O PPdeG saca músculo do apoio ao Partido Popular nas sete cidades galegas, a un ano de rematar este mandato municipal. “Continuamos demostrando porque a gran maioría dos galegos e galegas confiaron en nós”, sinalou a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, logo de reunirse na sede autonómica co Comité de Cidades do partido, onde se puxo en valor a “estabilidade e boa xestión” dos gobernos do PP en Galicia.
A situación das cidades galegas e posibles sinerxías son os asuntos que se abordan neste órgano coordinado polo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e no que os líderes locais da formación nas sete cidades galegas comparten proxectos.
Precisamente, Prado puxo como modelo para consolidar maiorías populares a Ferrol, cidade gobernada polo PP, “con medidas novidosas”, fronte aos “pactos de perdedores” do PSOE e do BNG, que só traen “espectáculo e inestabilidade”.
Na radiografía das sete cidades, a número dous do PPdeG fixo referencia á situación actual de Lugo, onde a popular Elena Candia e o seu equipo foron capaces de rematar co “desgoberno” que vivía a cidade co pacto de “minorías absolutas” asinado por PSOE e BNG.
Prado asegurou que, “fronte ao ruído e o intento de confrontación” que pretende a esquerda cos lucenses, o tempo “dará e quitará razóns” á medida tomada polo PPdeG: unha “moción de impulso” cun plan de 45 iniciativas, que sacarán a Lugo da situación actual e para devolverlle todo o que PSOE e BNG lle quitaron. “En maio de 2027 demostrarase que a maioría dos lucenses quere un Lugo de progreso, dándolle a maioría absoluta ao Partido Popular”, subliñou Prado.
A secretaria xeral tamén criticou a actitude da alcaldesa socialista de A Coruña, Inés Rey, a única rexedora condenada en Galicia por transfuguismo e que, agora, “tenta dar leccións indo a Lugo a criticar a moción do PP”. Prado lembra que na cidade onde goberna estanse perdendo oportunidades de calado como ser a sede do Mundial ou grandes concertos, ademais da parálise en barrios nos que a veciñanza está “cansa de abandono e inseguridade”.
TURISMOFOBIA E INSEGURIDADE
Prado referiuse a Santiago como unha cidade “paralizada, sucia e con contratos de servizos básicos -transporte e auga- sen resolver”. Tamén foi crítica co modelo de “turismofobia” do goberno do BNG na capital de Galicia, que “bota aos turistas e leva a Santiago aos peores datos da súa historia”. Tamén afeou aos independentistas o intento de implantar a súa ideoloxía, promovendo cambios de nomes de centros escolares ou instalando na cidade a estatua do líder da UPG, Moncho Reboiras.
En canto a Pontevedra, mencionou o incremento da inseguridade e os problemas de aparcamento, cun PXOM do ano 1989 e cun goberno que “non se preocupa do que importa, nin de vivenda nin de investimentos sociais”, ademais de manter un “conflito permanente” no Concello co seu persoal laboral.
Sobre Vigo, referiuse tamén á inseguridade que hai nas rúas e a un alcalde máis pendente de Nova York que dos barrios da súa cidade, onde non cesa o aumento de ‘narcocasas’, asunto si preocupa á veciñanza e ao PPdeG.
De Ourense lembrou que o alcalde está imputado e “máis pendente das actividades da súa empresa e de criticar aos medios de comunicación” que das necesidades dos veciños.
SEGUIR GAÑANDO A CONFIANZA DOS GALEGOS E GALEGAS
Por outra banda, José Manuel Rey destacou o traballo do PPdeG coa vista posta nas eleccións municipais de 2027, con “responsabilidade, rigor e ambición”. Para isto, dixo, “contamos cos mellores equipos para deseñar un proxecto sólido e de futuro para as nosas cidades, baseado en propostas serias, realistas e pensadas para dar resposta ás necesidades reais da cidadanía”.
Para o coordinador do Comité de Cidades, o obxectivo é “gañar a confianza dos galegos e galegas para liderar os seus concellos e seguir demostrando que o PPdeG é sinónimo de boa xestión, estabilidade e compromiso coa xente”.
