O PPdeG destacou o impacto “relevante” das axudas do Goberno galego para a modernización e revitalizacións das prazas de abastos.
Así o manifestaron os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Felisa Rodríguez e Miguel Fidalgo, nunha visita A Salceda de Caselas, durante a cal aproveitaron para achegarse ata o mercado municipal, actualmente en obras. Alí, acompañados do portavoz do PPdeG local, Santiago Rodríguez, puxeron en valor o investimento de 200.000€ que o Executivo autonómico destinou para a renovación de ditas instalacións.
Estas axudas, ademais de reforzar a súa función de motor económico e como punto de encontro para a veciñanza, van dirixidas, asemade, á dinamización do comercio de proximidade e a impulsar a Rede de Mercados Excelentes de Galicia. Felisa Rodríguez informou de que, no caso de Salceda de Caselas e grazas a estas achegas, realizáronse importantes melloras de accesibilidade, saneamento e, tamén, no pavimento das instalacións.
Por outra banda, Miguel Fidalgo indicou que as prazas de abastos constitúen un elemento fundamental para a dinamización económica, a cohesión social e a posta en valor do comercio de proximidade. E referiuse aos investimentos que varios concellos, tamén, recibiron para o acondicionamento dos seus mercados: O Porriño (máis de 318.000€), Crecente (máis de 318.000€), Mondariz-Balneario (máis de 240.000€), Gondomar (máis de 240.000€) ou Ponteareas (preto de 1M€).
