O Parlamento urxe ao Goberno a que active un diálogo real cos sindicatos médicos e estableza un marco de regulación específico

O Parlamento de Galicia, a través dunha proposición non de lei do Grupo Popular, aprobou, hoxe, instar ao Goberno central a que active de forma urxente un diálogo real cos sindicatos médicos e estableza un marco de regulación específico para o persoal facultativo.

“Mentres o Goberno central agrava o problema, a Xunta demostra ser moito máis eficaz á hora de negociar e garantir a asistencia sanitaria”, apuntou a deputada do Grupo Parlamentario Popular, Encarna Amigo, ao referirse á reforma do Estatuto Marco que promove o Goberno central. E considerou necesario establecer un marco de regulación específico, conforme á normativa europea, que inclúa unha mesa de negociación vinculante para o colectivo médico, no que se teñan en conta as condicións e responsabilidades concretas do seu traballo: “Porque non se pode tratar igual a quen ten responsabilidades distintas”.

Un estatuto marco, engadiu, que xa “está superado”, polo que incidiu na necesidade de reformalo e actualizalo. Neste punto, acusou ao Goberno de Pedro Sánchez de “fallar” á hora de afrontar dita reforma, xa que, tal e como dixo, “non se pode lexislar de costas aos facultativos”, sen escoitalos, sen negociar e sen recoller as súas demandas: “Iso non é reformar, é impoñer”. Así, avogou por un espazo propio para a negociación, no que se teñan en conta as condicións e as responsabilidades concretas da profesión médica.

Encarna Amigo lamentou a soberbia, a falta de diálogo e unha negativa sistemática a sentarse a negociar de verdade cos sindicatos médicos. Unha actitude, engadiu, que está a provocar graves consecuencias para os pacientes: “Levamos meses con paros e con folgas que están paralizando o Sistema Nacional de Saúde”. En Galicia, só entre decembro e abril, máis de 200.000 procesos asistenciais tiveron que ser cancelados, entre consultas, probas ou intervencións cirúrxicas.

Contrapuxo os dous xeitos diferentes de afrontar os conflitos: o do Goberno central, baseado na imposición e o desprezo aos médicos, e o da Xunta, que demostrou que con diálogo, responsabilidade e capacidade de negociación se poden acadar solucións. “Non merecemos sufrir as consecuencias dunha ministra incapaz de resolver un problema que ela mesma xerou e que dá a sensación de que está máis pendente doutras ambicións políticas que de atender a sanidade pública”, sinalou Encarna Amigo.

Para rematar, lamentou que para o BNG, a sanidade sexa “unha pancarta”, por preferir utilizala como arma política, antes de afrontar o problema real. “Ao PSdeG xa non se lle pode pedir que goberne, pero, polo menos, non estorben”, salientou Encarna Amigo, referíndose á creación de problemas e de conflitos onde antes non os había.

O Parlamento solicita ao Goberno central información detallada do número de vivendas que leva entregadas en Galicia nos últimos cinco anos

O Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, solicitar ao Executivo de Pedro Sánchez toda a información referida ao número de vivendas que foron entregadas na nosa Comunidade nos últimos cinco anos.

Tras referirse a unha entrevista da ministra de Vivenda, na que aseguraba ter entregado 100.000 vivendas das 180.000 prometidas por Pedro Sánchez, o deputado do Grupo Popular, Moisés Rodríguez, pediu detallada conta do número desas vivendas entregadas en Galicia, así como o importe de adxudicación e o lugar onde foron entregadas as chaves. “Sánchez é experto en encadear anuncios para xerar confusión”, advertiu Moisés Rodríguez, quen se amosou convencido de que o número real das vivendas entregadas pola Administración central en Galicia é de “cero”. Por iso, reclamou transparencia e coñecer a plataforma electrónica a través da cal poder seguir as licitacións.

“A vivenda non se resolve con propaganda, senón con xestión, planificación e cartos”, subliñou. Para o deputado popular, o Goberno central, lonxe de dar unha resposta eficaz ao problema de vivenda, “fai anuncios que son fume”. “En Galicia, temos chaveiros e temos chaves”, apuntou Moisés Rodríguez, quen contrapuxo a política de vivenda do Goberno galego co central: “Temos chaveiro, pero non chave nin casa”.

Durante a súa intervención, denunciou, tamén, o atraso na aprobación do Plan Estatal de Vivenda 2026-2030, polo que suporá que 2026 sexa un ano perdido, ao pórse en perigo a súa execución e que, Comunidades como Galicia, non poidan convocar as axudas neste primeiro semestre.

4.000 VIVENDAS EN MARCHA
Sinalou, tamén, que, mentres o esforzo do Goberno galego crece, o Executivo de Pedro Sánchez amosa o mínimo compromiso coas políticas de vivenda. E fixo fincapé en que o investimento que a Xunta destina, este ano, a este ámbito ascende aos 350M€.

Moisés Rodríguez puxo en valor a política “de feitos” do Goberno de Alfonso Rueda e salientou que, no que vai de lexislatura, xa ten moito avanzado do reto de incrementar en 4.000 vivendas o noso parque público e que, neste ano, se entregarán os primeiros fogares. E avanzou que, de cara a 2030, o obxectivo é acadar outras 2.000 máis.

E rematou sinalando que, en Galicia, máis do 71% do investimento destinado á construción de vivendas “estase a executar con fondos da Comunidade e con cero euros de fondos estatais”.