anos ás asociacións, e non cando lle cadra, e falta un PSOE capaz de plantarse ante o Goberno polo pésimo estado da N-640”, criticou o presidente provincial, que augurou unha maioría absoluta para o PP neste municipio, coa “alcaldesa que merece”.

López, ademais, destacou que o bo traballo que está realizando o partido na provincia se reflicte no “pánico” que se está vendo noutros partidos. “Hai que estar moi desesperados para que o subdelegado do PSOE en Pontevedra, Abel Losada, acuse ao PP de provocar un incendio dunha máquina, e pasou aquí, en Cuntis”, lembrou.

Tamén fixo referencia á ruptura da disciplina de voto no último pleno da Deputación de Pontevedra, onde o PSOE “se rompeu en dous” durante a votación para conceder máis fondos aos concellos.

Finalmente, Luís López indicou que, agora coa vista posta nas municipais do 2027, estase vendo que o partido “está preparado, ten iniciativa, fala do que lle interesa á xente, non cae nas trampas da oposición e sempre está disposto a traballar”, co obxectivo de acadar os mellores resultados e poder seguir exercendo o servizo público por e para os pontevedreses.